lunes, 15 de febrero de 2016

Kindertotenlieder


Tería cinco ou seis anos. Estaba deitadiño sobre unha rocha na beira do mar. As augas aparecían azuis, limpas e transparentes, con esa calma propia das primeiras horas da mañá dun día soleado, cando resulta tan apetecible pasear pola praia aínda deserta. Calquera diría que a súa nai o deixara alí, durmindo tranquilamente; mentres ela, fóra do encadre, estaría tomando o sol ou charlando coas amigas. Ía ben vestido: cunhas deportivas azul mariño, un pantalón da mesma cor e un anorak azul celeste. A cariña, feita e branquísima, brillaba na fronte do sol; e unha man igual de nacarada saía da manga do anorak para descansar semipechada sobre a rocha, talvez suxeitando ese pequeno xoguete preferido que nunca soltan os cativos.
      Non obstante, había dúas cousas que non casaban na fotografía que publicaban os periódicos. A primeira, o descoido da nai por non ter disposto dunha toalla ou de algo semellante para protexer ó neno da rocha áspera e dura. A segunda, unha especie de correas negras que sobresaían por encima da prenda de abrigo… Ó fixarse ben descubríase a realidade: o neno levaba posto un chaleco salvavidas. Comprendíase entón que non fora a súa nai quen o deixara alí, senón a noite e o mar. E que o neno non estaba durmindo: estaba morto.
      “Agora o sol érguese tan radiante/ Coma se a noite non houbera traído a desgraza”. Así comeza un dos 428 poemas do Kindertotenlieder (Cancións ós nenos mortos) que escribiu o poeta alemán Friedrich Rückert en 1833, despois de perder a dous fillos pequenos. É o primeiro dos cinco dese grupo que escolleu e musicou Mahler, entre 1901 e 1904, para compoñer un dos ciclos de cancións máis tristes e emotivos da historia da música. O poema continúa: “A desgraza ocorreume só a min/ Mentres  o sol brilla para todos”.
      Lembran a primeira fotografía dun neno refuxiado morto nunha praia turca? A de Aylan Kurdi, de tres anos, afogado en circunstancias semellantes xunto coa súa nai e co seu irmán cando intentaban chegar á illa grega de Lesbos... Pasaron cinco meses desde entón e, con fotografía ou sen ela, xa van alá catrocentos nenos afogados máis no Mediterráneo; e a eles hai que sumarlles os adultos que correron a mesma sorte… Existe unha proba mellor de que nada serio se ten feito para deter este horror?
      Diante da realidade da xente fuxindo da guerra e dun ceo infestado de avións soltando bombas, escribira MarcBloch, pai de historiadores e heroe nacional de Francia, en plena II Guerra Mundial: “Prego ó ceo que xamais me volva poñer diante dos ollos a visión dos nenos fuxindo das bombas. É atroz que as guerras non poidan perdoar á infancia, non só porque constitúen o noso porvir, senón porque na súa tenra debilidade dirixen unha confiada chamada á nosa protección. A lenda cristián probablemente non houbera sido tan dura con Herodes se só se lle tivera reprochado a morte do Precursor. O seu crime inexpiable foi a Masacre dos Inocentes”. Algo parecido pensaba Albert Camus, testemuña de horrores semellantes, que deixou escrito na Peste: “Non hai nada sobre a terra máis importante có sufrimento dun neno… Estou disposto a negarme ata a morte a amar esta creación onde os nenos son torturados”.
      Vemos, lemos e escoitamos os pavorosos relatos dos refuxiados e comprobamos que para coñecer as grandes traxedias dos homes non é preciso acudir a  Esquilo,  a Sófocles, a Eurípides ou Shakespeare. Traxedias de dimensións nin sequera imaxinadas no pasado suceden cada día ás portas do noso confortable mundo. E apenas facemos nada por detelas… Tiña razón o poeta: a desgraza só ocorre para as vítimas, mentres o sol brilla para o resto.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 14 de febreiro do 2016.

No hay comentarios: