lunes, 19 de octubre de 2009

Deleiba e deseiva /2

Non tiña pensado escribir un novo post sobre deseiva e deleiva, pero un correo do profesor Antón Santamarina fíxome cambiar de opinión. Dime que o Corominas trata algo o tema de deseiva e que debía miralo, pois propón unha etimoloxía diferente. Ten razón Antón, o que escribín fíxeno sen consultar o Corominas. Na realidade a etimoloxía de deseiva parecíame tan clara (des-eiva), que non se me ocorrera que puidese ter que ver con ningunha outra palabra que non fose eiva. Moito menos cando o propio don Eladio nunha das acepcións de deseivar escribía: «quitar a uno la EIVA». Pero, é certo: ás veces as cousas que parecen máis claras son as máis falsas.

De tódolos xeitos, gustaríame comezar esta segunda entrega remarcando algo: o obxectivo fundamental do meu primeiro post era dicir que deseiva, entendida coma desfeita ou desastre, é palabra viva, moi coñecida nalgunhas partes de Galicia, e, por iso, sorprendíame da súa ausencia dos diccionarios de galego actuais. As consideracións etimolóxicas, como non podía ser doutro xeito, partindo de min, eran secundarias. Aínda recoñecendo a importancia do étimo para os lingüistas, estou con Marc Bloch cando afirmaba que unha palabra vale moito menos pola súa etimoloxía ca polo uso que se lle dá en cada época. Pero, xustamente, o estudo de deleiba, como sinónimo de deseiva, non permitía obviar esas consideracións. Deleiba parecíame, e sígueme parecendo, difícil de explicar na súa etimoloxía sen admitir algún tipo de contaminación ou confusión con deseiva, que debe ser a forma etimoloxicamente correcta. E, sexa como sexa, non atopo ningunha razón para que algúns diccionarios de galego actuais rexistren a palabra deleiba e ignoren deseiva.

Paso agora a analizar o que pon o Corominas. Na voz savia lemos que esta palabra ven do lat. sapa ‘viño cocido’; que en castelán é de uso moi recente, tomada do catalán saba, ou cecais máis ben do fr. sève por conducto do galego-portugués seiva, sálvia, «que es también palabra moderna en este idioma y debida a una adaptación de la voz francesa bajo la influencia de saiva ‘saliva’...». Para salvar as dificultades fonéticas que presentaría unha continuación regular desde o latín sapa, esfórzase Corominas en explicar que o cast. savia e os port. seiva e seve, deben ser préstamos doutros romances. De seiva di que en Portugal o fr. sève asimilouse co nome doutro líquido vital, a saíva (do latín saliva). Aquí a cousa comeza a complicarse, porque saíva non aparece nos diccionarios de portugués, que xa datan a forma latinizante saliva no século XIII; non obstante, Corominas apoiase en Leite de Vasconcelos, quen afirma nos Opúsculos que saíva é a forma antiga, que pasou foneticamente a séiva, voz que rexistra nalgúns pobos do norte de Portugal. Pola miña banda, confirmo a presencia de saíva, a través do TMILG, nunha cantiga de lírica profana galego-portuguesa do século XIII . En Galicia, o primeiro diccionario histórico que recolle seiva é o Leiras (1906), coma saliva. Don Eladio ignora para seiva ese significado e dalle o do castelán savia, mentres reserva para saliva a palabra saíva. Valladares (1884), ignora seiva e recolle para o castelán savia un galego sálvia, sálvea ou sábea. Pero, para o que nos interesa, o Corominas, despois de dictaminar a asimilación das dúas palabras (saiba e saliva) en saíva>seiva, simplemente apunta: «..el fr. sève se le dió en Portugal la forma seiva; de ahí gall. deseibar ‘lavar por primera vez la ropa blanca sucia’(Sarm. CaG. 186r, 195r)...». Volve a citar o verbo deseivar, agora con v, na voz diluir:« De diluviare.. podrían proceder algunhas formas galegas como deloubar ‘dar a la ropa una primera lavadura’ (deseivar y desañar en otras partes)...». En suma, para o Corominas deseivar ten que ver con saíva>seiva, aínda que non explica para nada que relación pode haber entre a saíva e lavar a roupa blanca por primeira vez. Tamén ignora completamente calquera posible relación entre deseivar e eiva, e iso a pesar que fala de eiva no voz aleve, e que o Valladares, obra que utiliza a miúdo como referencia para as voces galegas, diferencia entre desaivar e deseivar. Deste xeito, para o Corominas deseivar viría de des-seivar, mentres eu propoñía no primeiro post un des-eiva para deseiva, o que significaría un des-eivar para o verbo.

Vexamos. Hai unha clara relación entre saíva e o verbo desaivar/desaibar. No Manuscrito de Rodríguez (1855) é onde aparece definido por primeira vez: « desaibar: 1. Quitar la saliva á las madejas del lino ó estopa para que no se pudran si tardaren en cocerlas y blanquearlas. La operacion consiste en mojarlas y sacudirlas bien en agua fria ó templada con algo de ceniza para que suelte la viscosidad que recibió de la boca de la hilandera. 2. Por extension se dice de la primera lavadura de la ropa blanca ó ántes de darle la legía.». É unha definición que, máis ou menos copiada, recollen os diccionarios posteriores, incluído o Valladares (desaivar), que rexistra separadamente o verbo deseivar: «Destullir, Desimposibilitar etc. Adicion: V., ademas DESAIVAR en su segunda acepcion.». Esa segunda acepción é a mesma do manuscrito de Rodríguez. En resumo, Valladares non considera que desaivar e deseivar sexan o mesmo verbo, soamente sinónimos nunha acepción. Don Eladio debía pensar o mesmo; repite a definición de desaivar e escribe para deseivar: «v. a. Dar a la ropa blanca el primer lavado, dejándola enjabonada para lavarla de nuevo. Destullir, quitar a uno la EIVA o tullimiento...».

Xustamente, en tollemento, como significado de eiva, creo eu que está a clave do asunto. Se eiva é tollemento, defecto ou mancha, e deseivar, entre outras cousas, sacar o tollemento, como se podería explicar que chegase a ter ese significado o verbo sen ter que ver con eiva? Dito doutro xeito, que probabilidade habería de que deseivar chegase a significar sacar a eiva sen ter que ver con eiva? Eu aseguraría que practicamente ningunha. Deste xeito, aínda que existe o verbo desaivar, equivalente ó castelán desalivar, cunha posible variante deseivar, relacionado coa operación de sacarlle a saíva ás madeixas de liño mediante un lavado, iso non exclúe a existencia do verbo des-eivar relacionado con sacar a eiva (entre outros, ós eivados). Incluso non me extrañaría que desaívar fose o resultado dun desprazamento, desde deseivar ‘sacar a mancha, o defecto, ou o tollemento’, por asociación etimolóxica coa saíva/seiva, a causa da técnica de elaboración tradicional das madeixas de liño, na que as mulleres ian humidecendo o fío con saíva.

En resumen, creo que neste caso a interpretación do Corominas non resulta acertada. A explicación tal vez estea na pouca información sobre a semántica de deseivar que podía ter o autor a través das fontes que utilizou. Os diccionarios históricos do galego son obras sumamente meritorias, pero non son perfectas. Teñen eivas, coma tódolos traballos que realizamos os mortais. Fixémonos en deseiva. A primeira definición aparece no diccionario de don Eladio: «‘s. f. La primera lavadura que se da a la ropa blanca’»; Franco Grande (1972) simplemente copia esa definición e hai que esperar ata as Frampas III (2001) de Elixio Rivas para atopar as acepcións de traballo minucioso, paliza e tunda. Non obstante segue sen aparecer a máis importante: desfeita ou desastre (especialmente nos cultivos; a causa de animais, arrolladas, sarabia,...), acepción que un descobre se fala con calquera que utilice a palabra, e que é a mesma que atopábamos naquela primeira ocorrencia que rexistraba o TILG nun Tío Marcos da Portela do ano 1919, e da que xa falamos no post anterior.

De deleiba, tal como dixen, sigo pensando o mesmo, que é unha forma mixta de deluva e deseiva, probablemente relacionada co xeito de preparación tradicional do liño, onde se realizaban as dúas operacións de deluva e deseiva. Non deixa de resultar interesante a relación que hai entre a técnica tradicional de elaboración do fío de liño e diversas acepcións semánticas destas palabras. Veume ben, de tódolos xeitos, consultar o Corominas; cando opina na voz diluir que do latín diluviare pode vir deloubar e deluba, afirma que «no hay que pensar en deglubare ‘descortezar’ que no ha dejado huellas en romance ni explicaría las formas en –ou-...». Ignoraba eu iso e pensara xustamente nese verbo deglubare para deluvar, tal como quedou escrito no primeiro post. Tamén pensara en diluviare, pero acabará descartando esa posibilidade ó perderse normalmente en galego o L intervocálico (diluviu>dioivo). Pero, en efecto, a evolución resulta doada desde a forma latinizante diluviar, e o campo semántico de deluvar adáptase perfectamente a esa orixe.

Para rematar, pode ser un bo momento para dar as grazas a Antón Santamarina por instrumentos coma o Diccionairo de Diccionarios do Galego ou o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG); sen eles, moitos non poderíamos investigar algunhas das cousas que investigamos. Grazas tamén por atender ó que escribe un Balbino calquera, coma min. Prometo de agora en diante consultar os índices do Corominas, incluso en voces galegas. O que non prometo e darlle a razón sen máis. Como dicia o xenial físico Richard Feynmann: ciencia é poñer en dúbida a opinión dos expertos.

No hay comentarios: