domingo, 25 de mayo de 2014

Etimoloxía e semántica

Un día que Blanco Amor repasaba as últimas colaboracións periodísticas que escribira, sorprendíalle que case todas fosen de política, un tema que non lle gustaba especialmente. Comprobo que o mesmo me está pasando a min, talvez porque a crise transforma, de maneira inxusta, todos os outros temas en menores.  Así que hoxe non vou escribir de política. 
Comezarei pola cinemática, a parte da física que estuda o movemento. Lembro que de rapaz sospeitaba algunha  relación entre cinemática e cine, pero non acertaba saber de que tipo. Logo desvelei que o misterio tiña que ver co étimo, co grego kinema ‘movemento’, do que viña tanto cinemática ‘estudo do movemento’ coma cine, de cinematógrafo, ‘debuxos ou imaxes en movemento’. Por iso nunca me esquezo de comentar esa relación cos meus alumnos. Pero agora talvez deixe de facelo, porque o cine xa non é o que era: desapareceu a película, transformada nun arquivo informático, a máquina xa non fai aquel ruído característico que producía o arrastre descontinuo da cinta, e por diante da lámpada do proxector xa non pasan miles e miles de fotografías en movemento. É dicir, a etimoloxía deixou de explicar a realidade do cinematógrafo actual, aínda que o cine siga chamándose cine. E isto exemplifica unha gran verdade: as cousas cambian mentres as palabras permanecen. É unha verdade que leva producido imprevisibles transformacións do sentido das palabras e feito que moitos autores, de Platón a Borges, pasando por San Agustín, considerasen a etimoloxía como unha disciplina tan interesante coma inútil. Pero foi Marc Bloch, un dos pais da historiografía contemporánea, quen expresou con maior claridade esta idea de superioridade da semántica: «Unha palabra vale moito menos pola súa etimoloxía ca polo uso que se fai dela en cada época». Así, cando o historiador le un documento, para comprendelo, precisa coñecer o significado de cada palabra no momento en que se redactou: “vila”, por exemplo, é unha pequena aldea no Medievo, unha localidade con algún tipo de xurisdición na Idade Moderna e a cabeza dun partido xudicial na Contemporánea, acepcións todas diferentes das do etimolóxico latín villa ‘casa de campo, granxa agrícola’. Pero é que incluso se pode dar unha contradición total entre a semántica e a etimoloxía: os presocráticos Leucipo e Demócrito intuíron que a materia debía estar formada por unhas partículas indivisibles ás que lle deron o nome de átomos, que en grego significaba iso: ‘indivisibles’; cando, 25 séculos máis tarde, se descubriu que os átomos eran divisibles, e que dentro deles existía un poboado mundo subatómico, os átomos seguiron chamándose átomos. Todos lembramos a que se armou cando ás parellas do mesmo sexo decidiron chamarlles matrimonios. Os que se opoñían apelaban á etimoloxía, pero esquecían que un herda da súa nai o seu “patrimonio”, e non o seu “matrimonio”… 
Aínda así, e a pesar de que Sausurre estableceu que non hai relación natural entre as cousas e os seus nomes, talvez inconscientemente, seguimos crendo nesa misteriosa ponte que uniría as linguas actuais coa suposta lingua adámica prebabélica, de correspondencia perfecta entre as palabras e as cousas. Para Kafka, o relato da torre de Babel, que, segundo a Biblia, puxo fin ó período adámico, enfronta o esforzo da humanidade en pos da súa realización ideal co seguro fracaso dese esforzo: utopía fronte a realidade, etimoloxía fronte a semántica... E conclúe que o único importante é a utopía, a idea de construír a torre; que o resto, realidade incluída, é accesorio.

Artigo publicado no diario "La Región" o xoves 22 de maio do 2014

No hay comentarios: