sábado, 14 de mayo de 2011

Cereixas da Santa Cruz


Mais il est bien court le temps des cerises...
Jean-Baptiste Clément

Digan o que digan os críticos literarios, atrevereime a poñerlle un pero á primeira parte da novela En busca do tempo perdido de Proust (No camiño de Swan). Cal? Pois este: o narrador, cando lembra a súa infancia en Combray, fala moi pouco das cerdeiras; e nada das cereixas. A moitos isto pareceralles unha parvada, e seguramente o sexa, pero ten a súa importancia: acaso ningunha árbore apareza máis unida ós nenos na historia da cultura universal cás cerdeiras, símbolo da inocencia na mitoloxía clásica. En Galicia, calquera que tivese contacto na súa infancia co mundo rural e revise a súa memoria atopará que as cerdeiras e as cereixas adoitan ser parte fundamental no relato desa parte da súa vida.


Non sei cando chegaron as cerdeiras a San Clodio –incluso é probable que cando chegou San Clodio xa as houbera-, pero a primeira noticia que teño delas remóntase á segunda metade do século XVI, cando se rexistra na parroquia unha paraxe que levaba o poético nome de As Cerdeiriñas de Pena Raposa. Catro séculos máis tarde,  na Plaza de San Clodio había oito cerdeiras. Lémbrome ben de todas. Eran, a da señora María, a Carlota; a da súa filla, a Elvira; a dos Seixás; as dúas do Luís, o Abeledo; a de don Pepe, o Chaví, e as dúas dos Salgadiños. As cinco primeiras estaban aliñadas á esquerda da estrada que cruza a Plaza na dirección de Riobó, cada unha fronte á casa de cadanseu dono. As dúas dos Salgadiños situábanse ó sur, na entrada da Carreira, diante da galería da súa propia vivenda, e a do Chaví, a única relativamente desprotexida, estaba fronte ó convento, diante do Forno Vello.


Hoxe non queda viva ningunha daquelas oito cerdeiras. Tampouco ningún dos donos. As cerdeiras, a diferencia doutras especies arbóreas, son efímeras; coma os homes, poucos exemplares alcanzan o século de vida, e non é raro que quen as plantou as vexa morrer. Non vin eu cando se plantaron aquelas oito cerdeiras da Plaza de San Clodio; cando eu era neno elas xa eran mozas. E cando eu era mozo elas xa eran vellas. Logo, cunha cadencia semellante á dos donos, funas vendo morrer, unha tras outra.


Coñecía ben as oito cerdeiras da Plaza de San Clodio; tanto coma elas a min. Tamén as cereixas que daba cada unha. As das Carlotas e as do Chaví eran ambroesas, as máis grandes e carnosas. As da cerdeira dabaixo do Abeledo e as das dúas dos Salgadiños tamén parecían ambroesas, pero eran máis pequenas e menos gustosas, coma se fosen algo bravas. As da cerdeira darriba do Abeledo eran cereixas das “negras”, moi doces: as máis deliciosas para os nenos e os paxaros, os mellores amigos das cerdeiras.

Pero, non me esquezo da cerdeira dos Seixás. Esta era de cereixas do cedo, de “cereixas da Santa Cruz”, nome que recibían porque algúns anos xa estaban maduras o 3 de Maio, o día da festa de San Clodio, cando ás outras –maiormente do San Antonio- aínda lles quedaba un mes de madura. Entre os festeiros forasteiros que viñan á Santa Cruz de San Clodio era grande o asombro que causaba ver as cereixas coloradas nesas datas tan temperás. Claro que iso soamente sucedía de cando en vez. Moito máis frecuente era que os festeiros visen os gromos das viñas queimados pola xeada.

O 3 de Maio deste ano, paseando polo Carballiño, chamou a miña atención unha pequena cerdeira, media agoirada, que xa tiña cereixas pintas! Sabendo que o Carballiño adoita ir un mínimo de 15 días máis atrasado ca San Codio en asuntos de vexetación, pensei inmediatamente que se trataba dun feito excepcional. De estar viva a cerdeira dos Seixás, este ano houbera tido cereixas maduras a mediados de Abril!... Certamente, concluín, neste mundo das presas, ata o tempo anda acelerado!

Cereixas da Santa Cruz no Carballiño (3 de maio do 2011)

Nunca deixa de sorprenderme o alborozo con que son recibidos estes adiantos da natureza polo común dos mortais. Eu son dos que prefiro que cada cousa veña na súa época, de vagar e sen presas, convencido de que o tempo, indo ó seu ritmo, xa corre demais. Certo que as cereixas da Santa Cruz, tan novas, fermosas e coloradiñas, insinuándose por entre as follas desde o alto da cerdeira dos Seixás, resultaban tan atractivas e tentadoras para nós, os nenos, coma a froita prohibida do Paraíso (que xa se sabe que non foi unha mazá, senón unha froita de carabuña) o debera ser para Adán; tan certo coma que, por probalas, eliximos o pecado en diversas ocasións.  Pero, desde logo, aquelas cereixas non tiñan o gusto nin a sazón das do San Antonio, as que viñan no seu tempo,  cereixas polas que, sobra dicilo, aínda pecamos máis veces ca polas do cedo.

Agora que o penso, tampouco debeu ser casualidade que fose a temperá cerdeira dos Seixás a que menos durou, entre as oito que había na Plaza de San Clodio. Tamén hai que dicir, en honor á  verdade, que a máis dura de todas foi a brava do Abeledo, aquela á que nin os paxaros  lle facían moito caso. Si, as dos Salgadiños tamén eran da mesma caste; pero esas morreron de morte violenta!

1 comentario:

Anónimo dijo...

¡¡Magnífico!!
Paulino