martes, 25 de diciembre de 2012

Bo Nadal?

Balada de Nadal (Castelao)
Esta noite de Natal
noite de grande alegría
camiñando vai José
e maila Virgen María
canc. pop. galega

O pasado sábado aparecía no diario La Región un artigo asinado por Afonso Vázquez Monxardín que levaba este título:  “Bo Nadal? Seguro?”  Nel, o autor preguntábase se a forma correcta do nome en galego deste tempo do nacemento de Cristo non debería ser a mesma ca no portugués, é dicir, Natal; do contrario, escribía el, “sería a única sonorización dunha oclusiva dental que evolucionase distinta en galego e portugués”. O asunto pareceume interesante, e escribir algo sobre el un bo xeito de abandonar a inclemente actualidade e retornar a un dos temas habituais do meu blog: o léxico galego.

Postos en materia, en efecto, a primeira vista pode sorprender a diverxencia entre o portugués e o galego na forma normativa de denominar ó tempo da Natividade (< lat. nativĭtas,ātis):  Natal en portugués e Nadal en galego. As dúas proceden do latín natālis, de onde a sonorización  t>d conduciu a nadal. Pero esa sonorización, en xeral, foi común na Península Ibérica e  non afectou só ó galego-portugués ou ó catalán -que se cita no artigo pola coincidencia da forma Nadal co galego-, senón tamén ó castelán. Por iso, se acudimos ó diccionario da Real Academia Española atopamos Nadal ‘Día de Navidad’, como forma en desuso do castelán. Os exemplos que pon o autor do artigo de conservación da t non valen: convento (< lat. conventus) simplemente non deu convendo porque o grupo nt consérvase, coma en ponte, fonte ou monte; e nota (do lat. nota) é un cultismo, é dicir, unha das numerosas palabras que na súa morfoloxía non seguiron os cambios evolutivos normais desde o latín, habitualmente por consideracións culturais.  Por que o Natal portugués? Pois por iso, porque os portugueses prefiriron normativizar o cultismo natal e prescincir da forma patrimonial nadal. Mentres, en galego, e en castelán!, temos o doblete ‘voces diferentes cunha mesma orixe etimolóxica’ natal/nadal, o mesmo ca crear/criar, artigo/artello, estuario/esteiro etc., etc. Tanto en galego coma en castelán reservamos para natal o significado principal de ‘relativo ó nacemento’ –dise p. ex.: Galicia é o seu país natal-, e abandonouse (alomenos no idioma normativo) o de ‘día da Natividade’. Pero a forma patrimonial común, para o galego, o portugués, o castelán  e o catalán, estea ou non estea en uso, é nadal.

Centrándonos no significado de ‘día da Natividade’, no castelán perdéronse Nadal e Natal ó ser desprazados por Navidad (haploloxía de *nadividad, do lat. nativĭtas, ātis). Na Idade Media atópanse  numerosos exemplos da utilización desas formas en castelán: “C sueldos a la primera fiesta de Nadal” (Anónimo de 1250); “desta primera fiesta de Natal en adelante” (Anónimo 1252); pero a partir do século XV practicamente desaparecen. No caso do galego, na Idade Media conviven as dúas formas, pero con preeminencia da forma culta: o Corpus do TMILG rexistra 350 casos de Natal fronte a 27 de Nadal. Logo dos séculos escuros, continuou a convivencia das dúas formas na escrita, pero, por razóns que se me escapan, con preeminencia de Nadal; ata que chegou a normativización. Hai que sinalar, non obstante, que bastantes autores, entre eles Risco ou o actual presidente da RAG, X. L. Méndez Ferrín, usaron preferentemente a forma Natal.

En suma, Nadal é a forma patrimonial e Natal a forma culta. Tan galega a unha coma a outra. E o mesmo poderíamos dicir para o castelán ou para o portugués. Na fala, en efecto, aínda están vivas as dúas formas, o mesmo ca Navidá, que, por certo, tamén está documentada no galego medieval. No galego normativo non se acepta nin Natal nin Navidá. Por que? Ah! Iso haberá que preguntarllo ós académicos! 

Bo Nadal. Bo Natal. Feliz Navidá para todos.

No hay comentarios: