domingo, 20 de septiembre de 2009

Crónicas de París II: Beirarrúas

Desde hai algún tempo, cando viaxo a calquera vila ou cidade, o primeiro polo que me intereso non é, como cabería esperar, polos seus monumentos, prazas ou museos, senón polas súas beirarrúas. A algúns pareceralle unha excentricidade, e probablemente o sexa, pero eu estou convencido que a través do estudo das súas beirarrúas pode saberse moito dos pobos, das cidades e incluso dos países. Para satisfacer as ansias por saber máis sobre este, para min, importante elemento arquitectónico urbano, non utilizo soamente as viaxes –sempre escasas nun sedentario coma min-; teño tentado outras vías de investigación, pero nin sequera en internet ou nas máis voluminosas enciclopedias atopei gran cousa sobre o tema. Pensei algunha vez en botar man dos amigos que viaxan máis, pero pareceume un prezo demasiado elevado ter que ver milleiros de fotografías, cando non horas enteiras de vídeos mareantes, para poder formular eu unha simple preguntiña: e que che pareceron as beirarrúas?

En España, o tan cacareado plan E (suposto plan para dinamizar o emprego) puxo a proba a imaxinación dos concellos á hora de buscar obras prioritarias. Como era de supoñer, de tal virtude non andan sobros os nosos consistorios, e a maioría tiveron a mesma idea: poñer ou cambiar beirarrúas. Xustamente enredar no meu particular e raro obxecto de deseo, cando non en cousas máis importantes que non precisaban ser tocadas. E, que ten de malo iso? Nada, se non fose que unhas veces se optou por luxos innecesarios e outras por desfacer beirarrúas en perfecto estado de revista.



Na miña viaxe a París andei moitos quilómetros polas súas rúas, e podo dar fe dunha cousa que sorprenderá a moitos: a case totalidade das beirarrúas dos seus grandes bulevares son de asfalto. Si; simple, puro e negro asfalto. Nada de pedras nobres nin de baldosas de cores: asfalto e nada máis. A penas lle resta monumentalidade á cidade e moito menos comodidade a estas rúas. Evidentemente, o asfalto non campa tanto coma a pedra ou unha baldosa axeitada, pero, mes amis, a economía é unha cousa de prioridades. Nunha situación de crise coma a que estamos pasando, haberá cousas máis importantes, digo eu, ca desfacer beirarrúas para cambialas por outras mellores, e, por suposto, máis caras. Ademais, un maior custo non sempre garante unhas beirarrúas máis fermosas ou máis cómodas. Resulta ridícula e de gusto dubidoso esa alternancia de cores, tan habitual en España, entre unhas beirarrúas e outras: aquí baldosas laranxas, alá vermellas con brancas, acolá verdes... Por non falar do agravio comparativo que se comete poñéndolle a uns beirarrúas de calidade superior cá outros, pagando todos os mesmos impostos. Cando, de volta de París, entraba en Galicia, parei nunha das primeiras vilas que se atopan despois de cruzar O Padornelo e A Canda. Estacionei nunha rúa onde alternaban galpóns de bloque con teito de uralita, casas medio arruinadas cubertas con tella do país, edificios de tres pisos con tellados de pizarra e casas de ladrillo cubertas con tella plana. As beirarrúas eran dunha baldosa verde de moi boa calidade, que pola pinta de nova aseguraría era froito do plan E. Lembreime daquilo que repetíamos moito de pequenos: “aínda que a mona se vista de seda se mona é mona se queda”.

Agora pregúntome eu, se Francia é un país máis rico ca nós –que o é- e os impostos non son menores cós nosos –que non o son-, por que os seus pobos e cidades non teñen unhas beirarrúas mellores?; por que os seus pobos e cidades non están de noite tan alumeados coma os nosos? –París de noite parece unha cidade a escuras se a comparamos con calquera cidade española-; por que as estradas, en xeral, son bastante peores cás nosas? A resposta a estas preguntas é sinxela: gastan os cartos noutras cousas. En que? Pois por exemplo en educación ou en sanidade.

De volta no fogar, comprobei como medrara a herba na corredoira pola que teño que ir andando ó centro da vila. Alí, no centro, o martelo pneumático seguía a desfacer beirarrúas. Xusto detrás viñan os traballadores das empresas beneficiadas polo plan E poñendo as novas. Na televisión informaban que este curso haberá que pagar os libros de texto, que se cerran non sei cantas escolas unitarias, que segue sen haber cartos para comedores escolares, que hai persoas que morren desasistidas antes de atoper praza nunha residencia de anciáns e que se suspendían as intervencións cirúrxicas polas tardes nos hospitais públicos. Por sorte, pensei eu, algúns van ter as mellores beirarrúas da Unión.

No hay comentarios: