lunes, 30 de enero de 2012

Aúpa Mirandés!!

C.D. Mirandés 1971-72

Escribía Max Aub que un é de onde fixo o bacharelato. Eu estou de acordo, e por iso me considero tanto de Ribadavia e de Miranda de Ebro coma de San Clodio.


No instituto Fray Pedro de Urbina de Miranda estudei eu os dous cursos do Bacharelato Superior, nos anos 1971-72 e 1972-73. Estaba interno no colexio menor Carlos M. Rodríguez de Valcárcel, que se atopaba xusto á beira do vetusto estadio de Anduva, onde xogaba e xoga o C. D. Mirandés. Desde as ventás dos baños dos pisos altos do edificio do colexio, que hoxe xa non existe, víase case todo o campo, excepto a portería do norte, e non foron poucos os domingos que vin xogar ó Mirandés deste esas ventás. Unha das poucas veces que paguei para entrar no campo foi cando xogou o Ourense. Lembro ben que fóramos a ver o partido todos os galegos que estabamos no colexio e algún que outro paisano que residía en Miranda. Saímos todos afónicos do campo. Pero, pagara a pena, o Ourense, por medio de Mantecón, empatara no último minuto do partido, 1-1, despois de ir perdendo gran parte do mesmo.  Fora unha gran alegría que celebraramos cumpridamente na taberna do manco, na parte vella de Miranda. Logo, na segunda volta, o Ourense vencera no Couto ó Mirandés por 5-1: miúdo “vacile” levaron os compañeiros de Miranda no instituto! Aquel era o Ourense de Varela Pérez, Seijas, Tomé… A min en Miranda gustárame, sobre todos, Gradín, un centrocampista con gran técnica e personalidade, tipo Schuster, que ata me parece que era de cara a Castrelo de Miño, pero xa non me lembro ben. O ano seguinte o Ourense e o Mirandés xa non xogaban no mesmo grupo da terceira e non puideramos revivir aquela festa. Pero a 1972-73 foi a temporada na que o Ourense fixo unha xesta semellante á do Mirandés deste ano: eliminou á Real Sociedade da Copa, despois de gañar 3-1 en Donosti, no antigo campo de Atocha. Daquela, foron os numerosos compañeiros da zona de Bergara, que tamén estaban no colexio de Miranda (Larrañaga, Lascurain, Julen, Alfredo, Arreguí, Oregui …), os que nos tiveron que aturar os nosos “vaciles”...

O C. D. Ourense  que eliminou á Real Sociedade

No Mirandés, daquela, dábanlle algún minuto a un compañeiro meu do colexio, Pachi, que era de Soria e o mellor dos equipos de fútbol e baloncesto do instituto, nos que xogaba quen esto escribe. Neste último equipo estaba Mariano, fillo do conserxe do colexio, que tamén xogaría un par de anos despois no Mirandés. En baloncesto, os grandes rivais do noso equipo eran os da Deóbriga –que case sempre nos gañaban-. A figura deles era un tal Ernesto Sáenz de Buruaga, un aleiro guaperas cun tiro excepcional, tipo Brabender. Dous anos despois sería compañeiro meu de curso e habitación en Vitoria, e gran amigo...


Non vos conto máis.  E se tivese a sorte de que algún dos antigos e queridos compañeiros daqueles marabillosos anos lese este texto, pois unha forte aperta.


Aupa Mirandés!!!

domingo, 15 de enero de 2012

Agaíme


O pasado tres de xaneiro, martes, foi un día frío, húmido e desapacible no Carballiño. Á tarde, decidimos dar un paseo polas antigas terras dos Chaos de Castela, confiando en atopar un tempo algo máis seco e despexado ca no Carballiño, e algo mellor estaba. Deixamos o coche no San Amaro e fomos andando por Agaíme, Viriña, Piroño e Ventoselo, todos lugares da freguesía de San Martiño de Beariz, excepto Agaíme, que pertence á de Santa María de Salamonde.


Desde o San Amaro a Agaíme haberá medio quilómetro en lixeira baixada. Algunha viña erma, campos abandonados e monte. O mapa 1:50.000 do Instituto Geográfico Nacional de 1946 permite comprobar como, en a penas cincuenta anos, a maior parte destas terras pasaron de estar cultivadas a monte. A aldea de Agaíme aparece de súpeto no medio do piñeiral. Segundo os datos do INE, no ano 2010 tiña 20 habitantes, pero eu sospeito que na realidade son menos. Moitas casas cerradas. Soamente ollamos a dúas persoas,  unha camiño do eido con seis ou sete vacas pacíficas e un can histérico, e outra que se meteu na casa en canto nos viu. O que levaba as vacas foi o que tranquilizou ó cadelo e nos confirmou o nome do lugar: “Aghaíme”, con gheada.

O casar de Agayme é un dos que xa figura nun documento do mosteiro de San Clodio que sempre se pon como exemplo do afán colonizador dos monxes bieitos no século XII, o testamento do abade Pelagius, do ano 1158. Nos séculos posteriores, unha boa parte destas farturentas terras dos Chaos de Castela, que na maioría conforman o que hoxe é o concello do San Amaro, serían do dominio do mosteiro ribeirá, que cobraba aquí a maioría das súas rendas de pan.

O nome de Agaíme sempre me pareceu enigmático, pero non figura no meu libro Nomes do Ribeiro –os Chaos de Castela non son Ribeiro- e ata o de agora nunca me detivera  a estudalo. Trátase dun deses casos únicos que, habitualmente, presentan difícil explicación. Supoño que será por iso polo que non atopei na bibliografía ningunha explicación do mesmo.

Debo comezar sinalando que a forma correcta do topónimo é Agaíme, e non Gaíme, como aparece no Nomenclátor de Galicia, nin tampouco A Gaíme, a forma con falsa segmentación –coma en O Grove ou A Golada- que figura nos carteis de entrada da poboación e nalgún outro rexistro. Para min trátase dun claro antrotopónimo, é dicir, do nome –no xenitivo– dun antigo posesor do lugar. Poñerlle o nome do dono a unha aldea foi un xeito moi habitual de nomear poboacións en Galicia entre os séculos VII e X. O problema neste caso é dar co nome que lle cadraría a Agaíme. Revisada a bibliografía e diversas fontes,  soamente atopo un que podería cadrar sen problema. Trataríase de Agaymus, o nome que levaba no século XIV un comerciante siciliano, nativo de Terra Corleone (quen se esquece do don Vito Corleone de Il Padrino!), segundo aparece rexistrado nun traballo do Anuario de Estudios Medievales (1994). O  raro nome tal vez podería estar relacionado con Agathymus, un nome grego pouco frecuente, de agathos ‘bo’ e thymos ‘humor’, pero haberá que ver o que nos din os doutores desta igrexa. Máis difícil me parece a relación coa raíz xermánica AG-, presente en Agebaldo, Ageberto, Agafredo Agido, Egido.

O paseo continuou por Viriña. Alí tivemos a sorpresa e a sorte de atoparnos cun vello amigo, que non se chama Agathimus, pero ben merecería este nome porque sempre nos congratula a súa conversa e a súa xenerosidade. Unha botella de albariño e un xamón ben curado foron a causa de que, cando a miña muller e máis eu chegamos de volta ó San Amaro, xa se botase a noite encima, coma agora!! Así que, abur! Xa seguiremos con Viriña, Piroño e Ventoselo.

martes, 10 de enero de 2012

O peso da crise


Ás veces un simple dato evita ter que perder o tempo dando explicacións innecesarias. Eu mesmo, porque me molesta que todo o mundo se presente como víctima da crise, teño perdido algún tratando de demostrar que non afecta a todos, ou que, como mínimo, non afecta a todos por igual. Un deses datos aparecía o outro día na maioría dos medios de comunicación, cando contaban que o ano 2011 se cerrara cunha estrepitosa caída na venta de coches –un magnífico indicador da evolución do consumo privado-. Matriculáronse en España no 2011 un 17,7 % de unidades menos ca no 2010, unha porcentaxe de caída que chegou en Galicia ó 34%. Pero, na noticia, comentábase de xeito breve este outro dato: «Y, una curiosidad, las ventas de coches de lujo se dispararon un 125%» (La Voz de Galicia, 3/1/2012). Diante disto, alguén mantén dúbidas sobre o reparto do peso da crise?


O goberno non sabe de onde recortar os 16.000 millóns de euros precisos para diminuír o déficit no 2012 ó nivel esixido por Bruxelas. Pois aí vai outro dato: Vicenc Navarro, acreditado catedrático de economía aplicada e de políticas públicas da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, estima que cun sistema impositivo tan progresivo coma o sueco a facenda española incrementaría os seus ingresos anuais en 200.000 millóns! Serían suficientes para xuntar, non os 16.000 millóns que pretende recortar o goberno, senón os 40.000 millóns que estima Moody´s e aínda quedarían cartos para crear arredor de catro millóns de postos de traballo. Claro que, habería un grave problema para levar adiante o que propón Vicenc Navarro: terían que pagar impostos os ricos!!

-Amigo, aí tocaches en oso!!!
-Certo…

P.D. Un magnífico complemento desta entrega pode ser este interesante artigo sobre o fraude fiscal de Manuel Lago, no diario La Voz de Galicia: Cartografía del fraude

domingo, 8 de enero de 2012

Isaac Díaz Pardo (1920-2012)

Co seu pai en 1925

Morreu Isaac Díaz Pardo. Descanse en paz. Como é ben sabido, era fillo do artista Camilo Díaz Baliño e de Antonia Pardo Méndez. Menos sabido é que levaba o seu nome polo do empresario Isaac Fraga Penedo, propietario de máis da metade dos cines que había nas cidades galegas nos anos vinte, que era natural de Miomás, aldea moi próxima ó Carballiño, na parroquia de Sagra. Camilo Díaz pintaba carteis publicitarios para os cines de Isaac Fraga en Santiago, fixéronse amigos e compadres, e de aí veu o nome de quen hoxe Galicia chora.  De tódolos xeitos, que eu, ignorante, escriba algo sobre Isaac Díaz Pardo, cando as mellores plumas do país compiten por elaborar o máis fermoso panexírico do finado, nada ten que ver con esa anécdota. Simplemente fago uso do dereito que me pode dar outra circunstancia: a de que o seu libro Galicia hoy y el resto del mundo estea entre a ducia dos meus favoritos no perfil do blog, xunto a outros tres galegos: Cantares Galegos, Aires da miña Terra e Sempre en Galiza. Nunca teño visto este libro en  seleccións semellantes, e non obstante manteño a miña opinión: considero que se trata dunha das análises máis lúcidas que endexamais se ten escrito sobre Galicia, e  iso a pesar de que o libro estea escrito en castelán –«voy a contar y decir estas cosas en castellano pues lo que quiero decir afecta a muchos que no saben gallego, y los gallegos también entendemos esa jerga que nos impuso Castilla». Aínda así, penso que a razón fundamental para a utilización do castelán foi o peche dun círculo que comezara a debuxar coa publicación en 1966 do mítico Galicia hoy, obra colectiva coordenada e asinada por Isaac Díaz Pardo (baixo o pseudónimo de Santiago Fernández) e por Luis Seoane (baixo o de Maximino Brocos). A mítica obra, editada por Ruedo Ibérico e impresa na Arxentina, circulou clandestinamente pola Galicia de finais do sesenta e tivo gran predicamento entre a intelectualidade galeguista da época por dar a coñecer a realidade histórica e social que o franquismo silenciaba: a situación da lingua, a guerra civil, a resistencia armada á dictadura, os exiliados… Certo que tamén axudou a inzar algún mito indesexable sobre a historia de Galicia, por exemplo o de presentar como mártir da patria a Pardo de Cela, persoeiro histórico a quen Albino Núñez xa cualificara acertadamente en 1964 de “sobresaínte inimigo da crase popular galega”. Galicia hoy y el resto del mundo (1987) é un libro en primeira persoa, a corpo aberto como diría M. Rivas, que parte da traxedia do testimoniador, o propio Isaac, que viu como a barbarie fascista acababa coa vida do seu pai. Desa ferida incurable - «No es el peor mal para un individuo que le maten a sus progenitores sino que lo dejen con la boca abierta y desmemoriado para toda la vida… la desmemorización es el arma más poderosa que manejan los enemigos de Galicia y es la causa de la confusa situación en que nos encontramos hoy…»- naceu este libro, «reivindicación de la memoria histórica, el antecedente de los hechos que por acción u omisión condicionan nuestra vida y nuestro comportamiento; por otro lado la protesta contra toda jerarquía, privilegio académico y preeminencia social, contra toda injusticia y contra todo engaño, estupidez y disfraz que tengamos que soportar en quienes tienen poder. ».

Sobre as súas facianas de artista, empresario, editor.., todas notabilísimas, xa se ten escrito de abondo. Pero eu quédome co seu pensamento, co seu Galicia hoy y el resto del mundo, coa súa lucidez de 1987. Logo, moito ruído, moitos aplausos... moito mariposeo ó seu arredor con fins semellantes ós que el criticara nos neomudejares aduladores de Castelao: «para beneficiarse de su prestigio ocultando su ejemplo desmitificador de toda solemnidad y de su amor a las causas justas de su pueblo». Soamente espero que non se cometa o atropelo de trasladar os seus restos ó Panteón de Galegos Ilustres, para non repetir a mesma montaxe que el denunciara ó fío do traslado dos de Castelao.

Ás veces abro o libro de Isaac Díaz Pardo por unha páxina que teño sinalada. Reproduce unha fotografía dun Isaac neno a quen o seu pai colle polo ombreiro e aperta cara a si: os dous parecen inmensamente felices. Debaixo da fotografía aparece unha reproducción da última carta que o pai lle escribiu á familia desde o cárcere de Santiago no verán do 36: «…Estoy bien, casi os diría muy bien, sino fuera por estar aquí… Tengo la seguridad de que yo estoy detenido por alguna calumnia, y así lo creen todos. Muchos besos y ponerme dos letras. Camilo.».


Os bos sempre infravaloran a maldade que existe no mundo.

lunes, 2 de enero de 2012

Madrid - Berlín



…en el terreno moral,
sólo el ejemplo predica,
sólo él encierra verdad,
no los tratados ni los discursos.
Ingenuidad aprendida
Javier Gomá Lanzón

A semana pasada, os medios de comunicación informaban da designación de Arantxa Sánchez Vicario como capitana do equipo feminino de tenis español da Copa Federación. A decisión da Federación Española foi aplaudida desde a maioría dos medios, que facían fincapé no excelente palmarés da afamada ex-tenista e nos seus éxitos nesa competición. En ningún caso se lembraban os problemas que a ex-tenista tivo con  Facenda. Como é ben sabido, o Tribunal Supremo condenou a Arantxa no ano 2009 a pagar máis de tres millóns de euros en concepto de impostos por defraudar ó fisco entre os anos 1989 e 1993. O Tribunal Supremo considerou probado que a tenista tiña a súa residencia en España, e non en Andorra como ela pretendía demostrar para non pagar impostos. Iso non impediu que no ano 1998 se lle outorgase o máis prezado galardón que se concede neste país, o Premio Príncipe de Asturias do deporte.

Tamén foron moi soados os problemas fiscais da alemana Steffi Graf, unha das mellores tenistas da historia e rival de Arantxa en moitas ocasións. Non obstante, as consecuencias dos deslices fiscais de Steffi en Alemaña foron moi distintas ás de Arantxa en España: ademais de pagar tódalas débedas coa facenda alemana, o pai da tenista, administrador das ganancias da filla, pasou 18 meses no cárcere, e ela foi apartada do equipo da Copa Federación en 1995, ano no que, por certo, gañou España, liderada por Arantxa. Ah! Houbo unha consecuencia común para as dúas tenistas: a Steffi Graf tamén lle deron o premio Príncipe de Asturias do deporte, en 1999.

-Exemplaridade pública neste país?...

-Ah, si!… ¡Pepe, mándame outra de funcionarios á grella!!
-Marchando!!

First we take Berlín, then we take Madrid….