viernes, 28 de mayo de 2010

Soirexe

No meu libro Nomes do Ribeiro facía alusión ó lugar de Soirexe, na freguesía de Serantes (Leiro). Apuntaba que ese era o nome correcto e non o Suigrexa que aparece no Nomenclator de Galicia. Teño falado con algún membro da Comisión de Toponimia do importante que sería rexistrar a súa verdadeira e singular forma, pero, coma no caso de Longoseiro, non teño constancia de que nada se leve feito nesa dirección. E a verdade é que nin confío nin me preocupa moito o que se faga, tal é o meu grao de escepticismo con respecto á maioría das institucións deste País.

Victor Campio Pereira

Moito máis importante foi para min descubrir o poema Casal de Soirexe, de Victor Campio. E gran fortuna, ademais, poder falar persoalmente co poeta deste e doutros poemas seus.


Casal de Soirexe
Décimas do neno e do río

I
Luz facareña. Pendello
irto do tempo. Tecida
parede de noite. Espida
carne de sombra no espello.
Casal de Soirexe! Ai, vello
casal! Ai, neno estantío!
Ai, sangue de calofrío,
luz do solpor, bico, mel,
amor! (Ai, dor!). Caramel
soando aínda no río!

II
Caramel: merlo. No río
nace a canción e vén maina
-morna, esvaída- á solaina
onde está o neno estantío.
Chega a voz. Chega o cantío
de lonxe. Ai, neno a luz cega!
De lonxe este río chega
polo areal: tempo, vida.
Ai, neno: carne ferida,
talo de espiga, na sega!

III
Escoita! Escoita a agonía
do solpor! O vento traina
do salgueiral á solaina
no canto da cotovía.
Escoita! Quen asubía
tan lonxe? Quen verque pranto
no areal? Neno, meu santo,
sombra de min, neno antigo!
Ti no meu soño! Eu contigo!
erguendo este chorocanto!

IV
Eu contigo! A noite espalla
sombras en nós: carne núa.
Olla esta flor miña e túa
que a man do tempo traballa.
O tempo! A noite anavalla
en nós a rosa! Segado
estou de ti, seiturado
pola man que sega o trigo!
Eu aquí sen ti, contigo,
e ti no tempo, afogado!

Ningunha autoridade teño eu para valorar poetas, pero estou seguro que Victor Campio será recoñecido, en breve, coma un dos grandes das nosas letras, e que como tal será estudado cando se separe a palla do grao. Falamos do soneto Se chego no solpor que abre a súa Poesía reunida, desas noventa e dúas palabras de ouro da nosa lírica que di Alonso Montero, e tamén doutro poema que a min me estremece, Viñemos ver a terra. Pregunteille entón polo casal de Soirexe, de seguido me confesou que se trataba da casa onde vivira de neno no lugar homónimo da freguesía de Garabás (Maside), freguesía na que a súa nai exercía de mestra. Trátase da aldeíña que aparece co nome de Sueirexa no Nomenclator, pero tampouco: o correcto, igual ca no caso de Serantes, é Soirexe, o nome que lembra o neno estantío, o neno antigo afogado no tempo: a testemuña que nunca minte.


O que queda da solaina do Casal de Soirexe
Levoume a señora Manuela de Soirexe, antiga alumna de doña Amparo, a nai de Victor Campio, ó Casal de Soirexe, a casa onde vivira o neno Victor cos seus pais e irmás, a mesma onde estaba a escola. Faloume Manuela da gran solaina que tiña, toda orientada ó sur, o lugar no que, de nenos, nos recreos, tomaban o sol ou regardábanse da choiva. Hoxe, na casa, dividida entre dous propietarios e moi modificada, soamente os piares e vigas de pedra que sostiñan a gran balconada permiten sospeitar a vella solaina. Daba xenio ver á señora Manuela, cos seus oitenta e dous anos, saltando os valados para buscar unha vista imposible do conxunto da casa.

Estivera unha soia vez no meu Soirexe, no de Serantes. Eu era un cativo. Fora co meu pai, en paz descanse, na vella camioneta Land Rover, buscar unha becerra para o Maxino, o carniceiro de Leiro. Pasaron case cincuenta anos desde aquela viaxe e foi o poema de Victor Campio quen me levou de novo a Soirexe. Recoñecín de seguido a imaxe nítida que permanecía imborrable na miña memoria cando, desde un claro do monte, no camiño que baixa da igrexa de Serantes, tiven a renovada visión do lugar. Un fermoso casar, illado, entre os piñeirais, no medio dun chao de viñas ben traballadas; un ribeiro alto que se abre ó horizonte do nacente, para divisar, ao lonxe, as ladeiras de Cabanelas e de Anllo. Andivo perdido o nome do lugar na miña desordenada memoria durante anos, pero non a imaxe daquela paisaxe idílica que, de novo, tiña diante dos meus ollos.


Soirexe (Serantes, Leiro)
Desde o claro do monte, pareceume que o tempo non pasara. Pero pasara! Cando entrei no pobo comprobei que xa non vivía ninguén en Soirexe. Catro ou cinco casas moi humildes a medio esborrallar, algunhas coas portas abertas e os enseres no seu sitio, coma se os que se marcharan non tivesen conciencia de que xa nunca retornarían, e unha central de moi boa fábrica na que aínda se sospeitaba o coidado dos donos ausentes, tal vez os mesmos que manteñen ben traballadas as viñas que rodean o casarío. Baixei do coche e estiven alí, non sei canto tempo... Cantaban os merlos e, ao lonxe, escoitábase o cuco. Diante de min, meu santo, xogaba o neno estantío: o neno antigo afogado no tempo!

domingo, 16 de mayo de 2010

Consumatum est!


Tiña que ser M. Rivas quen escribise algunhas das palabras máis atinadas sobre o caso de Garzón. En Galicia sabemos moi ben o que é a xustiza: Castelao pregáballe a Deus para que nos librara dela!

Non vos perdades o artigo El Golpe que publicou este sábado no diario El País.

Despois de máis de trinta anos de democracia comprobamos con amargura que España segue a ser aquel País onde, como xa avisará Quevedo, por escaseza de xustiza, «es gran peligro tener razón». O mesmo no que os máis pecadores compiten entre si para ver a quen lle corresponde o mérito de ter lanzado a primeira pedra. E todos temos algo de culpa nesto.

A maiores, no caso de Garzón, hai algo máis: a persecución da virtude. Esta, que nunca abunda, resulta máis visible, e polo tanto máis exposta e ameazada, naqueles grupos humanos onde escasea especialmente: non lle fai falla ó Pico Sacro demasiada altitude para destacar sobre as chairas e outeiros circundantes. Xa Cervantes daba conta desta afección universal da persecución da virtude: «Mira, Sancho, dijo Don Quijote, donde quiera que está la virtud en eminente grado, es perseguida: pocos o ninguno de los famosos varones que pasaron dejó de ser calumniado de la malicia.». Intúo que, neste caso, os perseguidores xa conseguiron algo que non pretendían: colocar a Garzón na Historia de España. Non chegaremos a ver como os mesmos grupos que hoxe impulsan a súa persecución, mañá colocarán coroas de flores na súa tumba e patrocinarán actos na súa memoria; pero non porque non vaia suceder, senón porque a vida é breve. Cousas peores vemos a diario.