lunes, 8 de agosto de 2011

Exemplaridade pública


El ejemplo, ejemplar, desencadena una carga carismática, un encantamiento magnético, mucho más transformador que toda la coacción administrativa o legislativa, porque las leyes cambian la conducta externa de las personas, mientras que el ejemplo moldea sus conciencias y su  corazón.

Javier Gomá

Teño manifestado en diversas ocasións o meu desacordo coa liña informativa do periódico La Voz de Galicia, especialmente coa seguida pola edición de Ourense. Non obstante, iso non significa que non lle preste atención; algunha vez lin, e non esquecín, que é máis importante escoitar ós que non nos dan a razón cós que no la dan: soamente os primeiros nos poden axudar a descubrir os nosos erros. Ademais, esa liña seguida por La Voz de Galicia non impide que nas súas páxinas poidamos atopar colaboracións dignas das maiores louvanzas. Este é o caso da que hoxe me incita a escribir este breve apunte no meu blog: a asinada por Eduardo Olano que leva por título La Melonada de Melón e  que podedes ler premendo aquí.

 

Non coñezo a Eduardo Olano, pero o seu nome soábame como de antigo delegado de Agricultura, co goberno do PP, en Ourense. En efecto, fago unha consulta rápida en internet e, ademais de confirmar ese dato, vexo que tivo unha dilatada carreira política con esa formación.

 

Pois ben, se o artigo que hoxe escribe Eduardo Olano xa tería valor polo simple feito de denunciar un escándalo político de envergadura (que a alcaldesa de Melón, do PP, teña nomeado director xeral do municipio ó seu home, anterior alcalde do mesmo concello que non puido concorrer ás pasadas eleccións por estar inhabilitado polos tribunais de xustiza), escándalo que certifica a baixa calidade da nosa democracia, teno moito maior por vir dun home que non esconde  a súa «pública y notoria afinidad al PP, partido al que debo mi pasado político», e que pide que se «actúe con la determinación y rapidez que requiere el caso” para «corregir y evitar esta demencial situación».

 

Voces dese tipo, que non teñan medo a expresar libremente o que pensan, desde dentro do PP, do PSOE (no mesmo diario se trata o tema deses “asesores” do PSOE que, segundo a información, pretenden converterse en contratados laborais fixos da Deputación de Ourense; outro escándalo que, de ser certo, esixiría unha resposta semellante) ou do BNG, son sumamente necesarias. Tan necesarias coma que os partidos non fagan oídos xordos a ese sentir de fartura contra os abusos e os privilexios dos políticos, que xa comeza a ser un clamor social.

 

En suma, o meu recoñecemento e a miña noraboa ó señor Olano. Co seu xesto acaba de facer un importante servicio á imaxe do seu partido en particular e á democracia en xeral.  Soamente cabe esperar (sentados?) que o xesto se vexa coroado polas accións que solicita.

 

Certo que no mundo da política nunca faltou a hipocresía, pero talvez nunca sobraran tantos caraduras. Bótase en falta algo de “exemplaridade” (unha lectura recomendable sobre esa necesidade podería ser, xustamente, o libro do filósofo Javier Gomá, Ejemplaridad pública, do que tomo prestado o título para este apurado apunte). Con máis xestos “exemplares” coma o de Olano, e cunhas respostas rápidas e contundentes dos partidos, seríamos moitos os que volveríamos a ver nas eleccións a verdadeira festa da democracia da que falan os manuais de teoría do estado, e non esa comedia sen gracia, se acaso esperpéntica, á que, sen alegría de ningún tipo, asistimos de mala gana cada certo tempo. Cando asistimos.

 

E todo iso a pesar de que sabemos o que nos custan tan pésimas e periódicas representacións.

No hay comentarios: