domingo, 31 de agosto de 2014

A montaña máxica

Davos, famoso por celebrarse alí as reunións do Foro Económico Mundial, é un dos centros turísticos de inverno máis importantes dos Alpes Suízos; pero no universo literario coñécese sobre todo por selo lugar onde Thomas Mann situou,  alá polos anos vinte, o sanatorio para tuberculosos que está no centro do relato da súa novela máis celebrada, A montaña máxica, considerada unha das cumes literarias do século XX. A obra, de gran complexidade, narra como o protagonista principal, o xove enxeñeiro alemán Hans Castorp, chega ó sanatorio para visitar a un primo enfermo e el mesmo acaba recluído na mesma institución. O tema principal da novela non é outro co do sufrimento humano como parte consubstancial da vida. Por iso Settembrini, personaxe fundamental do relato e mentor principal de Hans,  prepara no sanatorio un gran dicionario sobre os múltiples tipos de sufrimento: «porque a literatura ten como  tema fundamental o sufrimento humano». O propio Thomas Mann, nun discurso introductorio á obra, sinalaba «a concepción da enfermidade e da morte como estación de paso necesaria no camiño do coñecemento» como aprendizaxe principal de Hans no “mundo dos de alá enriba”. Pero tamén recoñecía que a dureza deste camiño era tremenda.
Case todo o mundo viaxa a algunha montaña máxica na súa vida, de visita ou para quedarse. A miña  sitúase neste momento nunha residencia xeriátrica na que visito regularmente a miña nai. Non está nunha  vila de montaña no sentido absoluto, coma Davos, pero si no sentido relativo dun ribeirao. Ocupa o edificio dun antigo grupo escolar, feito que explica mellor a situación demográfica de Galicia ca vinte informes subvencionados. O edificio está ben acondicionado e a atención do persoal é excelente. A maioría sorprenderíase, incluso, da sensación de tranquilidade e benestar que dan a maioría dos residentes. Pero a vellez é dura, e como di a sabedoría popular a procesión vai por dentro; porque ninguén resolveu aínda aquela contradicción que sinalaba Jonathan Swift hai trescentos anos: «Todo o mundo quere chegar a vello pero ninguén quere selo». Ás enfermidades incapacitadoras que lle impiden a un valerse -que escándalo que haxa dependentes que non reciben axuda de ningún tipo mentres miles de xubilados, que non son vellos nin necesitados, realizan viaxes turísticos subvencionados-, as dores de todo tipos de doenzas, a máis que frecuente perda de seres queridos, o abandono da casa familiar, a soidade…Todo iso vaise xuntando e configurando un cadro de sufrimento que esta sociedade voluptuosa prefire apartar e ignorar, convertendo a verdadeira vellez nun tema tabú tratado case sempre de xeito tanxencial ou estereotipado. Por sorte, tiña razón Tolstoi cando escribía que «non hai condicións de vida ás que un home non poida acostumarse», ou como o propio Thomas Mann poñía en boca de Hans: «un acaba acostumándose a non acostumarse». Na montaña máxica, escoitando, apréndese que pode haber vida detrás das verdades máis terribles e dos embates máis furiosos do destino, que a riqueza e a complexidade das persoas é asombrosa, e que un non perdeu todo se aínda se lle recoñece a súa individualidade e a súa biografía. Tamén se aprende que tiña razón Pla cando afirmaba que quen se emociona lendo novelas despois de certa idade é un cretino.
A estrada, sinuosa, devólveme entre piñeirais ó mundo dos de alá en baixo. Na radio, os políticos repiten as mesmas mentiras que xa escoitara ás oito da mañá. Prefiro a música. As sombras da tardiña comezan a conquistar o fondo do val. Soa unha das cancións máis fermosas e máis tristes de Bob Dylan,  «knock, knock, knocking in the heaven´s door …»: Chamando ás  portas  do ceo.

Artigo publicado no diario La Región o mércores 27 de agosto do 2014.

martes, 26 de agosto de 2014

A contrafío

Consideraba Orwell que se escribía por catro motivos fundamentais: egoísmo, entusiasmo estético, impulso histórico e propósito político, motivacións todas que estarían presentes en diferente grao en cada escritor fluctuando en importancia cos avatares da vida. Pensaba que para el pesaban máis os tres primeiros motivos, pero que fora o momento histórico que lle tocara vivir, coa experiencia do imperialismo británico na India e a do fascismo en Europa, o que o levara a desconfiar de calquera tipo de autoridade e a que cada unha das liñas que escribira desde 1936 tivese un impulso político, en favor da xustiza, da liberdade e da democracia e en contra do totalitarismo e da mentira.
Vivimos nunha época complexa e sutil na que son maioría os que pensan que os perigos totalitarios son cousa do pasado. Pero xa apuntaba o Padre Feijoo «cuan expuestas viven al error las opiniones más establecidas». Un e outro día vemos como os mesmos poderes que proclaman os grandes ideais da ética, da democracia, da liberdade… son os primeiros en violalos, e a ninguén lle faltarán exemplos que poñer. Por iso dicía Carlos París, o eminente filósofo, que, aínda que o engano existira sempre, era esta a verdadeira época da mentira, ata o punto que a nosa propia estrutura civilizatoria estaría caracterizada por ser ficticia e enganosa. E eu concordo con iso. Por esa razón se mantén Orwell tan vivo, igual ca outros heterodoxos desenmascadores de mentiras coma Camus, Kafka, Unamuno, Voltaire, Swift, Cervantes ou Erasmo.
Na actualidade, un gran número de escritores, en sintonía cunha ortodoxia, viven de gustar, de dicirlle ós seus lectores aquilo que queren oír, porque caer ben é unha das primeiras preocupacións de hoxe en día. Pero Orwell sabía que as verdades resultan a miúdo molestas, e apuntaba: «se liberdade significa algo, ha de selo dereito de dicirlle á xente aquilo que non quere oír». Que gran verdade! Porque é moi fácil disentir dos adversarios en territorio propio, contentar á parroquia, incluso adoita valer para gañarse a vida honradamente e facer relacións públicas; o difícil é disentir dos dun, dicirlle o que non queren escoitar, pero é cando de verdade se practica a liberdade. Por iso estou con Savater, orwelliano onde os haxa, cando defende que  se algo debería caracterizala moral do escritor isto sería a capacidade de transgredir, postura que vén a coincidir coa do Juan Goytisolo que conclúe: «Molesto, luego existo». Pero a práctica da rebeldía e da independencia do insumiso sempre resulta difícil e solitaria, entre outras cousas polo moito que chove  ó aire libre... É o Medo á liberdade de Erich From.
Sine linea, entre viaxes, conversas e lecturas, pasou o tan necesario coma fuxidío paréntese vacacional. Agora, neste agosto que setembrea, mentres as uvas pintan e o mundo sangra, leo uns versos de Valente: «…para hacernos más libres/ guardó de las palabras/ en tiempo de mentira…». Sinto envexa do Alberto Jiménez Fraud merecente dese Epitafio. Porque, pode que tivese razón Ciorán, «digas o que digas todo seguirá igual», pero dá o mesmo: con Sísifo, toca volver a empuxar o penedo pola costa arriba, aínda sabendo que volverá caer antes de alcanzalo cume. Xusto niso acaba descubrindo o adulto a esencia do mundo. A felicidade, a pesar do cansazo e da dor, talvez consista en facer coma que se asubía cando se empuxa e en aproveitar ben o breve tempo calmo que existe entre dous empuxóns consecutivos…Así comeza esta nova xeira de artigos: A contrafío.

Artigo publicado no diario La Región o mércores 20 de agosto do 2014.