lunes, 5 de octubre de 2009

Deleiba e deseiva

¡Que se acabe a deleiba! era o título do artigo que publicaba Henrique Monteagudo na edición de Galicia do xornal El País o venres pasado (2 de outubro do 2009). Lin atentamente o artigo, coma o fago sempre que H. Monteagudo escribe algo, e coincido plenamente coa súa visión do tráxico panorama lingüístico de Galicia. Pero non é dos contidos do artigo do que quero escribir no meu blog, senón da palabra deleiba.

Escribe Monteagudo: «A voz deleiba, de uso corrente na miña terra de Muros, significa desfeita, desastre.». Sorprendeume a palabra, porque no Ribeiro eses mesmos significados tenos deseiva. E nunca oíra falar de deleibas, pero a miúdo de deseivas.

Non atopei a palabra deleiba en ningún dos dous dicionarios de galego que utilizo, o Xerais (Ed. 1986) e o da Real Academia Galega (Ed. online), pero para min foi máis asombroso descubrir que unha palabra galega tan viva coma deseiva tampouco aparecía. Acudín entón ós diccionarios históricos de galego e atopei deseiva, pero non deleiba. A primeira definición para deseiva aparece no don Eladio: «La primera lavadura que se da a la ropa blanca.». É unha definición que se repite no dicionario de Franco Grande e, máis explicada, nas Frampas III de Elixio Rivas: «Operación de deseivar o dar primer lavado, restregando lo hilado. De ahí deseiva, trabajo minucioso, a conciencia, en Boborás y en Fondo de Vila de X. de Ambía: deseiva, paliza, tunda. primera lavadura que se da a la ropa blanca.». A raíz deste significado está na palabra eiva, de etimoloxía dubidosa, para a que o dicionario de Xerais dá os significados de: «1.Falla. 2. Pequena mancha nun froito. 3. Defecto físico». A maioría dos diccionarios históricos de galego consideran tamén entre as primeiras acepcións de eiva a de ‘tollemento ou impedimento dun membro’ e a de ‘cualificativo que se dá á terra que non produce o que cabía esperar’. Deseiva sería, en xeral, a acción de sacar unha eiva. Máis especificamente, cando se di que deseiva (des + eiva) é a primeira lavadura que se lle dá á roupa branca, alúdese a que, antigamente, estes tecidos antes de usalos había que restregalos e lavalos para suavizalos: había que darlles unha tunda para eliminar o tollemento que traían. Non recolleu don Eladio máis acepcións cá citada, pero o certo é que a que máis se conservou, alomenos no Ribeiro, foi a de desfeita ou desastre. Que tal onte o Atlético?, adoitan preguntarme os luns. ¡Unha deseiva¡, adoito contestar eu apenado. ¡Que deseiva!, exclama o labrego, con máis pena ca min, cando descubre o que fixo o xabarín na súa horta...

Non aparece moito a palabra deseiva nos corpus do galego, pero aparece. No Tesouro Informatizado da Lingua Galela (TILG) rexístrase por primeira vez nun artigo do Tío Marcos da Portela (parrafeo 53º, 21 de Abril de 1919) titulado sentimento autonomista do pobo español, onde lemos, referíndose ós recortes de liberdades que sufrira o pobo de parte dos reis no pasado: «tampouco precisaba tal deseiva prá súa grandeza»; exemplo claro de utilización da verba como sinónimo de desfeita. Aparece despois, no mesmo TILG, unha referencia de Risco, de 1934, cando escribe no Mitteleuropa: «despois da deseiva que levara»; referíase ó cansazo que lle producira a viaxe do día anterior: fora unha verdadeira tunda. Particularmente, paréceme un uso moi forzado da voz o que fai Risco, igual có que se observa nas cinco ocorrencias restantes, incluída unha de Blanco Amor. Fóra do corpus rexistro, por exemplo, a Xesús Alonso Montero falando da mutilación dalgúns poemas de Curros nunha conferencia que pronunciou no I Congreso Internacional sobre o poeta de Celanova en 2001: « Cando o embaixador en Madrid de Álvarez Blázquez ante o Ministerio recibiu comunicación tan desmesurada, axiña me escribiu e copiou para min a deseiva que acabo de expoñer.»; outra vez a acepción de desfeita, que eu estou acostumado a escoitar.

E de deleiba? Nada de nada. Nada nos dicionarios históricos do galego e nada no TILG. Pero, cousa curiosa, se acudimos ó Padre Google atopamos: 124 ocorrencias de deseiva e 8530 de deleiba. Certamente, non todas se refiren ás palabras galegas, pero unha gran parte si. E gaña deleiba por goleada. Entre as causas fundamentais desta deseiva están: o título dun libro do escritor libanés Amin Maalouf traducido ó galego (A deleiba do mundo), e o gusto que lle colleron un bo número de novos autores galegos á ditosa deleiba. Cantaba Leopardi: Moda: Madama Morte ¡Madama Morte!...

Agora ben, a palabra deleiba existe. Henrrique non a inventou; entón, de onde ven? Non o sei con seguridade. Á espera de que outros me iluminen, paréceme a min que podería estar relacionada co verbo deluvarv. a. Refregar, rozar suavemente una cosa con otra. Estregar, frotar con fuerza las prendas de ropa blanca cuando se lavan o se enjabonan para quitarles la suciedad o las manchas.’ (Dic. don Eladio), e co substantivo deluva ‘acción e efecto de deluvar’, voces vivas tamén e, como vemos, con significados moi semellantes a deseivar e deseiva. Recolle Sarmiento o verbo deloubar, ‘En Santiago significa la primera lavadura de la ropa.’, e non fai referencia a deluvar, pero eu penso que se trata do mesmo verbo (neste caso, esa primeira lavadura da que fala Sarmiento, non se refire especificamente á que hai que darlle á roupa nova, o mesmo significado de deseiva, senón á roupa moi sucia, que a hai que deluvar antes de lavar). Rexistra en cambio o substantivo delubaDar de palos o golpes, v. g.: a fulano le dieron una grande deluba.’. Tampouco coñezo a etimoloxía de deluvar; Sarmiento preguntábase se deloubar non viría do latín deglubo. De acordo co contido semántico, tamén podería estar relacionado deluvar cos verbos latinos deglutinare ‘disolver, desliar, desatar’ e delavar ‘lavar’. Claro que, en último termo, habería que explicar a evolución deluva > deleiva. Tal vez sucedeu unha asociación ou confusión con deseiva; non o sei.

En todo caso, convén lembrar que: mázase o pulpo, mállase o trigo, delúvase a roupa sucia e os xabaríns fan deseivas nas hortas. Nunca escoitei que os xabaríns mazasen a terra nin que o pulpo houbera que deseivalo antes de cocelo. E, da deleiba do mundo? Sabe Deus...

Ata aquí o que eu puiden discurrir sobre deseivas e deleibas. Á espera de que outros aclaren máis as cousas ou nos libren dos erros, se pode ser sen producir gran deseiva, non diría eu ¡Que se acabe a deleiba!, pero alomenos que se deteña e se estude. Non sexa que, despois de deluvar, a deleiva non quede máis ca nunha simple deseiva.

No hay comentarios: