jueves, 29 de mayo de 2014

Cinco minutos


Cando desde esta mesma columna, alá polos principios do ano,  rememoraba a Eusebio e a Luís, nin sequera podía sospeitar que un dos finalistas da Copa de Europa deste ano sería o Atlético, o meu equipo desde neno. Pero como daba por sentado que só un milagre podería darlle ó Atlético o título, nada pensaba escribir esta semana ó respecto; isto con independencia de que a miña paixón futbolística teña decaído moito co paso dos anos. Aínda así, como os milagres suceden ás veces, o sábado levanteime disposto a  favorecer esa posibilidade. E nada mellor para iso ca poñerse na man dos santos. Así que, non ben almorcei, collín o coche e dirixinme a Allariz. Alí, dentro das xornadas que, sobre Santa Mariña de Augasantas, organiza cada ano o amigo José Ramón Seara, asistín á conferencia “Antigos santos titulares das parroquias de Galicia”, impartida polo profesor González Reboredo, un dos maiores expertos vernáculos en materia de haxioloxía. Seguín con gran atención a disertación, pero, a cada santiño que o erudito ía citando, de Santo André a San Xurxo, pasando por San Mamede, eu rezaba polo baixiño: roga por nós! E non me chegou con iso; aínda que o profesor Reboredo fixo saber que gran parte do santoral portugués coincidía co galego, ó chegar á casa  collín o meu devocionario da Nossa Senhora da Peneda, e con el nunha man e a insignia do Atlético na outra, fronte as imaxes de Santa Daría e San Crisanto mártires, que teño no meu escritorio, preguei afervoado: “Diante do Real Madrid/ Mae e Senhora Nossa/ Guardai-nos e defendei-nos/ Como coisa propia Vossa”. E o caso foi que o milagre deuse: na cabeza de Godín e no minuto 35 do partido. Non caín en que o sábado podía ser día de máis milagres.
Conta Borges no “Milagre Segredo” como Jaromir Hladik, autor dunha traxedia inconclusa que levaba o significativo título de “Os inimigos”, avisado da inmediatez da súa morte cando aínda lle quedaban dous actos por escribir, pregoulle a Deus, dono dos séculos e do tempo, que lle dese un ano máis de vida, para así poder rematar o seu drama. A noite anterior á morte anunciada, en soños, cando consultaba un mapa da India nunha biblioteca, Jaromir escoitou unha voz ubicua que lle dicía: O tempo que solicitaches foiche outorgado. Dun xeito semellante, ó Madrid, cando tiña todo perdido, foille concedido un tempo extra milagreiro na final do pasado sábado. A revelación da concesión non sucedeu nin en soños nin dentro dunha biblioteca; co árbitro por intermediario, ocorreu no propio estadio, en Lisboa, e a duración exacta do tempo de graza foron cinco minutos. Podería parecer pouco, comparado co ano concedido a Jaromir para rematar cos inimigos, pero quen pregou e foi escoitado debía coñecer a canción de Víctor Jara “Te recuerdo Amanda”, cando proclama sobre a relatividade do tempo: “la vida es eterna en cinco minutos… y en cinco minutos quedó destrozado…”. Non obstante, teño dúas dúbidas sobre este milagre: unha, sobre quen e como realizou a petición en tempo e forma da concesión, porque Florentino non me cadra nin con Borges nin con Víctor Jara; dúas, o porque da xenerosa dádiva de Deus fronte á inxusta petición do poderoso. 
Claro que, ben mirado, esta elucubración debe ser unha típica parvada das miñas: calquera pode deducilo do pouco eco que tivo nos medios de comunicación a prodixiosa dilatación do tempo que se deu en Lisboa. Todos a consideraron do máis normal. En fin, parece que o máis probable é que non  houbera tal milagre, e que a circunstancia observada tivese a súa  lóxica. Igual có tsunami electoral do día seguinte.

Artigo publicado no diario "La Región" o mércores 28 de maio do 2014

No hay comentarios: