lunes, 25 de marzo de 2013

O copago nos comedores escolares



O xa desaparecido Estado de Benestar tiña un dos seus piares na faceta compensatoria da  Facenda Pública. Esta, a través da recadación impositiva e do gasto público, corrixía e complementaba o funcionamento do mercado transferindo recursos dos que máis tiñan ós que menos. Esa foi a teoría e a práctica que seguiron a maioría dos países occidentais durante toda a segunda metade do século XX. Na actualidade pouco queda diso; bastaron un par de décadas de mentiras masivas – nunca antes o poder estivo tan aliado coa mentira, distintivo tráxico desta época: todo o que ten poder minte, e canto máis poder ten, máis minte!- para darlle a volta á maioría dos principios fundamentais daquel Estado de Benestar. Ata tal punto isto é así que, na actualidade, moitas políticas denominadas “sociais” consisten xustamente no contrario do que predican: concrétanse en retirar recursos dos máis desfavorecidos para transferirllos ós máis poderosos.

Un exemplo pode ser o do copago que se pretende establecer nos comedores escolares. Xustifícase a medida dicindo que o gasto resulta inasumible para as arcas públicas e que a gratuidade establecida sobre a base da distancia do domicilio ó centro é inxusta. A segunda parte do argumento é totalmente certa, pero eu quero centrarme en demostrar a total falsidade da primeira parte, no de que non hai cartos -o cerne da cuestión-, e para iso botarei man da memoria. No ano 1970 promulgouse a chamada Lei Villar Palasí, a que establecía a obrigatoriedade do ensino ata os 14 anos. Foi a Lei pola que se crearon os “Grupos Escolares” nos concellos e a que puxo fin en Galicia ás escolas establecidas sobre a base parroquial. Desa época provén o servizo gratuíto do transporte escolar e o dos comedores. Non vou recoller aquí e agora os números, calquera pode facelo, daquela poboación  galega de principios dos anos setenta, rural na súa gran maioría, cun Estado pobre en recursos e cunha Facenda Pública que aínda estaba lonxe da reforma modernizadora que levaría a cabo Fuentes Quintana. Pois ben, aquel mísero Estado foi capaz de transportar e alimentar a centos de miles de nenos galegos que acudían ás, daquela, novas agrupacións escolares! Agora, cincuenta anos despois, cunha estrutura impositiva modernizada e parella á dos países do noso entorno, dísenos que ese gasto resulta inasumible! E eu pregunto, hai estúpidos capaces de crer semellante mentira? Pois si, e moitos máis dos que se pensa! A extensión da estupidez humana nunca deixará de asombrarnos! Imaxinades a un pai de familia que non sae das tabernas nin das mesas de xogo e que, en paralelo, se queixa de que non ten con que alimentar ós fillos? Pois con esa catadura moral vexo eu ós nosos gobernantes cando contan estas mentiras! Non, non é verdade que falten cartos para os comedores escolares ou para outros servizos básicos; o problema é que, con independencia dos erros cometidos e das débedas asumidas, se gastan cantidades inxentes de diñeiro en cousas totalmente superfluas. O problema é o despilfarro, que non cesa, na asignación de recursos e o pouco castigo electoral que tal irresponsabilidade conleva para os axentes políticos, o que tamén demostra a imbecilidade dos electores. Algún exemplo de despilfarro? Hai moitísimos! Pensemos, por exemplo, nas viaxes do INSERSO que case ninguén critica. En xeral, soamente benefician a aqueles maiores que teñen boas pensións ou rendas complementarias, xa que os máis necesitados non poden detraer nada dos seus minguados ingresos para ir de viaxe! En consecuencia, os fondos dedicados a esta política “social” non só carecen de efecto compensatorio algún senón que, pola contra, ó transferir recursos ós que posúen pensións máis altas, contribúen a aumentar as desigualdades sociais. Así, fronte a centos de miles de maiores condenados ó estado da máis absoluta pobreza –as carencias no tema da dependencia, por exemplo, son sangrantes-, un exército de pensionistas pode desfrutar de ata cinco quendas de vacacións ó ano subvencionadas polo erario público!!! Cos comedores escolares pode pasar algo semellante: os que carezan de recurso algún acabarán levando a fiambreira; mentres, os que poidan pagar algo serán os que se beneficien da, maior ou menor, subvención pública! E senón ao tempo!  Non, esa non é a solución; a solución pasa por blindar o imprescindible, e imprescindible debería ser a existencia de comedores escolares gratuítos para todos os alumnos do ensino obrigatorio. O que resulta prioritario é a eliminación de todo o conxunto de ineficiencias que explican por que España cun gasto de 6770 euros por alumno e ano (datos de 2007) no sistema educativo obrigatorio, non é capaz de darlles o xantar ós rapaces, mentres Finlandia, por exemplo, gastando cen euros menos por alumno e ano dos mesmos niveis –e cun custo de vida superior-, non só lles dá o xantar  senón tamén todo o material escolar que precisan, amén dun ensino de moita maior calidade. Evidentemente, o goberno de Finlandia non dedica un euro a colexios que discriminan ós alumnos por sexo, nin gasta un peso en financiar un ensino concertado, nin constrúe inútiles cidades da cultura, nin mantén un sistema universitario totalmente desproporcionado en relación á demanda de titulados no mercado de traballo…

Preguntarédesvos quen vai eliminar esas ineficiencias que nos afogan? Eu penso que ninguén!

lunes, 18 de marzo de 2013

A metáfora



“El escritor Méndez Ferrín acaba de hacer una metáfora que trae encandilada a la parroquia -«Non podemos deixar que o galego se afunda, vale máis que o Pórtico da Gloria»”. Así comezaba X. L. Barreiro Rivas o artigo que co título “Ni siquiera el gallego tienevalor absoluto” publicaba na Voz de Galicia o pasado venres. Dous días antes, o outro oráculo da Voz, R. Blanco Valdés, facendo referencia á mesma metáfora, preguntábase, por comparación, canto non valería o castelán, tal vez pensando en mercalo! Como calquera pode imaxinar, o obxectivo dos dous artigos, totalmente consistente coa liña editorial do medio no que se publicaban, non era outro ca menosprezar o valor da nosa lingua, levando a maiores, no caso da columna de Blanco Valdés, a coñecida teoría da suposta persecución do castelán que se vén dando en Galicia (?). Aínda sabendo que non carecería de interese, non pretendo analizar polo miúdo os contidos dos dous artigos, cae fóra da extensión recomendada para unha entrada do blog e, ademais, a maioría do que podería dicir ó respecto xa está escrito por outros que saben moito máis destas cousas.

 

Resulta moi interesante observar como Barreiro fala de Ferrín como “escritor”, mentres Blanco Valdés alude ó “ya dimitido presidente de la RAG”. Os dous evitan dicir a verdade, isto é que cando Ferrín anuncia que a RAG presentou un recurso de casación diante do Supremo, para que anule o decreto do plurilingüismo da Xunta, e bota man da “metáfora” faino na súa calidade de presidente da RAG, con tódolos poderes e antes de facer efectiva a súa dimisión. Rigor señores profesores! Tamén é unha falta de rigor asegurar, como fai Barreiro Rivas, que o Pórtico da Gloria xa era vello cando apareceu o galego. De onde sacou Barreiro Rivas semellante parvada? As linguas romances ibéricas xa estarían separadas do latín no século IX, cando o Pórtico aínda non estaba nin en proxecto! Non confunda, señor profesor, a antigüidade dos primeiros textos que se conservan en galego coa antigüidade da lingua! E o de que o galego carece de valor absoluto e de que non se trata dunha esencia imperecedeira, resulta obvio. Se Barreiro Rivas fose home de ciencias, que non o é, sabería que nin sequera os entes máis fundamentais do Universo, coma a masa ou o tempo, son absolutos; entón como o van a ser as nosas linguas ou as nosas nacións? Malpocadas! Pero, xustifica iso que non as coidemos? Non coida cada un da súa propia vida a pesar da súa finitude e da súa insignificancia cósmica? Como dicía o sabio, todo é finito, salvo a estupidez humana! E con respecto ó que escribe Blanco Valdés, observo certos contidos paranoicos que se comentan por si  sós. Pero quero anotar dúas cousas. A primeira é que en máis de trinta anos de docencia en diversos institutos, entre as numerosas aldraxes e ilegalidades que levo observado relacionadas coas linguas, a maioría absolutísima delas foi en contra do galego. A segunda é que esa teima de querer colocar en pé de igualdade ó castelán e ó galego en Galicia ten un grave problema: a lingua propia de Galicia é o galego, mentres o castelán é a lingua propia de Castela, e iso non se pode cambiar.

 

Pero, o que máis chamou a miña atención, desde logo, foi o intelixente xeito  que tivo Ferrín –non sei se premeditado ou non- de deixar caer a metáfora “encandiladora”. Non citou a fonte da mesma, tal vez por consideralo innecesario, dado o lugar no que falaba. Non dixo que a metáfora era do gran Castelao: “¿Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do mestre Mateo.” (Sempre en Galiza, Vol. I, Cap. XXIV). E foi así como, coincidindo co inicio da tempada de pesca, os dous ínclitos vixías maiores da Voz morderon a miñoca, xa que ningún dos dous caeu na verdadeira autoría da coñecida metáfora. O de Forcarei tragou o cebo ensimismado, como adoita, nos seus escolásticos e nos siloxismos de Lorenzo de Canterbury; e o da Estrada, no momento da picada, estaba contando como aprendera o galego “cuntiense” e declarándose amante convencido da literatura galega desde a máis tenra xuventude. Pero non me dan pena ningunha, tíñano ben merecido por non ler  a Castelao coa atención que se merece! E, por se vén ó caso, lémbrolles esta outra reflexión súa: “en canto un galego fale o castelán como lingua propia deixa de ser galego sen que por eso chegue a ser castelán.”.

 


Si, ten razón o eminente profesor Manuel Cabada Castro cando hoxe, nunha magnífica carta ó director da Voz, lle lembra a Barreiro Rivas que a lingua propia non é un mero “feito instrumental”