domingo, 24 de febrero de 2013

Finlandia: as leccións que veñen do frío (II)



Apuntaba ó final da pasada entrega que quedaban moitos aspectos sobre os que falar do modelo educativo finlandés, e que non era fácil escribir arredor de certas cousas. Como profesor con certa experiencia, sei o pouco que lle gusta ós docentes que se fale dos defectos do noso sistema, aínda que estes resulten evidentes e gravísimos. E cando se presentan as solucións alternativas dun modelo estranxeiro ou os resultados de probas avaliadoras internacionais (tales como as famosas PISA) que nos deixan en mal lugar, dise que as políticas foráneas non se poderían aplicar aquí, négase a validez das probas e denígrase ó mensaxeiro. Pero os males seguen aí, aínda que se ignoren.

Un aspecto moi importante dun sistema educativo é o xeito de selección e formación do profesorado, cuestión que quero analizar tomando como modelo de referencia o finlandés. Fixarei a miña atención, sobre todo, no sistema de selección dos docentes, un proceso que no noso país é exemplo, na miña opinión, dunha asignación pésima de recursos e dun gran despilfarro. Explícome:

En España, os futuros profesores de primaria teñen que acadar o grao de mestre (4 cursos) nas correspondentes facultades de formación do profesorado e logo superar unha oposición, pasando deste xeito a ser profesores nun centro público e funcionarios. Mentres, os futuros profesores de secundaria teñen que graduarse nunha facultade e logo realizar o master universitario de formación do profesorado na especialidade que lles corresponda; por exemplo, un aspirante a profesor de matemáticas ten que graduarse na facultade de matemáticas (4 cursos) e logo realizar o master de profesorado (1 curso) na súa especialidade. Unha vez completados os estudos, os candidatos a profesores de secundaria e bacharelato terán que superar, igual cós mestres, a oposición correspondente. Ata aquí, todo ben! Pero, hai un problema: nos últimos anos as prazas convocadas para profesores foron poucas ou ningunha! E as expectativas para o futuro non son mellores! Consecuencia: a maioría dos titulados capacitados para desenvolver a súa vida profesional como profesores, en primaria, secundaria e bacharelato, nunca conseguirán o obxectivo para o que se formaron! Todo o esforzo que realizaron e todos os recursos que gastaron, tanto as súas familias coma a sociedade, non valerán para o fin previsto! Xustamente niso consiste a pésima asignación de recursos e o despilfarro que antes sinalaba, no inútil gasto de inxentes cantidades de diñeiro e de tempo, por non falar do enorme gasto social que suporá (e xa supón) a frustración dun importante número de titulados universitarios que ou ben estarán parados ou ben desenvolverán traballos que non se corresponden cos seus estudos. Darei algúns datos. Cada ano titúlanse en Galicia arredor de 1600 mestres de educación primaria; mentres, este ano convocáronse menos de 200 prazas de mestres, e o ano pasado ningunha! Cada ano gradúanse en física e en química en Galicia arredor de 200 estudantes, e unha das saídas profesionais máis importantes para estes graduados era a de profesor de ensino medio; mentres, nos últimos anos convocáronse en Galicia cero prazas nesta disciplina! E así poderíamos seguir especialidade por especialidade con resultados semellantes! A pesar de iso, diante da falta de expectativas, unha boa parte dos graduados matricúlanse nos master de profesorado! Por que? ... Supoño que pola mesma razón que a xente xoga a lotería habendo ínfimas probabilidades de que toque! En todo caso, pensarán os pais, será mellor meter os aforros niso ca en Preferentes!... Concursos televisivos, loterías, oposicións imposibles, contratos basura, paro, precariedade.... É a triste realidade que atopan os nosos titulados universitarios cando rematan os estudos ....: Slumdog Millionaire! Miseria!

Diante do despropósito e sensentido que supón ter a miles e miles de mozos preparándose para un traballo que non van a realizar, cun derroche de recursos que soamente beneficia ás propias universidades, mentres contribúe á ruína da sociedade en xeral, convén saber o que se fai noutros países. Por exemplo, en Finlandia. Para comezar habería que sinalar que, en Finlandia, a diferencia do que ocorre en España, os estudos de mestre de primaria e os de profesor de secundaria e bacharelato teñen a mesma categoría académica de master. Os alumnos teñen que realizar primeiro os estudos de grao (3 cursos), de mestre ou da disciplina que sexa, e logo o master (2 cursos). Pero a diferencia principal con España está en que, en Finlandia, o filtro para chegar a ser profesor non está posto ó rematar os estudos, nas oposicións (que alí non existen),  senón no mesmo momento do acceso á carreira docente, ó rematar o bacharelato. Para iso, a oferta de prazas para os estudos docentes está fixada tendo en conta as necesidades previstas de profesorado. Deste xeito, todos os que ingresan nos estudos para profesor de primaria ou de secundaria teñen a case total seguridade de poder rematalos e de atopar un posto de traballo. Pero non se crea que é fácil chegar a ser profesor en Finlandia. Dado o gran status social que teñen os docentes –comparable ó dos médicos-, hai unha competencia moi dura para entrar na carreira docente, e só os mellores acaban conseguindo o seu obxectivo. Por exemplo, en 2010, de 1.600 candidatos para os estudos de mestre de primaria, soamente obtiveron praza 160. O sistema de selección consta de dúas fases: unha primeira, nacional, na que se teñen en conta as notas de selectividade, as do bacharelato, outros estudos realizados e, de habela, incluso a experiencia profesional; a segunda fase, na universidade, pode incluír diversos tipos de probas e entrevistas. Nin que dicir ten que a racionalidade do sistema de selección finlandés, bastante semellante, por certo, ó francés, resulta infinitamente superior á do sistema español. Cabería preguntarse, entón, por que non se implanta en España un modelo semellante? Hai unha causa fundamental na miña opinión: a Educación en xeral, e a Universidade en particular, dista de ser en España un asunto de Estado, aínda que se diga o contrario; funciona na realidade coma un gran negocio –con certas compoñentes de estafa- montado co obxectivo principal de beneficiar a determinados grupos, pero non ó País no seu conxunto, que é o obxectivo fundamental do sistema educativo finlandés. Esa triste realidade non parece que poida cambiar nun futuro inmediato. Ó contrario, o máis probable é que se intensifique polo agravamento da crise que xa afecta ó sistema público universitario, o que conlevará un peso cada vez maior das universidades privadas, que teñen como único fin os beneficios dos seus promotores.

Pero o problema que acabamos de sinalar non é máis ca unha pequena parte da “burbulla universitaria” española. Si, en paralelo coa “burbulla inmobiliaria” e coa “burbulla financieira”, existe unha “burbulla universitaria” que, a diferencia das dúas primeiras, aínda non deixou de medrar. O crecemento descontrolado da oferta de prazas universitarias levou a que neste momento dos seis millóns de parados que hai en España un millón teñan titulo universitario, e iso sen contar con que, entre os titulados que traballan, arredor dun 20% fano en ocupacións que teñen pouco ou nada que ver cos seus estudos. Outra consecuencia é que mentres na UE o 16% da poboación é universitaria, en España ese índice chega ó 21%. Hai datos tan asombrosos como que, soamente en Madrid, hai máis estudantes de Dereito ca en todo o Reino Unido! En suma, en España gradúanse cada ano arredor de 180.000 universitarios (uns 12.000 en Galicia). Alguén con sentido pode crer que o noso sistema productivo vai ser capaz de absorber tal cantidade de man de obra cualificada? As consecuencias perversas desta “burbulla” son múltiples; unha das máis graves, a fuga dos mellores!

Volvo ó caso de Finlandia e do seu sistema educativo. Algúns poderían pensar que se trata dun sistema moi innovador e que racha cos métodos tradicionais. Todo o contrario, o sistema educativo finlandés, así coma o contexto social no que se desenvolve, resulta moito máis arcaico e tradicional có español. A conciencia social de que é necesario  traballar duro e de xeito colectivo para triunfar (relacionada sen dúbida coa  realidade  climática do país) está moi estendida; un gran respecto pola autoridade, de influencia oriental, axuda a que nunca se poña en dúbida a dos profesores nos centros; a relixión luterana, maioritaria, tamén incide na importancia que lle dan os finlandeses ó cumprimento do deber. Pero, no caso da educación, o máis importante é que fronte ó noso concepto de educación orientada ó mercado e centrada na competencia e no éxito persoal, no modelo finlandés priman os conceptos de igualdade e de equidade: de proxecto común. Detrás do modelo finlandés hai unha ideoloxía igualitaria e colectivista totalmente enfrontada co carácter competitivo do modelo educativo neoliberal. En Finlandia, país con recursos naturais moi limitados, a educación dos individuos no coñecemento e na innovación é vista polos seus cidadáns como único xeito de ser competitivos na sociedade global e de manter os altos estándares de benestar do seu estado social, que é, non o esquezamos, o froito principal dunha reforma educativa dos anos setenta, reforma que, despois de corenta anos, mantén a súa arquitectura básica. Igualiño ca en España!

Véñenme á cabeza uns versos de Serrat:

Escapad gente tierna
que esta tierra está enferma
y no esperes mañana
lo que no te dio ayer,
que no hay nada que hacer
...

lunes, 11 de febrero de 2013

Finlandia: as leccións que veñen do frío


Daba conta o padre Feijóo das grandes vantaxes que proporcionaba a vida nas terras setentrionais de Europa. Seguía para iso o relato do nobre sueco Olaus Rudbeck na súa  “Laponia Ilustrata” (1701) quen describía ese país como rico en froitos e abundante en caza e pesca, con invernos claros e serenos, e ós naturais como homes áxiles, sans e robustos que vivían exentos dos grandes azoutes do ceo, da guerra e da peste. De todos eses perigos estaban protexidos polo clima, tan san para os nativos como áspero para os forasteiros. A maiores, demostraba o noso ilustrado, botando man de razoamentos trigonométricos, que a longa noite polar non era tan terrible como se dicía, xa que a ausencia aparente de Sol non duraba seis meses, senón cinco tan só!  Esquecíase o noso admirado bieito que, nesas longas noites, sempre lles quedaría ós naturais a posibilidade de entreterse ollando para as auroras boreais. En fin, que os habitantes estarían tan encantados con as vantaxes da súa rexión que non á cambiarían por ningunha outra do mundo! E paréceme moi ben todo iso, aínda que eu, por padecer de pes fríos e de conxelación salarial, non teña pensado pisar esas terras no que me reste de vida, salvo que me obriguen ou me conviden. Pero iso non lle quita nada á miña admiración polas democracias escandinavas, que vén de anos atrás, aínda que esta semana gañaran especialmente a miña atención, sobre todo Finlandia, no ámbito específico do ensino. Para comezar, o domingo pasado, no programa “Salvados” facíase un breve pero interesantísimo percorrido polo sistema educativo de Finlandia, verdadeiro orgullo nacional por selo máis prestixioso do mundo neste momento. Logo, a mediados de semana, en “V televisión”, vin unha entrevista que lle facían a un grupo de alumnos suecos e a outros dun instituto de Lugo que realizaban un intercambio. A presentadora preguntoulle a un estudante galego que fora o máis importante que aprendera na súa viaxe a Suecia; o rapaz contestou que lle valera para poñer en cuestión iso de que Galicia era o país máis fermoso do mundo, onde mellor se comía, onde mellor se vivía, etc. etc.: que fóra tamén había cousas moi fermosas e moito que aprender!!! Logo, unha alumna sueca, diante da pregunta de que era o que máis e o que menos lle gustaba do que estaba vendo en Galicia, despois de pensalo un pouco, dixo que o que máis lle gustaba era o clima, que aquí había unha temperatura moi agradable!!! E o que menos? Pois, a organización dos estudos: que debía de ser moito máis difícil sacar boas notas aquí ca en Suecia!!! Desde logo, sempre me asombrou a gran intelixencia dos rapaces, aínda que dubido sobre cal é o verdadeiro obxectivo do noso sistema educativo: tratar de  conservar e desenvolver esa intelixencia, ou de destruíla e anulala?
Opino desde hai tempo que o estudo comparativo dos sistemas educativos dos diferentes países debe selo punto de partida obrigatorio á hora de saber que facer para mellorar o propio; un método perfectamente aplicable, por outra parte, a calquera actividade humana, sexa do tipo que sexa. E cando se trata de mellorar, resulta evidente que a comparación debe de ser cos mellores e non cos peores. Tratándose da Educación, o primeiro espello no que hai que mirarse está sen dúbida en Finlandia. Por todo iso, hoxe quero analizar algunhas cuestións referentes á exemplar organización educativa dese país, para comparalas coa que nos temos.

Escola pública/ Escola privada: En Finlandia o 99%(!) dos alumnos do ensino obrigatorio asisten a colexios públicos e só un 1% a privados –esa porcentaxe mantense para os centros de ensino secundario superior; mentres, as universidades (17) son todas públicas-. Compárese con España: 69% alumnos na pública e 31% na privada e concertada (datos do 2006). Podería ser que os finlandeses fosen uns raros neste aspecto. Pero non: os raros somos nós! A media da UE nestes mesmos apartados é: 90% de alumnos no ensino público e 10% no privado e concertado. A este país, onde todo o privado se ten revestido dun brillo de especial prestixio e eficacia, mentres todo o público é condenado por ineficiente, hai que facerlle saber, CON DATOS, que iso é TOTALMENTE FALSO!

Educación gratuíta/ Educación subvencionada: En España, aínda que se di, a educación obrigatoria non é totalmente gratuíta. En Finlandia si: a educación obrigatoria (7-16 anos; 6 anos de primaria e 3 de secundaria)  é totalmente gratuíta, non só a matrícula, senón todo o material escolar (libros, cadernos, bolígrafos, etc.) e o xantar. O transporte é de balde para os alumnos que viven a máis de cinco quilómetros do centro. Os colexios teñen todos unhas instalacións magníficas e contan nas aulas cos medios máis avanzados de ensino. No bacharelato e na Universidade a matrícula tamén é gratuíta. O ensino preescolar non é obrigatorio; existen magníficas garderías subvencionadas, pero non son de balde, págase segundo os ingresos da familia, e para unha familia media o custe mensual, con xantar incluído e material, é duns 200 euros. Diante dese estado de cousas todo o mundo pensará que iso debe de resultar carísimo, que ese sistema é un luxo (outro) que non nos podemos permitir. Vexamos os números. Se estudamos o gasto público de Finlandia en Educación vemos que está no 6% do PIB, fronte a un 5% de España, non moito máis. Este dato resulta moi enganoso porque na realidade España gasta moito máis ca iso en Educación debido ó grande número de institucións privadas que existen e que pagan os nosos cidadáns. Está ben estudado que, paradoxalmente, son os países con menos gasto público en Educación os que máis gastan neste apartado e, á par, os que teñen resultados máis pobres. Así, Finlandia gasta o 25% do PIB/habitante por cada alumno que está nunha institución educativa; mentres, en España ese gasto é do 29%! Pero, para non enlearnos e para que o entenda todo o mundo: no ano 2007 España gastaba por cada alumno no ensino obrigatorio unha media de 6773 euros e Finlandia 6682! Compárense agora os servicios recibidos e os niveis de renda dos cidadáns nun país e noutro (Finlandia 16 puntos por encima da media europea e España 1 punto por debaixo) e chegarase a unha conclusión inevitable: o noso sistema educativo ademais de malo é caro!

Un sistema educativo pode ser malo e encima moi difícil, e viceversa: Afirmei antes que o noso sistema educativo era malo, sen máis, e non me arrepinto! Ó dicir isto sempre aparece algún espabilado lembrándonos que tal alumno galego ou español recibiu non sei que premio internacional, que tales científicos españois trunfan en non sei que país, etc. etc; pero habería que lembrarlles algo que dicía Didius, aquel xuriconsulto eclesiástico inventado por Sterne no seu “Tristram Shandy”: “Un exemplo non é un argumento!”. Non, o sistema educativo español é malo, sen paliativos! Poderíamos falar dos pobres resultados que se acadan nas probas internacionais, por exemplo nos prestixiosos PISA, nos que sempre estamos por debaixo da media en todos os items valorados; do fracaso escolar, que rolda o 30% en España fronte a menos dun 1% en Finlandia, etc. etc. Pero é que, encima de todo iso, os alumnos españois e as súas familias pasan os cursos agobiados polo traballo escolar: toneladas de contidos nos libros de texto, exames un día si e outro tamén, deberes interminables, traballos para os fins de semana ou incluso para os períodos de vacacións, etc. etc. etc. A resposta da alumna sueca a “V Televisión” foi atinadísima: certamente España é un dos países onde os estudos de primaria e secundaria resultan máis difíciles e traballosos, tanto para os alumnos coma para os pais. E para colmo, de todo ese esforzo, socialmente non sacamos case nada! Unhas alumnas de secundaria de Finlandia respondían noutra reportaxe a unha pregunta sobre os deberes que tiñan que facer fóra da clase: ocupábanlle unhas dúas ou tres horas de traballo á semana! Iso, meus amigos, é o que precisan en España os alumnos de preescolar!!! E, que dicir dos exames e da notamanía rampante en España,  asuntos ós que xa me teño referido aquí? Pois convén saber que en Finlandia, que obtén os mellores resultados cando se fan probas internacionais, non hai exames no ensino obrigatorio. Si, non hai ningún erro: en Finlandia, nin na primaria nin na secundaria obrigatoria hai exames. Soamente se pasan algúns tests de cando en vez. E iso é así a pesar de que para entrar no bacharelato é preciso ter unha cualificación media superior a 8, cualificación que obteñen máis  do 50% dos estudantes! Esa cualificación é a media das que poñen os profesores no último curso de secundaria en cada materia, tendo en conta tanto o traballo persoal coma os resultados dos tests realizados. Hai que saber que, despois da secundaria obrigatoria, un 50% dos alumnos seguen o bacharelato e un 45% a formación profesional (de primeirísima calidade e prestixio), e tamén que se un alumno non chega ó 8 e insiste en querer estudar bacharelato, pode quedar un ano máis na secundaria é tentar mellorar as súas notas. Compárese todo iso co que sucede en España, onde  calquera alumno pode pasar ó bacharelato incluso suspendendo algunha materia fundamental da secundaria!

O bilingüismo en Finlandia: En Finlandia, coma en Galicia, hai dúas linguas oficiais, no seu caso o finés e o sueco. A primeira é falada polo 90% da poboación, mentres os falantes de sueco non chegan ó 10%. Pero hai municipios nos que estes últimos son maioría. De acordo con esta realidade, existen colexios nos que o primeiro idioma é o finés e outros nos que o é o sueco. En primaria estúdase a lingua materna e na lingua materna; ademáis comézase a aprendizaxe dun idioma estranxeiro (normalmente o inglés) desde o terceiro curso. Nas escolas bilingües a metade do horario impártese na lingua materna e a outra metade na lingua estranxeira. Logo, na secundaria, estúdase obrigatoriamente a lingua materna, a outra lingua oficial e unha lingua estranxeira, todas con cargas lectivas moi semellantes (3 clases á semana cada unha). En todo caso, nos niveis non obrigatorios son moi comúns as clases en inglés. En Finlandia o polilingüismo, que xa non o bilingüismo, é un dos piares do sistema educativo, pero ben entendido que o que se busca non é a perfección gramatical na expresión oral ou escrita do idioma estudado, senón que o alumno sexa capaz de comunicarse no mesmo; así, xa resulta proverbial o peculiar e pouco académico xeito dos finlandeses de falar ou de escribir en inglés. A comparación con Galicia en particular e con España en xeral pode facela calquera.

A optatividade: É este un apartado moi importante; de feito, opino que unha das principais ineficiencias do noso sistema tanto na secundaria coma no bacharelato vén dunha mala concepción das materias optativas. Fronte á nosa optatividade, que permite fuxir de materias fundamentais, sobre todo das do ámbito científico, no sistema finlandés ningunha materia fundamental é optativa. No primeiro curso de secundaria (7º), salvo a elección entre inglés e alemán e entre relixión e ética, todos teñen as mesmas materias. No segundo (8º) e no terceiro (9º) teñen seis horas de optativas (sobre un total de 30), pero en xeral trátase de horas que se utilizan para profundar nas materias obrigatorias, para manter algunhas materias que soamente son obrigatorias no primeiro curso (música, arte ou bricolaxe) ou para aprender un novo idioma (francés, español, etc.). Por exemplo, é habitual que os alumnos estuden dúas horas semanais a maiores de Física e Química ou de Bioloxía e Xeografía en 8º e 9º (con tres e dúas horas obrigatorias nos cursos respectivos). En resumo, na secundaria tódolos alumnos teñen a mesma formación básica. No noso sistema, sobre todo en 4º de ESO, a posibilidade de elixir entre diversos itinerarios, ademais de provocar unha especialización prematura, complica de tal xeito a confección de grupos que conduce a unha total ineficiencia na asignación de recursos. Así, España sempre aparece entre os países con menos alumnos por aula tanto en secundaria coma no bacharelato. Na realidade trátase de que coexisten aulas con un excesivo número de alumnos con outras de materias optativas que teñen un número ridículo. O dato máis claro pode ser que mentres en España nos Institutos de Secundaria hai un profesor para cada 9,3 alumnos, en Finlandia hai 16,6 alumnos por profesor. A isto contribúe tamén o feito de que en Finlandia a atención a alumnos con dificultades faise, desde primaria, na propia aula, coa incorporación de profesores de apoio.  Con respecto ó bacharelato, aínda que a estrutura é moi diferente a nosa, hai que salientar que tódolos alumnos cursan as mesmas materias, é dicir todos cursan estudos de lingua, literatura, filosofía, pero tamén de matemáticas, física, química, bioloxía... A diferencia radica nos cursos especializados de esas mesmas materias, que son os que escolle cada un de acordo coas súas preferencias.

As clases. O máis importante: Dado que o sistema educativo finlandés está centrado no traballo que se fai nas clases, a programación minuciosa destas e o seu desenvolvemento é o máis importante. Non teñen un número excesivo de clases, nin o calendario escolar é máis longo; ó contrario é un dos países con máis vacacións escolares. Pero as clases que teñen son sagradas. Isto chega a tal punto de seriedade que, se hai un festivo polo medio da semana, resulta normal que esa mesma semana teñan clases o sábado! Pensaba niso o outro día, cando con motivo da chegada das vacacións do entroido, o venres, cando non antes, xa é normal entre nós (tanto nos colexios públicos coma nos privados) perder alegremente varias clases como anticipo das festas que chegan. Na realidade, sabemos ben que nos centros educativos españois calquera ocorrencia pode servir para perder unha ou varias clases. E así nos vai. 

Quedan moitos aspectos dos que falar, un dos máis importantes sería o da formación do profesorado. Pero, xa veremos se hai paciencia e ganas para seguir con isto. Non resulta fácil escribir sobre certas cousas sensibles.

Recoméndovos ver o magnífico documental "The Finland Phenomenom" (subtitulado)

domingo, 3 de febrero de 2013

Sobre a Monarquía



Defende Savater a transgresión como carácter fundamental do escritor, concebido este como librepensador. O escritor, opina, debe transgredir as rutinas intelectuais para non dicir o que todos esperan escoitar. Pero transgresión, sinala, non é soamente ir en contra do que está vixente; ás veces, transgredir é ir a favor de algo que se perdeu ou de algo que se está perdendo. Deste xeito, a defensa dun valor ético, dunha tradición ou dunha institución minusvalorada,  esquecida ou denostada pode resultar tan transgresora coma a crítica do comunmente aceptado. Veñen ó caso estas reflexións para o tema que pretendo abordar, o da Monarquía en España. Todo o mundo fala da súa crise e dos difíciles momentos polos que está pasando, os peores desde a súa restauración; pero resulta raro –transgresor- escoitar a alguén que saia na súa defensa, se descontamos as manifestacións obrigadas e protocolarias dos representantes institucionais, que case sempre resultan pouco convincentes. Non, non está ben visto neste momento que un intelectual defenda a Monarquía. Aquí, o intelectual que se prece ha de ser, ou sospeitarse, republicano. Porén, entre o pobo, a institución monárquica aínda goza dun apoio notable. Os datos do CIS do pasado ano 2012 sinalan que un 53% dos españois é favorable á Monarquía, fronte a un 37% que se decantaría pola República. Certo que ese apoio está lonxe do 72% que se rexistraba no ano 1998, pero algo semellante pasa coas demais institucións do Estado, sumidas todas nun preocupante descrédito cidadán.

Sostense que o caso Urdangarín ou a cacería de elefantes en Bostwana danaron moito a imaxe da Monarquía. É probable, pero serao porque ninguén acertou ou quixo explicar que a danada sería, en todo caso, a imaxe do Rei; porque unha cousa é a Monarquía e outra o Rei. Si, desde a dereita máis reaccionaria á esquerda máis fascinada co mito da pureza democrática da República, hai moita xente interesada en que se confunda a Monarquía co Rei. Pero é coma confundir o párroco coa parroquia: como todo o mundo entende, non é o mesmo censurar o comportamento dun párroco, cousa relativamente frecuente en Galicia, ca negar a necesidade de que haxa párroco ou mesmo institución parroquial, circunstancia descoñecida na Nosa Terra. Resulta ridículo, na miña opinión, utilizar os censurables deslices dalgúns membros da familia real como argumento a favor da república e en contra da monarquía. Non, a superioridade da república fronte á monarquía, de existir, debería ser demostrable en calquera circunstancia, incluso, e sobre todo, no caso improbable de que o rei fose un santo! Certo que sempre sería desexable un comportamento exemplar dos representantes das institucións do Estado, co Rei á cabeza –os que me seguen saben o gran valor que lle asigno á exemplaridade pública-; pero é unha utopía contar con que iso ocorra en calquera caso –á vista está-, así que deberíamos darnos por satisfeitos con que os cargos institucionais, o Rei incluído, cumpran coa legalidade vixente. E de non ser así, no caso de que a gravidade o esixa, que se produzan os relevos oportunos, tratando de que as institucións queden a salvo, e con elas a estabilidade democrática do País.

Afirmaba Sánchez Ferlosio, e eu asinto, que ter ideoloxía equivale a non ter ideas propias, que ter unha ideoloxía supón aceptar un paquete de ideas preestablecidas; mentres, as ideas chegan á cabeza soltas, e non por paquetes. Nese senso eu son, ou trato de ser, un home sen ideoloxía. Tampouco son monárquico nin republicano. En España ou en Inglaterra defendería a monarquía, mentres en Francia ou en Estados Unidos faría o mesmo pola república. Por que? Porque atopo miles de razóns que apoian ese xeito de pensar e case ningunha que apoie o contrario! Falarei dalgunhas. Para comezar, entres os múltiples perigos que espreitan á nosa democracia –entendida esta como valor fundamental-, poucos ou ningún teñen que ver con que a xefatura do Estado sexa monárquica. Algunhas das democracias máis avanzadas do mundo están en Europa e unha boa parte son monarquías parlamentarias: Suecia, Noruega, Holanda, Reino Unido,… Na monarquía parlamentaria, unha vez reducido o papel do monarca a unha maxistratura simbólica e integradora –o rei reina pero non goberna-, non existe o perigo da deriva tiránica, problema ó que xa se refería Aristóteles como o principal da monarquía. En troques, non se teñen conxurado os outros dous perigos que mencionaba o estaxirita en relación coas formas de goberno dos pobos: a oligarquía, deriva do goberno aristocrático (e niso, nunha aristocracia –“partitocracia” se lle pode chamar-, se converteron os grandes partidos políticos en España), e a demagoxia, principal problema da república segundo Aristóteles, pero do que tampouco se salvan, como resulta obvio, as monarquías parlamentarias. Polo tanto, se queremos mellorar a nosa democracia, que é do que se trata, pensemos en corrixir os seus problemas verdadeiros e non os teóricos ou os inventados. Como afirma Torres del Moral, un dos constitucionalistas máis eminentes deste País, «después de la evolución experimentada por la monarquía, es insostenible la sinonimia democracia=república», é dicir: que non se sostén a tese dos que defenden que un estado republicano sexa por natureza máis democrático ca unha monarquía parlamentaria –China é unha República!-. Tal vez eu non fose tan alá, pois, desde un punto de vista teórico, o feito dunha maxistratura vitalicia e hereditaria nunca terá un encaixe perfecto co principio democrático, se ben é certo que, postos a fixarse na pureza democrática, tampouco sería necesaria a xefatura do estado, tal como defendía Kelsen, bastaría unha xefatura de goberno. Pero, con independencia de todo iso, a ciencia política é unha ciencia eminentemente práctica, de resultados máis ca de postulados, na que os principios xerais distan de poder aplicarse de xeito universal. Por iso é preciso coñecer a historia, a cultura, os recursos naturais, a relixiosidade, etc., etc. dun país -e todo coñecemento é pouco-, para poder organizalo e gobernalo eficazmente. Se os principios da política fosen universais sería innecesario todo ese coñecemento, e o mesmo sistema valería para todos, cousa evidentemente falsa! Temos a nosa historia e as nosas singularidades, e ninguén que estea documentado discute que esta é a mellor etapa da nosa historia desde unha perspectiva interna, atendendo á liberdade dos individuos e ó seu benestar. Hai pouco tempo, o famoso hispanista británico Paul Preston, autor de “Juan Carlos. El rey de un pueblo”, quen, por certo, nunca quixo tratar ó Rei para que non saíse danada a independencia da súa obra –atención ós biógrafos destas latitudes-, manifestábase con claridade: «no soy monárquico, pero creo que la monarquía tiene un papel primordial para la democracia en España… Igual me equivoco, pero creo que si ahora mismo hubiera una república, con los odios y crispaciones que hay… ¿Quién sería el presidente? Aznar, o Felipe, por ejemplo. Imagine lo que eso supondría». Moitas veces me fixera eu esa mesma pregunta: quen sería o presidente da III República? Un do PSOE ou un do PP! Francamente, coincido con Preston en intuír que iso sería insoportable!

Agora estamos inmersos nunha grave crise económica e institucional, coa corrupción salpicando ás máis altas e ás máis baixas instancias do Estado. Depúrense tódalas responsabilidades con firmeza, auméntense os instrumentos de control, que se vaian tódolos que se teñan que ir, que devolvan os cartos os estafadores do pobo, fáganse as reformas precisas no ámbito lexislativo (lei de partidos, lei electoral, lei de transparencia,...), presione a sociedade para que se produza a necesaria catarse nos cadros e no funcionamento dos partidos políticos. Pero, mantéñase a salvo a  arquitectura institucional do Estado, Monarquía incluída, que naceu da Constitución de 1978. Esta arquitectura demostrou ser durante trinta anos instrumento eficaz para a convivencia na paz e na liberdade e para o progreso da xustiza social  en España, e aínda pode selo para moitos máis. Como advertía Tony Judt, a pesar do delicado da situación, «non debemos perder a fe nas nosas institucións políticas». É o máis valioso que nos queda.

ANEXO. Onte, 2 de febreiro, con este texto practicamente rematado, aparecía no diario El País un artigo de Javier Pérez Royo, catedrático de dereito constitucional, co título “Atrofia del instinto de conservación”. Apuntaba no seu texto algo semellante ó que eu escribo con respecto á lexitimidade en orixe da Monarquía: «Una magistratura hereditaria no puede tener legitimación democrática...». Non obstante, logo, afirmaba categórico: «La Monarquía en España carece de legitimidad de origen. Su legitimidad es exclusivamente funcional...». Discrepo: a lexitimidade da actual Monarquía Española foi refrendada polos cidadáns ó votar a Constitución de 1978. E o de que teña unha lexitimidade “exclusivamente funcional”, relacionada coa súa utilidade e a súa contribución á estabilización democrática, e que, debido a iso, estea «permanentemente amenazada de extinción», non pasa de ser unha simple opinión, tan respetable coma discutible. Ó contrario, ese estado de vixiancia continua, de sospeita ou de xuízo permanente –non confundir cos controis estritamente necesarios- que propón Pérez Royo, non creo que favorecese nin á Corona nin a ningunha outra institución, fose pública ou privada. Polo demais, estou dacordo con que se debía haber detectado antes o problema coa conducta de Urdangarín. Pregunta Pérez Royo «¿Para que están los servicios secretos?». Pois o mesmo me pregunto eu!