martes, 10 de noviembre de 2009

De Longoseiro a Eva Longoria, pasando por Longos

Unha aproximación ó estudo do tema "longo" na toponimia galega


Praia de Arealonga, no Vicedo


Estudaba no pasado post LONGOSEIROS ou LONGOSEIRO? a forma correcta deste topónimo, único no Nomenclator de Galicia, que dá nome a unha freguesía e a un lugar do concello do Carballiño. Nese estudo concluía que a forma correcta do topónimo era LONGOSEIRO e non a que rexistra o citado Nomenclator, LONGOSEIROS. Deixaba o estudo do significado do topónimo para outra ocasión, adiantando que iso levaríanos ó estudo da importante presencia do tema longo na toponimia.

Antes de nada, teño que dicir que se trata dun tema complexo e extenso. Tratarei de facer aquí unha primeira aproximación, centrándome nos topónimos que rexistra o Nomenclator de Galicia. En beneficio dos lectores non especialistas e da brevidade, precisdín dalgunhas referencias bibliográficas –moi doadas de atopar por aqueles que se dedican á onomástica- e da maioría das evolucións fonéticas, considerando que neste caso adoitan ser máis importantes as consideracións semánticas. Reitero que non se trata dun estudo exhaustivo, soamente dunha primeira aproximación.

O tema longo na toponimia galega

O primeiro que sorprende nesta cuestión é a abundancia do tema "longo" na toponimia. En Galicia, tomando como referencia o Nomenclator, atopamos nada menos que corenta e nove topónimos diferentes que poderían estar relacionados con este tema. Son os seguintes:
  • Agrolongo (2)
  • Ameiro Longo (1)
  • Amieiro Longo (1)
  • Alongar (1)
  • Alongos (1)
  • Arealonga, Area Longa (3)
  • Arelongo (1)
  • Augas Longas (1)
  • Bouzalonga, Bouza Longa (4)
  • Campolongo; Campo Longo (10)
  • Carballo Longo (1)
  • Casalonga (1)
  • Casas Longas (2)
  • Castiñeiro Longo, O (1)
  • Gandara Longa (1)
  • Lamalonga (4)
  • Leira Longa, A (2)
  • Longa, A (1)
  • Longaíño, O (1)
  • Longalai (1)
  • Lóngara; Lóngara, A (4)
  • Lóngaras, As (1)
  • Longarela (3)
  • Longás (1)
  • Longo (1)
  • Longos (1)
  • Longoseiro (1)
  • Longra, A (3)
  • Longras; Longras, As (2)
  • Longueiral (1)
  • Montelongo (3)
  • Pardalonga (1)
  • Pedra Longa, Pedralonga (2)
  • Penalonga; Penalonga, A (6)
  • Piagolongo (1)
  • Piegolongo (1)
  • Pradolongo (1)
  • Rabilonga (2)
  • Regolongo (1)
  • Regueiro Longo (1)
  • Ríolongo (1)
  • Soutolongo (1)
  • Torrelonga (1)
  • Valilongo (1)
  • Valonga (2)
  • Valongo (2)
  • Varalongo (1)
  • Varilongo (1)
  • Vilalonga (1)
Pero, a abundancia do tema non se limita a Galicia; en Portugal aparecen topónimos semellantes ós galegos e no resto de España tamén é un tema moi repetido: Longuera, Vallonga, Navalonguilla, Cala Llonga, Calonge, Campllong, Valonga, Fontllonga, Sayalonga, Longida, Longalendo, Longoria, Llonguera, Quintalonga, Perallonga, Longrey, Belonga, Solalonga, Peñallonga, Brañalonga, Cuestalonga, Morlongo, Longas....; topónimos ós que habería que sumar os que presentan a ditongación da o breve tónica en ue, característica do castelán: Villaluenga, Navaluenga, Valuengo, Pradoluengo, Luengos, Mataluenga... O tema tamén está presente fóra de España; por exemplo, é abundantísimo en Francia (Longueville, Longchamp, Longsols, Longre, Longeuaux, Longepierre, Longemaison...) ou en Italia (Longa, Longara, Longor, Longoratta... ).

Dúas preguntas poden axudar a centrar a cuestión:

1.- Están todos estes topónimos galegos relacionados co adxectivo latino longus ‘longo, grande, vasto’?
2.- No caso de ser así, a que pode ser debida tan numerosa presencia?

Adianto a miña resposta á primeira pregunta: “non teñen por que estar todos eses topónimos relacionados co adxectivo latino longus, pero é probable que a maioría si o estean”. Vexamos en que me fundamento para dar esta resposta.

Deixando á marxe o topónimo Alongos, que podería non ter que ver con este tema (Ver Hidronimia... de Bascuas, pp. 203-205), todos os restantes paréceme a min que conteñen o tema "longo". Agora ben, non sempre este tema tería porque estar relacionado co adxectivo latino longus.

Blanca Prósper (Lenguas y religiones... pp. 133 e stes.), estudando o a inscrición dunha ara votiva lusitana, na que se rexistra o hidrónimo Langanida, atopada no concello de Idanha a Nova, profunda no posible significado do adxectivo Langa. Remito ós que estean interesados no tema á lectura do traballo de Prósper; aquí simplemente apuntarei a conclusión máis importante para o que nos ocupa: segundo Prósper, sen excluír que longo sexa palabra celta, dada a limitada aparición xeográfica de toponimia -brig- co primeiro elemento Longo-, non se podería rexeitar a título de hipótese que esta sexa unha voz patrimonial do lusitano co significado de ‘val, meandro, curvatura, recodo dun río, et.’, «Quizás se explique igualmente de esta forma el origen del nombre del monte gallego Longos (Orense)». Chegamos a un significado semellante, en forma figurada, se atendemos a Falileyev, quen no seu Dictionary of Continental Celtic Place-Names, explica o nome da antiga Longobriga> Longroiva (Portugal) cun céltico longo- ‘barco’ e apunta que J. Lacroix interpreta o mesmo tema nos topónimos galos coma ‘vaso, nave’.

Á vista disto, a pregunta xurde de xeito inmediato: poderían estar algúns dos topónimos galegos recollidos na táboa relacionados con ese tema prerromano longo- ‘val’, e non co longus latino? Non deixa de ser unha hipótese atraínte. Por exemplo, detrás dos Valongo ou Varilongo poderíase atopar unha tautoloxía do tipo das que se dan tan frecuentemente en hidronimia, neste caso referente a val. Iso explicaría ese interese en cualificar os vales ou os prados coma longos; claro que menor explicación terían, de ser válida a hipótese, Casalonga ou Pedralonga, por poñer soamente dous exemplos. Pero, tamén podería ocorrer que os dous temas, prerromano e latino, estiveran repartidos entre os diferentes topónimos. Vexamos.

Para comezar, habería que fixarse no significado do latín longus ‘longo, grande, vasto’ e, posteriormente, do galego longo. Chegou ata nós a palabra co significado case exclusivo de longo, pero tamén tiña o de grande. Pois ben, en moitos destes topónimos, considero que é xustamente ese significado de grande o que corresponde ó contido semántico verdadeiro do topónimo. É por iso que a existencia de topónimos semellantes que leven o adxectivo grande (Areagrande (topónimo maior e frecuente en nomes de praias), Campo Grande, Reboredo Grande, Casagrande, Casa Grande, Casas Grandes, Castiñeira Grande, Lamagrande, Lama Grande, Montegrande, Monte Grande, Penagrande, Pena Grande, Prada Grande, Río Grande, Souto Grande, Valgrande (León), Vila Grande) ou pequeno ( Agra Pequena, Areapequena (nome frecuente de praias), Campo Pequeno, Reboredo Pequeno, Castiñeira Pequena, Cortos, Monte Pequeno, Prada Pequena, Regopequeno, Rego Corto, Regueiro Pequeno, Río Pequeno, Vila pequena ) pode aclarar, en bastantes ocasións, a orixe e significado do topónimo equivalente que presenta o tema "longo". Serían os casos de Agrolongo, Arealonga, Campolongo, Carballolongo, Soutolongo, Montelongo, etc. En todos eles parece indubidable a relación co longus latino, entendido coma grande. Agrolongo é o agro grande, Arealonga a praia grande, Campolongo o campo grande e Casalonga a casa grande. Incluso en casos dubidosos, coma Ríolongo, Piagolongo ou Pedralonga, creo que o acertado é interpretalos coma río grande, poza grande e pedra grande. Distinto sería o caso de Regolongo onde atopamos un Rego Corto. Tamén Augas Longas entendo que son augas grandes, crecidas ou abundantes: «el jnujerno quando vienen las aguas grandes », lemos na General Historia de Afonso X.

Comentario aparte merecerían os Valongo, Valonga, Varilongo e Valilongo. Creo que hai que descartar aquí calquera relación co tema prerromano longo ‘val’ e confirmar que se trata de diferentes formas de val longo. O caso da freguesía de San Martiño de Valongo, documentada como Vallelongo, penso que elimina calquera dúbida: o gran val que forma o río Deva preto da desembocadura no Miño, que destaca pola súa amplitude, é un claro e fermoso val grande, ou sexa un Val longo > Valongo. Algo parecido observamos nos restantes Valongo, incluído un portugués, nas proximidades de Porto. Non parece tan clara a orografía do Valonga do concello de Pol (Lugo), non obstante aporta outro matiz interesante: o xénero feminino do adxectivo, concordante co xénero do vallis latino, o mesmo que ocorre co frecuente Valboa. O feito de que non se observe un val grande arredor dun río, tampouco debe preocuparnos en exceso. Hai que ter en conta que val non significa soamente cunca dun río ou terra chaira entre dous montes, tal como entendemos agora. Vemos claramente iso na toponimia: por exemplo, o lugar do Val na freguesía de Bieite (Leiro), nin sequera está no fondo do val do Avia, e refírese ó nome dun núcleo habitado e as terras correspondentes, que ocupan un pequeno descanso na ladeira que sobe desde a beira do Avia (As Veigas) ata o coto de Santa Elena. Algo semellante ocorre co lugar de Valboa, na freguesía de Xurenzás (Boborás), esta vez no val do río Viñao. Non; val na toponimia non sempre se refire a vales ou cuncas de ríos, senón a parcelas chairas e fértiles nunha ladeira ou algo así. Esa podería ser a explicación do frecuente topónimo Vales, moi difícil de entender se se tratase de vales asociados á cuncas de ríos. Tal vez a definición que mellor se adapte a esta condición sexa a que atopamos Covarrubias (1611): «Valle, Lat. vallis, is. es un campo con llanura, pero cerrado de una parte y de otra montes.».

Quedaría agora o importante grupo de topónimos que non semellan compostos, aqueles que soamente presentan o tema "longo". Dentro destes, un grupo moi importante é o que forman Lóngara, Lóngaras, Lóngora, Longra, Longras, Longarela.

A opinión máis estendida é que todos estes topónimos están relacionados co latín longula, feminino de longulus ‘algo longo’, diminutivo de longus. Tito Livio xa nos fala da cidade de Longula, situada no antigo territorio dos Volscos, ó sur do Lacio. A gran difusión deste grupo de topónimos, con formas moi parecidas, por Italia, Francia e a Península Ibérica non deixa de resultar interesante. A razón, na miña opinión, pode ser a seguinte: unha característica importantísima dos pobos é a súa forma, o seu perfil xeométrico; o seu estudo adoita aclarar bastantes cousas sobre a historia das poboacións correspondentes. Hai dous tipos fundamentais de pobos, os que se formaron arredor dunha praza, dunha igrexa ou dunha fortificación, de perfil arredondado, como podería ser o caso de Ribadavia, e aqueloutros núcleos formados arredor dun camiño, de perfil lonxitudinal, como podería ser o caso do Carballiño do século XIX. Serían estes últimos pobos de estrutura lonxitudinal os que corresponderían con Longula > Longora > Longara > Longra.

Pero non sempre ese grupo de topónimos se ten por que referir a poboamentos. A característica de alongamento non é exclusiva de certos pobos, resulta moito máis común na parcelación das terras. Na colonización agrícola do territorio, para facilitar o acceso ós camiños, optouse case sempre por parcelas lonxitudinais (son as Longueras ‘campos estreitos e longos’ en castelán ou Llongueras en catalán, e probablemente teña algunha relación con esto o nome da antiga Terra de Longares no bispado de Tui, aínda que neste caso non descartaría, sen facer un estudo máis polo miúdo, o significado de Terras de Lonxe). Pois ben, iso explicaría algún Lóngara ou Longra, e probablemente tódalas Lóngaras e Longras. Con respecto a Longarela, en portugués aínda existe o adxectivo longarela ‘pessoa muito alta e delgada; espinafre; jerivá’, que axuda a confirmar a orixe e significado do topónimo, aplicando o adxectivo á forma do pobo ou dunha propiedade. A este grupo de topónimos pertencería, por certo, Longoria, o apelido da guapísima e famosa muller desesperada. Parece ser que o apelido da actriz ten a súa orixe no pobo asturiano de Longoria, no municipio de Belmonte de Miranda. Non quedou ningún Longoria en Galicia, pero os Tombos de Sobrado falan, nun documento de 1118, dun porto Longoria, e na colección diplomática de San Salvador de Camanzo rexístrase, en 1096, unha villa Longaria.

Longos

Situado eu no Carballiño estaría mal que falase de Longoseiro e non de Longos, nome de pobo e freguesía do concello de Cea. Longos é outro dos topónimos únicos do Nomenclator de Galicia, e non me perdoaría o meu amigo Rogelio, cura párroco da freguesía, que non tratase de aclarar o seu significado.

Non obstante, teño que dicir que, salvo descubrimentos imprevistos, nunca se poderá asegurar totalmente a orixe deste topónimo. Movémonos neste caso, coma en moitos outros, entre distintas posibilidades, todas elas plausibles, sen poder decidirnos por ningunha con total seguridade.

Podería estar o tema prerromano longo ‘val’, tal como aventura Prósper. É posible, pero baixo o meu punto de vista pouco probable. A primeira referencia do noso Longos, que eu saiba, é do ano 1166 e alúdese nese documento de Oseira á ecclesia de sancta Valeria de Longos, non ó monte de Longos que supón Prósper. En 1195, outro documento do mesmo mosteiro fala da villa que vocitant Longos. En conclusión, as primeiras referencias son dun poboamento con este nome. Iso fai que non poidamos descartar que se trate dunha alusión a uns primeiros posesores desas terras - os Longos.-, ou incluso ó cognome, Longus, dun antigo posesor en nominativo. Sería un caso semellante ó de Roucos, no que tamén dubidamos entre o alcume dunha familia e a conservación do nominativo no cognome Raucus. Longo foi, e é, alcume moi habitual en Galicia, e Longus xa funcionaba como cognome na época latina. Por outra banda, non resultaba raro que un lugar se denominase polo alcume dos posesores. Neste caso, ademais, temos nas proximidades de Longos, dentro da mesma freguesía, o lugar de Cazarrancas, que se identifica no mesmo documento de 1195, xunto á villa que vocitant Longos, coma casale que apellatur dos Arrancas. Polo tanto era un xeito de nomear que non resultaba estraño nestas terras.

Tampouco se pode descartar que Longos sexa un forma abreviada dun antigo nome composto. Sería un caso semellante o de A Longa, onde sospeito unha antiga leira longa, casa longa, ou algo semellante. Pois ben, para Longos, temos o caso do Mosteiro de Longos, en Monçao (Portugal), que non é máis ca un antigo Mosteiro de Longos Vales.

e Longoseiro

Se no caso de Longos me parece pouco probable o tema prerromano longo, en Longoseiro con máis razón. Parece case imposible a sufixación latina nun tema prerromano que, para conservar o valor apelativo, tería que competir cun adxectivo tan estendido coma longus. Non obstante, a morfoloxía do topónimo resulta singular. Un esperaría longoeiro ou longueiro, pero aquí xurde unha sorpresa: cando buscamos o tema longo no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG), descubrimos que a única forma derivada de longo que presenta terminación –eiro é Longoseyro. Xa me resultaba curiosa a falla de topónimos coma Longueiro ou Longueira, fronte a Costeira, Ladeira, Corveira, ... Sen pretender meterme en camisas de once varas, parece que longueiro ou longoeiro non foron adxectivos de uso moi frecuente no galego medieval –en portugués tampouco longueirao se documenta ata o século XVII-.

Pero, de onde pode vir entón Longoseiro? Para min o máis probable é que se trate dun Longoso + eiro. Certamente, a sufixación –oso con adxectivos non abunda moito en toponimia, pero aínda así atopamos un Fondoso no concello de Friol (Lugo). Un novo sufixo –eiro conduciría a Longoseiro. Esa mesma sufixación dobre atopámola en baboseiro, mimoseiro ou raposeiro.

O significado do topónimo sería: algo longo. Pero, paréceme importante sinalar que ese algo longo non era nin a vila nin a freguesía – non se trataría dun pobo ou unha freguesía alongada ou grande-, xa que nese caso habería que esperar xénero feminino. Tratarase, coma en multitude de casos, dun pobo que colleu o nome dunha antiga paraxe non habitada, probablemente un monte Longoseiro. Coma sempre, permanecen as dúbidas de se ese suposto monte Longoseiro, ou o que fose, era grandeiro ou estaba lonxeiro.