miércoles, 12 de noviembre de 2014

Futbolización social

Gústame o fútbol. Practiqueino con tanta paixón coma escaso aproveitamento na infancia e na mocidade, e son do Atlético de Madrid desde que teño uso de razón: non me pregunten por que. Ó fútbol débolle algunha das grandes alegrías e algún dos grandes desgustos da vida, aínda que a razón rebaixe a importancia de tales acontecementos. Agora, a miña relación co fútbol é ambivalente: segue atraéndome como deporte pero rechazo o que significa máis alá diso, que é case todo.
Porque o fútbol pasou de ser un deporte fermoso e un espectáculo atractivo a converterse nunha especie de sicose colectiva que monopoliza o tempo libre de millóns de cidadáns. Os avances tecnolóxicos dos medios de comunicación, sobre todo coa televisión por satélite, posibilitaron a globalización do negocio futbolístico, reducido antes a un nivel máis local, e con ela a utilización dos medios de propaganda propios de calquera producto de consumo en poder das grandes multinacionais. Pero claro, os efectos aquí son moito máis perversos: porque o fútbol é moito máis ca un produto de consumo universal. 
Para moitos sociólogos estase a dar un fenómeno novidoso: a “futbolización da sociedade”, unha gran transformación na que, contra do que considerabamos ata agora, o fútbol como reflexo da sociedade, é a propia sociedade a que se converte en trasunto ou copia do fútbol. Para comprender semellante poder ideolóxico debemos acudir á antropoloxía das relixións, porque o fútbol transformouse nun fenómeno esencialmente relixioso. A xente sempre precisou complementar o tempo ordinario de traballo con outros tempos sagrados nos que recrear ritos, símbolos e mitos reafirmadores da identidade, da comunidade e da moralidade; para iso estaba a relixión, o teatro, a música, os relatos, as festas... Pero os grandes cambios sociais provocados polas consecutivas revolucións industriais fixeron que moitos ritos tradicionais quedasen anticuados. O pasado século xa estivo cheo de declaracións funerarias: «os antigos deuses morren ou fanse vellos cando aínda non naceron os novos», apuntaba acertadamente o gran sociólogo francés Durkheim. Xusto é nese momento, de ausencia de deuses e de moral indefinida, cando emerxe o fútbol, cuxos ritos veñen a ocupar o baleiro deixado polas vellas celebracións. No fútbol, a xente reencontra as fantasías, os mitos, os encantamentos e as maxias que fora perdendo desde a infancia no universo racionalizador da cotianidade contemporánea, mutiladora dos anhelos espirituais do home, un ser fabulador por natureza. Podería encher tales espazos coa lectura ou co teatro, como fan algúns, e resultaría máis útil, pero tamén máis traballoso. E o groso da xente nunca está por esa labor: prefire o fútbol ou o entroido.
Pero o verdadeiro problema da futbolización non vén do espectáculo futbolístico, senón de todo o que exemplifica o mundo do fútbol máis alá do deportivo: diñeiro fácil, negocios escuros, fraude fiscal, evasión de capitais, sectarismo, manipulación da información, aproveitamento das paixóns da xente con fins comerciais ou políticos, culto do éxito e da victoria por encima de calquera ética, comportamento gregario, fomento das desigualdades, conexións coa corrupción política e urbanística, etc, etc. Unha potencia que compendia a maioría dos velenos sociais e que, non obstante, é capaz de mobilizar ás masas coma ningunha outra. Danse conta do perigo que iso representa?... Cren que a actual situación de corrupción xeneralizada é independente do elevado grao de futbolización que existe en España? Eu non.

Artigo publicado no diario La Región o sábado 8 de Novembro do 2014

No hay comentarios: