viernes, 8 de mayo de 2009

Un paseo por Barbantes



Panorámica desde o bar Boa Vista. Comprobo que a fotografía non é o meu

Chegamos a media tarde a Barbantes ou, mellor dito, á Barca de Barbantes. Estacionamos diante do bar Boa Vista, un nome ben posto porque desde a súa terraza desfrútase dunha vista inmellorable sobre este precioso tramo do Miño centroso, desde Santa Cruz de Arrabaldo ata cerca de Laias por esta banda de Barbantes e de Feá ata Troncoso pola de enfronte. As paisaxes, desde a balconada do bar, lembráronme outras inesquecibles que divisara hai bastantes anos no Ródano, as das coidadísimas viñas que subían polas ladeiras de Tournon e Hermitage vistas desde aquel cámping, á beira do gran río, onde estaba instalada a nosa tenda de campaña. Falta, neste caso, o paso daquelas grandes barcazas que cheas de turistas franceses e alemáns sucaban o Ródano e aquela fermosa ponte colgante que unía Tain l´Hermitage e Tournon.

O balcón do bar Boa Vista está situado case encima do lugar onde estaba o porto da máis famosa e histórica das barcas que cruzaba esta parte do Miño, barca que está na orixe do nome do lugar. Foi a barca de Barbantes paso obrigado de moitos vellos camiños que desde O Ribeiro, as terras do Carballiño e outros lugares ían a Ourense. Ata que se construíu a estrada Vigo-Ourense, a mediados do século XIX, resultaba máis cómodo pasar aquí a barca e logo subir ata Ourense pola ribeira esquerda do Miño. Neses tempos A Barca era un lugar da freguesía de Laias, en concreto o máis habitado da parroquia na época do Catastro de Ensenada, a mediados do século XVIII, con vintetrés veciños sobre un total de oitenta e oito. A parroquia de Santo Antonio da Barca de Barbantes é de nova creación, data da división diocesana de 1956.

Logo da primeira inspección visual do territorio e de comprobar o negativo aspecto que xoga, desde un punto vista paisaxístico, unha gran adega industrial que case tapa a fermosa vista do lugar de Feá, baixamos ó novo paseo fluvial que discorre pola beira do río en dirección a Laias. No empinado descenso ata o paseo cruzamos a antiga rúa principal do lugar, continuación do camiño vello que viña de Ribadavia e se dirixía ó porto da barca. A maioría do novo e abundante casarío do pobo construíuse a carón da estrada Vigo Ourense, obra de mediados do século XIX, e da estación do tren, unhas décadas posterior á estrada. Pero iso non borrou a estructura orixinal do pobo, facilmente detectable para un observador atento. Descubrimos tamén na baixada cara ao río unha fermosa primavera adiantada. Evidenciaban esa primavera temperá as moitas especies de flores que había nos balcóns das casas e o estado avanzado dos cultivos dun par de tarreos, pero chamou a miña atención, sobre todo, o tamaño que acadaban as brevas dunha figueira. Observamos ó mesmo tempo un dos poucos efectos positivos dos encoros, que non é outro que a diminución das xeadas: uns laranxeiros esplendorosos, nun ano onde moitos foron queimados en lugares agarimados, daban fe de tal realidade.

O novo paseo fluvial, austero e discreto, como deben ser estes camiños, discorre entre o río e multitude de pequenas leiras de viña e tarreo que se estenden ata a vía do tren. O reparto de cultivos en pouco se diferenciaría do que poderiamos atopar nas mesmas leiras hai dous ou tres séculos. Un par de nogueiras enormes, en sendas parcelas ermas, fíxome adiviñar máis que probables preitos cos propietarios lindeiros por culpa da sombra destas árbores que, xunto coa das figueiras, nunca gozou de boa fama. Antigamente, no Ribeiro, entre viñas e cultivos de horta, non se permitían árbores de tal tamaño, se acaso pequenas especies froiteiras, sempre que non asombrasen o eido dos veciños. Mentres ía eu cavilando nestas sombras, algúns pescadores probaban sorte nas augas do río. Escoitei a dous deles que comentaban como parecía que as augas corrían cara arriba, e iso chamou a miña atención: en efecto unha suave brisa que viña de abaixo rizaba a superficie da auga con ondas que corrían cara a Ourense. Era a mesma brisa que movía as nubes, a que unhas veces nos regalaba un golpiño de auga, que máis que mollar bendicía, e outras traía unhas raiolas dese sol de inclinación case equinocial que descubre, coma ningún, as doces luces das terras e dos ceos do Ribeiro e a profundidade case mística das súas paisaxes.

Estabamos chegando ó coidado campo de fútbol e lembraba eu os versos do meu amigo Manuel Vilanova:

Vianova e Vilanova, na beira esquerda das troitas,
dela naceu unha fonte
e del un verde olivare,
que do ceo deceu, Barca
de Barbantes, florida de virtudes
tanta cortesía,
saúdan os navíos e as vías novas
das vilas novas na fonte dos poemas.


Levábame o pensamento a unha tarde de maio florido cando xuntos na súa casa, nesta banda do río, repasábamos topónimos de Barbantes. Porto de Cima, A Veiga, As Hortas, Souto da Barca, O Campiño, A Eira e Porto de Fondo; son nomes de paraxes que lindan con este paseo. Carpazás, O Vieiro, Loureiro, Os Mouros, As Pedrazas, Agüeiro, Amarón, As Minas, A Cortiña, A Moreira, Os Lameiros, As Casarellas, Souto de Cabo, As Naveiras, Cima do Penedo, Chavella, A Chaira, O Pontillón, As Lamigueiras e A Cruz son algúns nomes máis que eu teño anotado.

Faltan pouco máis de cen metros para unir este novo tramo do paseo co camiño que ven do Balneario de Laias, por iso é preciso dar unha pequena volta e andar algúns metros máis por unha estrada local para situarse no principio do devandito camiño. Foi un bo momento para comprobar a perfecta planicie das terras que van desde a base do San Trocado ata o Miño. Esta característica de chaira perfecta á beira do río repítese á beira do Avia nas Veigas de Bieite, nos Fondales de Beade ou no Barco de San Cristovo, o mesmo que no Barco de Valdeorras, no Sil. De feito eses dous Barco fixéronme pensar algunha vez se o nome da Barca de Barbantes se debía a esta característica orográfica das súas terras ou á barca que cruzaba o Miño; parece que ó segundo pero non é un tema que teña investigado en profundidade.

Recoñecín no principio do camiño que vai ó balneario de Laias o lugar onde, hai tres ou catro anos, o meu fillo Raúl e máis eu, fixeramos un descanso cando realizábamos este mesmo percorrido en canoa polo río, a primeira vez que coñecín de cerca estas paraxes. Ese lugar debe corresponderse co antigo Porto de Fondo, onde outra barca cruzaba o Miño. Desde aquí contémplase, enfronte, a antiga Torre de Puga, solar orixinario dunha das familias fidalgas que máis se estendeu polo Ribeiro, e por iso en poucos brasóns desta comarca faltan os catro caldeiros que a identifican. Un pouco máis arriba está o fermoso Pazo do Olivar. Non alcanzo a ver se arranxaron a casa, pero o que queda claro é que se recuperaron e plantaron de viña todas as súas terras, e a ladeira aparece primorosa á nosa vista. Trátase dun comportamento ben diferenciado entre este Ribeiro do Miño, da banda de Castrelo, e o do Ribeiro de Avia: mentres no segundo a maioría das mellores terras para o cultivo das vides esta erma, no Ribeiro do Miño, e máis concretamente no da banda de Castrelo, obsérvanse novas e grandes plantacións. A cousa haberá que estudala porque, en principio, esas terras, tanto pola súa orientación, ó norte, coma pola súa natureza, máis profundas e fértiles, non casan cos tan predicados obxectivos de mellora da calidade dos nosos viños. A clave tal vez estea en que, tal como penso desde hai tempo, calquera terra do Ribeiro, coa selección de variedades axeitada, e a salvo do problema das xeadas, ten a súa maior potencialidade no cultivo do viño, loxicamente con diferentes calidades, pero iso ocorre en tódalas zonas vitícolas do mundo. No exemplo que poñía antes do Ródano, a denominación Hermitage, unha das máis famosas de Europa, está reducida a 123 hectáreas na ladeira do mesmo nome. Desta ladeira saen uns 3500 hectolitros de viño cada ano, un 75% tintos elaborados coa variedade syrah. Das partes máis baixas do val saen maiormente brancos coa denominación Crozes-Hermitage, elaborados a base das variedades marsanne e rousanne, tamén de excelente calidade, pero a un prezo moito máis económico cós primeiros.


camiño entre o bosque

Desde o Porto de Fondo ata cerca do Balneario de Laias o camiño atravesa un tupido e fermoso bosque de ribeira: carballos, salgueiros, freixos, amieiros, cerdeiras bravas, sobreiras e bidueiros. Sorprendeume a abundancia desta última especie, moi rara no Ribeiro de Avia e creo que máis característica de terras máis frías cás nosas. De cando en vez, á dereita, algunha viña ben coidada e algúns invernadoiros abandonados. Omnipresentes os trinos dos paxariños neste, sospeito, seu reino; tal vez aquí, á noitiña, non sexa difícil escoitar o canto do malvís e do reiseñor. Atopamos tamén unha especie de área de descanso cuns bancos e uns carteis informativos. O seu estado de abandono demostra ben ás claras ata que punto neste país noso resulta máis fácil facer as cousas ca conservalas.

bancos entre o mato

Recuperamos a vista do río moi cerca do Balneario. Abundaban agora os mimosais. Máis pescantíns. Enfronte o pobo de Troncoso e o pazo da Cavadiña. Un pouco máis arriba Freás. Son pobos fermosos, pero algo umbrosos no inverno. Teño noticia doutra antiga barca que pasaba xente entre Troncoso e Laias. O barqueiro no ano 1805 era un tal Manuel González; seino porque fora encausado como cómplice nun roubo que se producira en San Clodio a noite do día sete de xaneiro dese ano. O xuíz non puido probar a participación do barqueiro, pero no fallo recomendáballe que de ningún modo fie ni entregue las llaves del barco a ninguna persona sospechosa y principalmente de noche. Ignoro se cumpriu tal recomendación.

Non me paro na descrición do Balneario, que supoño ben coñecido pola maioría dos lectores. Direi, iso si, que para o meu gusto é un dos máis integrados nestas paisaxes, e o enclave paréceme un dos máis fermosos das ribeiras do Miño. Tomamos un café na terraza que dá ó río e desfrutamos da vista cara o pobo de Astariz. Ó ocaso divisábase a contraluz o Faro de Avión. Quedaría home e medio de sol cando, contradicindo ó poeta, decidimos volver pola mesma senda que acabábamos de pisar.

O Carballiño 12-04-09

No hay comentarios: