lunes, 2 de julio de 2012

A máquina de discos do cámping de Leiro



A xente suicídase rara vez por reflexión.
O que desencadena a crise
 resulta case sempre incontrolable...
Albert Camus

Nada mellor cá música para transportarnos no espazo e no tempo. Sucedeu noutronte, soaba unha balada na radio e, de pronto, vinme, aínda adolescente, na cafetería do cámping de Leiro, entre finais dos anos sesenta e principios dos setenta.

A cafetería era unha das máis modernas daquela época. Tiña forma de L, coa base da letra paralela ó Avia e a altura mirando para San Clodio. Entrábase pola fachada que daba cara ó río, despois de pasar por unha terraza que adoitaba estar  sempre chea de xente nos meses de verán. Segundo se traspasaba a porta, á dereita e detrás dun amplo ventanal, estaban as dúas máquinas Petaco; unha delas, a Gran Parada, era a que levaba a maior parte das miñas minguadas pagas semanais. Á esquerda da mesma entrada, nunha repisa, estaba o televisor, e debaixo del a máquina de discos na que soaba a mesma balada que eu escoitaba noutronte.

As máquinas de discos foron elemento fundamental das cafeterías durante uns vinte anos. Calculo que chegaron a España a mediados dos anos sesenta e que se mantiveron ata ben entrados os oitenta. Competían con vantaxe con aquela televisión en branco e negro, única e oficial do franquismo, que soamente conseguía calar ás sinfonolas cos partidos de fútbol, con Galas del Sábado ou con algunha serie tal coma Viaje al fondo del mar, El Virginiano ou El fugitivo. Cancións tan fermosas coma Delilah, de Tom Jones, ou Killing me softly with this song, de Roberta Flack,  sempre as asocio eu con aquela sinfonola do cámping, aínda que a miña preferida era American Pie, de Don McLean, a que mellor se adaptaba ó ritmo do xogo da Gran Parada.

Na visión de noutronte, mentres eu xogaba na máquina, apoiado na espectacular barra de madeira vernizada da cafetería, que debía de ter cerca de vinte metros de longo, aparecía o Sergio de Berán. O Sergio, que fixera unha pequena fortuna nas américas, era o dono da maioría das máquinas que había nos bares e cafeterías de toda a contorna. Ás veces, cando non había ninguén xogando, sacaba un feixe de chaves, abría a Gran Parada, e regalábame unha ducia de partidas. A min aquel poder do Sergio sobre as máquinas impresionábame moito, e o toc! toc! característico que acompañaba ó aumento dos díxitos no marcador das partidas parecíame unha música entre máxica e celestial. O Sergio era un home de mediana idade, solitario e algo raro, pero de bo corazón; cando chegaran os éxitos de Abba, era capaz de poñer vinte veces seguidas o Fernando, canción que eu case cheguei a odiar de tanto escoitala. Un mal día soubemos que o Sergio se descerrellara un tiro no medio e medio da fronte coa escopeta de caza, parece ser que despois de recoller os resultados dunhas probas diagnósticas rutinarias. Agora, cada vez que escoito o Fernando de Abba paréceme unha canción fermosísima,  e penso que o Sergio debía de ser un home moito máis sensible do que aparentaba. Igualmente fermosa me parece a balada que noutronte me transportou ó cámping de Leiro, ó meu green grass of home*; era unha que cantaba Matt Monro e que dicía algo tan certo coma indiscutible:

Mas todo pasa, todo pasará!
Y nada queda, nada quedará!...




*a canción Green green grass of home foi escrita por Curly Putnum en 1964 e popularizada algúns anos despois por Tom Jones, aínda que eu prefiro a versión de Elvis Presley. Inspirouse o autor na secuencia final da película A xungla de Asfalto (1950) de John Huston, a miña preferida entre as deste gran director. Nesa mesma película está unha das secuencias maxistrais da historia do cine, unha na que o cerebro do golpe que acaba de dar o grupo de protagonistas da historia, canso de fuxir, prefire ser atrapado pola policía antes ca deixar de ver como unha mociña guapa se contornea bailando diante del ós sons da máquina de discos dun bar.




No hay comentarios: