domingo, 18 de junio de 2017

Cambio climático

Comprobo cada ano como moitos alumnos chegan a 3º da ESO (14 anos) ignorando a composición da atmosfera: un 78% de nitróxeno, un 21% de osíxeno e o 1%  restante a repartir entre gases nobres e dióxido de carbono fundamentalmente. E dado que agora a Física e Química xa non é obrigatoria despois de 3º da ESO, aposto que un bo número de españois, algúns con carreira e todo, carecen dese coñecemento fundamental que antes posuía calquera rapaz de dez anos cando entraba no instituto. Pregúntome entón que idea pode ter toda esa xente do cambio climático. Seguramente a mesma que pode ter Trump, un home  que é incapaz de citar media ducia de libros que teña lido,  pero que “figura” como autor de títulos tan reveladores do espírito desta época coma “Pensar coma un multimillonario” ou “Como facerse rico”; o mesmo home que ostenta a presidencia do país máis poderoso do mundo e que se comporta coma un energúmeno nas reunións con outros líderes mundiais: proba concluínte da falsidade dese lugar común que di que “os votantes nunca se equivocan”.
E escribo isto porque podería sorprender que cando un 99% da comunidade científica está convencida de que a causa principal do quecemento global reside no aumento da concentración na atmosfera dos gases de efecto invernadoiro, nomeadamente do dióxido de carbono, aínda haxa unha maioría de persoas, Trump entre elas, que non acrediten tal cousa. Non obstante, a min non me sorprende en absoluto. Realizo unha proba a miúdo: solicito a toda unha clase que elixan entre dúas estratexias, unha acertada e outra errónea,  diante dun problema de dificultade moderada. O resultado máis frecuente consiste en que a maioría decántase case sempre  pola solución errónea, mentres só a minoría escolle a axeitada. Pois ben, sospeito que diante dos problemas reais as respostas dos cidadáns, en ausencia dunha formación adecuada, son semellantes, con dous agravantes: primeiro, a publicidade que das condutas erróneas fan os grupos que se benefician delas adoita ser moi agresiva; e segundo, os que máis saben case nunca gozan da simpatía dos máis ignorantes. Por iso recomendaría eu gravar encima da porta de entrada dos colexios esta sentencia do cronista da Peste de Camus: “Case todo o mal que existe no mundo provén da ignorancia”.
Nun tempo no que parece obrigado ser chistoso, son bastantes os que buscan e explotan o lado divertido das condutas de Trump, pero hai relatos que comezan na comedia e acaban no terror. A decisión do presidente de retirar a EE UU do acordo de París sobre o cambio climático indica xusto nesa dirección. O quecemento global non é unha película de ciencia ficción nin unha confabulación contra América, como parece pensar Trump: é unha realidade que está aí e que pronto non terá volta de folla. As consecuencias catastróficas para o Planeta e para todos os que o habitamos non son profecías baleiras ditadas por un grupo de iluminados, son predicións científicas elaboradas polos investigadores máis relevantes. Reflexionen: alguén seguiría vivindo tan tranquilo se mañá lle dixesen os mellores médicos que ten un 90% de posibilidades de contraer certa enfermidade grave se non cambia o seu estilo de vida? Negaríase a seguir o réxime recomendado coa escusa de que é caro ou de que algún outro médico lle dixo que non corría perigo? Pois xusto iso é o que está facendo Trump movido polo seu desprezo da ciencia e da razón. Pero claro, non se trata da súa propia saúde, trátase da da Terra no seu conxunto. E en espíritos narcisistas e megalómanos resulta característica  a incapacidade de ver máis alá do propio corpo e da propia vida.


Artigo publicado do diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.

martes, 13 de junio de 2017

La Bruyere


Algunhas veces formuláronme esa pregunta tan tópica sobre que cinco ou dez libros levaría eu a unha illa deserta, e téñome fixado que nas respostas raramente selecciono libros contemporáneos, excepto, se acaso, un manual de supervivencia. Entre os que sempre cito están: a Biblia, Don Quijote, os Ensaios de Montaigne, os Tratados Morais de Séneca e os Caracteres de La Bruyere.
Pitágoras pensaba que a populosa asemblea congregada nun estadio era semellante á do teatro da vida, pois nela estaban representadas as tres clases fundamentais de homes: os que non paran de  exercitarse para alcanzar a gloria, os que practican o comercio para obter ganancias e os que, sendo pacíficos espectadores da vida, investigan a razón das cousas tratando de sacar ensinanzas proveitosas para ordenar a súa. Calquera lector atento verá que os meus autores favoritos están sempre dentro do terceiro grupo de Pitágoras: estano os autores dos libros bíblicos, e estao Cervantes, Montaigne, Séneca ou La Bruyere. E a razón desas seleccións, aparentemente anticuadas, reside en que, se ben o mundo leva cambiado moito desde que é mundo, os homes, no esencial, seguen a ser os mesmos, coas súas virtudes e cos seus defectos; por iso os libros dos grandes moralistas, coma Plutarco, Séneca, Montaigne ou La Bruyere, sempre estarán vixentes, especialmente en tempos corruptos coma os que vivimos. Porque, detrás das cambiantes mascaras que, ó longo da historia, teñen utilizado os que viven de enganar ó próximo, sempre atopamos os mesmos tipos: o ambicioso, o hipócrita, o adulador, o malévolo, o fantasma, o tirano, o ingrato...  E se os moralistas gregos e latinos se centraron máis na exploración da virtude, foron os franceses do XVII e do XVIII os que, mediante a crítica das costumes e da dobre moral, analizaron mellor a omnipresente presenza do vicio e da corrupción detrás dos múltiples disfraces das virtudes aparentes;  unha tarefa na que destacou La Bruyere, que deixou escrito: “Coñecer a verdadeira categoría dun home é moi difícil: o velo da modestia cubre a miúdo o mérito, e a máscara da hipocrisía tapa case sempre a malignidade”.
La Bruyere (1645-1696), que se movía pola corte de Luís XIV e coñecía moi ben o mundo dos poderosos, foi un elegante e discreto pintor de todo ese Theatrum Mundi que é a sociedade, e os seus Caracteres son un clásico atemporal de lectura obrigada, á altura do Príncipe de Maquiavelo ou dos Ensaios de Montaigne. Pero para min ten La Bruyere outro atractivo engadido, o de formar parte do selecto grupo de autores ós que lles bastou con escribir un só libro para consagrarse, coma a Lampedusa (O Gatopardo) ou a Salinger (O garda entre o centeo). Porque consideraba que non se trata de escribir moito, senón o preciso, que é pouco, e ben, que é moi difícil. Viña a dicir: non lle fagamos perder o tempo á xente con libros innecesarios, habendo tantos que ler imprescindibles.
Nese senso, o primeiro capítulo dos Caracteres, titulado “As obras da intelixencia”, debería ser preceptivo para todo aquel que pense en escribir algunha obra de creación literaria. Así que vou rematar cunha pequena escolma de advertencias espigadas dese capítulo: 1) “Todo está dito e un non fai outra cousa ca chegar tarde”; 2) “Hai cousas nas que a mediocridade resulta insoportable: a poesía, a música, a pintura, a oratoria”,  e 3) “A gloria e o mérito de certos homes estriba en escribir ben; a de outros consiste en non escribir”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de xuño do 2017


sábado, 3 de junio de 2017

Bancos


Ò falar de bancos no primeiro que se pensa é nos de crédito, pero eu quero escribir sobre os de sentarse, que son ós que etimoloxicamente lles corresponde o nome. Ocorréuseme a idea aí atrás, vendo como a xente facía cola para sentarse nun de Loiba -parroquia do concello de Ortigueira ó norte da provincia da Coruña-,  unha vez que os medios de comunicación propagaron que a  vista contemplada desde ese banco era unha das máis fermosas do mundo. Coñezo bastante ben toda a costa de Ortigueira, por ter sido esa vila o meu primeiro destino profesoral hai unha chea de anos, e teño que dicir que as panorámicas desde os acantilados de Espasante ou de Loiba,  vendo toda a inmensidade do Mar Océano enfronte, enmarcada polos farallóns do cabo Ortegal e a punta da Estaca de Bares,  son incomparables. Pero non creo que a vista desde o famoso banco mellore en nada ás que se poden ter desde outro cento de lugares próximos, sen necesidade de facer colas. O que me confirma o banco de Loiba é a asombrosa capacidade que ten a sociedade turístico-global para potenciar o  gregarismo da raza humana.
Non obstante, eu son un gran amante dos bancos, especialmente dos públicos. Moito máis cando sillas, sofás, butacas, tresillos, canapés, puffs e chaiselongs (vaia par de palabras máis cursis) pasaron a dominar o importante mundo do asento, en detrimento dos tradicionais bancos e banquetas de antano. Ademais, se as prazas públicas deben estar entre os inventos máis beneficiosos da humanidade, os bancos e as banquetas son un complemento necesario. Diría que os bancos son para os homes algo así coma as árbores ou os cables da luz para os paxaros: lugares de descanso principalmente, pero tamén de contacto e socialización cos semellantes. Na nosa arquitectura tradicional era rara a casa que non contaba con unha ou con dúas banquetas arrimadas á parede de enfronte da vía pública, o mesmo que as había arrimadas ás arbores das prazas ou dos campos da feira, e todas esperando por unha parola amigable. De feito, polo número de banquetas dunha vila ou dunha aldea un podía ter unha idea do sociables que eran os seus veciños. 
Hai tempo que da colocación (e da retirada) de bancos e banquetas nos espazos públicos se encargan os concellos. E non se pode dicir que non teñamos bancos, pero non é raro que sobren onde non fan falta nin que falten onde se precisan. A realidade preséntase diversa,  non obstante observo como, con esa estúpida idea de que todo se debe “poñer en valor” , vaise tendendo á ocupación privativa de lugares públicos, que antes eran centro de reunión e recreo dos veciños, especialmente baixo a forma do “terraceo”. Así, resulta cada vez máis frecuente atopar prazas totalmente exentas de bancos e banquetas, dispostas para ser colonizadas polas terrazas, co fin de que aporten beneficios económicos ós bares, restaurantes e cafeterías colindantes. E non hai que ir lonxe para comprobar isto, basta con acercarse á Praza Maior de Ourense ou á de Ribadavia. Por sorte, a moda aínda non chegou a tódalas vilas: O Carballiño, por exemplo, que tantas veces se cita como paradigma do mal urbanismo, conta cun numeroso inventario de bancos e de banquetas públicas, no seu Parque, nos seus paseos e en todas as súas prazas, incluída a Maior; e de todos eses asentos fai a xente un notable e beneficioso uso, en nada incompatible co das terrazas dos establecementos privados. Ademais, nos bancos vai quedando impregnada a memoria das xentes que neles apousentaron e das historias que neles se escoitaron; por iso resulta tan importante respectalos e conservalos... Podería ser un relato interesante: o da vida contada a través dos bancos onde un se foi sentando.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 28 de maio do 2017.

miércoles, 31 de mayo de 2017

Vilanova dos Infantes


A raíz do artigo que escribín sobre o Leboreiro, preguntábame un amigo lector polo nome de Vilanova dos Infantes. Contábame que un coñecido seu, natural das terras de Celanova, dixéralle que o nome verdadeiro era Vilanova das Infantas e quería saber a miña opinión ó respecto. E foi o caso que a celebración da Romaría Raigame nesa fermosísima vila fíxome lembrar a cuestión, e pensar que podía  telo suficiente interese para dedicarlle esta columna.
Non serán moitos os que saiban deste dilema toponímico, pero coido que entre as xentes da comarca de Celanova son maioría os que leron ou escoitaron que o nome propio da vila é Vilanova das Infantas, e non o oficial Vilanova dos Infantes. Non obstante, talvez sexan menos os que se pararon a pensar como foi posible un cambio de tal magnitude. Porque, alguén imaxina que Vilar de Rei pasase a ser Vilar da Raíña ou que Arcos da Condesa rematase sendo Arcos do Conde? Non parece fácil.
Como é sabido, San Rosendo, fundador do Mosteiro de Celanova, era fillo dun matrimonio da alta nobreza galaica, o formado polo condes don Gutier e dona Ilduara, que tiñan o pazo familiar en “Vilanova”, sen complemento de ningún tipo: así consta na escritura de doazón que, no ano 927, lle fai o rei de Galicia, Sancho Ordóñez, da veciña vila de Vilar, que sería onde Rosendo fundaría poucos anos despois o celebre Mosteiro. Polo tanto, Vilanova é o nome orixinal da vila, e así aparece de forma repetida na documentación medieval.  Pero, desde principios do século XV, o nome comeza a figurar cun complemento que, curiosamente, non sempre é o mesmo, pois atopamos: “das Infantas”, “das Infantes” e “dos Infantes”, cun claro predominio dos dous primeiros. Esta rara confusión tería a súa orixe, ó meu parecer, nunha cuestión puramente gramatical.
Vexamos. O latín “infans, infantis” era común para o masculino e o feminino, e así pasou ó galego e ó castelán, linguas nas que “infante” valía  para os dous xéneros, sendo “a infante” o feminino e “o infante” o masculino. O mesmo pasa, por exemplo, con “conserxe”. Pero  moitas destas palabras acabaron contando con voz propia para o feminino, algunhas desde hai moitos séculos, coma “infanta”, e outras tan recentemente coma “xuíza”, que se incorporou hai menos de trinta anos. Para o  que nos ocupa, resulta moi instrutivo o que escribía Nebrija na súa Gramática de 1492, cando se refería ós distintos  xéneros: «Común de dos es aquel con que se ayuntan estos dos artículos “el”, “la”, como “el infante”, “la infante” [...].». É dicir, a finais do século XV Nebrija aínda non recoñecía a forma feminina “infanta” para o castelán, a pesar de que xa se  viña documentando desde bastante antes no caso concreto de fillas de Rei, pero debía consideralo unha incorrección. E o mesmo pasaría no galego; de feito, as “Infantas” do complemento de Vilanova están entre os primeiros rexistros da forma feminina en galego. En resumo, a maioría dos autores que escribiron sobre isto afirman que o nome xenuíno da vila é “Vilanova das Infantas”, pero eu matizaría e diría “Vilanova das Infantes”. Pero sen quitarlle lexitimidade a “Vilanova dos Infantes”, un nome que resultaría da posterior evolución por apreciación popular dunha aparente falta de concordancia entre o artigo e o nome. Mentres, polo xa dito, dubido que algunha vez estivera implantado na fala o nome de “Vilanova das Infantas”. 
Agora preguntaranse algúns pola identidade desas Infantes. A historia certifica un mosteiro feminino na propia Vilanova, fundado pola Condesa Ilduara. E a tradición conta que no tal mosteiro estiveron dúas fillas de Afonso X “O Sabio”, que serían as “Infantes” do nome...  Pero eu aí xa non me meto.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 21 de maio do 2017.

sábado, 20 de mayo de 2017

Primarias

Pensaba escribir esta semana sobre as rosas, porque as de maio son as primeiras e as máis fermosas. Ó meu xardín chegaron co mes, as brancas,  as máis antigas e nobres segundo a mitoloxía grega; pero as vermellas, primeiras na tradición xermánica, xas vira eu no Ribeiro dúas semanas antes. Non obstante, as xeadas tardías, a nube negra de corrupción que asombra España ou os números da declaración da renda son circunstancias que, sumadas ás inquedanzas da esfera privada, deixan pouco espazo para a contemplación estética e sentimental da raíña de maio, que non é outra cá rosa. Talvez a felicidade plena consista en poder contemplar as rosas de maio sen máis preocupación cá de gozar da elegancia das súas formas,  da pureza das súas cores e da finura da súa fragrancia. Pero a realidade imponse, e como antepoño eu o “docere” ó “delectare”, decido escribir sobre outra rosa: a do PSOE. Unha rosa que este país precisaría fresca e vigorosa e que hoxe  semella débil e mucha.
Porque o panorama que presenta o PSOE diante das primarias é dramático. E se teño poucas dubidas de que houbo e hai forzas importantes que traballaron e traballan desde o lado escuro para dificultar unha nova chegada ó poder da esquerda, teño moitas menos de que boa parte da culpa do lamentable estado no que se atopa o PSOE, líder tradicional desa esquerda, reside nos seus propios dirixentes. Neste senso, converterse en abandeirado das primarias e presentalas como proba irrefutable da existencia de democracia interna nun partido puido ser un dos maiores erros dos últimos anos.
Para comezar, a experiencia de primarias no PSOE ten sido calamitosa: desde o desastre da bicefalia Borrell/Almunia a que conduciron as primeiras, en 1998, á fractura que provocaron as de 2014, cando Pedro Sánchez se impuxo a Madina. Porque as primarias, en ausencia de medidas que afonden na transparencia e na democracia interna, en vez de sela panacea salvadora da debilitada credibilidade dos partidos, acaban converténdose nun campo de batalla onde os potenciais votantes observan con estupor como as diversas faccións do partido se aniquilan entre si. Ademais, debería saberse que a democracia representativa non é menos democracia cá directa; ó contrario, constitúe o fundamento principal das democracias contemporáneas, aínda que concordemos con Bobbio na necesidade de complementar a democracia representativa coa directa.  É por iso que a elección de cargos ou de candidatos por vía congresual pode resultar tan ou tan pouco democrática coma por vía de primarias. Porque o importante non son as primarias –en bastantes países europeos que nos dan cen mil voltas en calidade democrática apenas se realizan-, senón que o funcionamento dos partidos se democratice e a súa transparencia aumente. Pero nin o PP nin o PSOE están pola labor; de aí que sigamos esperando por unha lei de partidos equiparable ás das democracias europeas máis avanzadas: iso si que sería loitar contra a corrupción.
En España, sabémolo todos, os partidos de goberno convértense en axencias principais de colocación nos territorios correspondentes. E son eses beneficiados dos partidos os que acaban conformando a masa fundamental da  militancia. Polo tanto, cando votan, defenden antes que nada os propios intereses de permanencia nos seus cargos ou nos seus traballos. Como é natural, a batalla campal desátase cando, por perda de poder, hai pouco que repartir: o que lle pasa agora o PSOE. Mentres, os candidatos a elixir e as políticas a aplicar pasan a ser algo secundario. Así, non resulta raro que os líderes elixidos pola militancia fracasen logo estrepitosamente diante do electorado. Atención.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 14 de maio do 2017

Homo Multimillonarius

Se me preguntasen pola creación cultural que mellor reflicte o espírito desta época, eu non diría nin a literatura, nin o cine, nin a pintura, … Diría a publicidade. Ó meu ver, en ningunha outra obra creativa resulta tan importante acertar coas verdadeiras crenzas, mitos, instintos, valores e intereses do común da xente. É certo que as mensaxes publicitarias poden ser falsas –de feito, raramente son veraces-, pero para que resulten eficaces deben dirixirse ó auténtico espírito dos consumidores, especie á que todos pertencemos desde o momento en que todo se converteu en mercancía.
Pero, dentro dese vasto mundo, permítanme que me centre nun dos grupos de anuncios que ultimamente vén ocupando máis tempo publicitario: o dos xogos de cartos con premios en metálico, fundamentalmente loterías e apostas. Ata hai corenta anos este tipo de xogos limitábanse á quiniela e á lotería, o Estado tiña o seu monopolio e en xeral os premios eran modestos, de xeito que tan só raramente producían verdadeiros millonarios; mentres, eran relativamente frecuentes os casos nos que sacaban a alguén dun apuro. Pero agora ambos xogos están en decadencia, especialmente a quiniela: tiveron que ceder fronte a outros nos que os premios son maiores, aínda que o número de agraciados se reducise considerablemente. Trátase dunha proba manifesta de como a cultura desta época ten potenciado a natural cobiza humana e de como “forrarse” pasou a ser un dos soños máis comúns da xente, todo en liña cunha sociedade que é cada vez máis individualista e menos solidaria. Por iso cada día, da mañá á noite, os cidadáns somos bombardeados con mensaxes que falan de que “non temos soños baratos”, dos “grandes” problemas da vida dos millonarios ou de como cada semana nace un novo “homo multimillonarius”. E a todo isto, promovido con total descaro desde a esfera pública, teríamos que engadirlle a publicidade sen trabas que as grandes empresas do sector fan das apostas e dos xogos online, especialmente cando os eventos deportivos, que son os que máis audiencia convocan e cando a proporción de nenos e mozos –presas fáciles para este tipo de publicidade- é maior. Baste dicir que a maioría dos clubs de fútbol están patrocinados por algunha multinacional do xogo, e que moitas figuras deportivas, coma Cristiano, Neymar ou Nadal, se teñen prestado para este tipo publicidade.
Os xogos de cartos estiveron mal vistos tradicionalmente, e o cristianismo sempre os condenou, pero non tanto polo que teñen de xogo coma polos perigos persoais e as lacras sociais que conlevan. Tales xogos e apostas animan ós pobres e ás persoas con dificultades a gastar o diñeiro que non teñen coa esperanza –totalmente irracional- de facerse ricos, mentres os que se valen ben ou xa son ricos, aínda que gasten bastante máis, non experimentan perdas apreciables. Na realidade, as loterías e as apostas –amén de grandes negocios- son impostos camuflados totalmente regresivos, que axudan ós gobernos a evitar o impopular aumento dos tributos recoñecidos como tales. Pero o realmente obsceno é que sexan entes públicos os que, aproveitándose das dificultades dos máis menesterosos e explotando os instintos máis baixos da xente, acudan á publicidade máis agresiva  deste tipo de xogos, o mesmo que os gobernos permitan que a transmisión de eventos deportivos se converta nunha caza desapiadada de posibles adictos ó xogo,  provocando que moita xente se precipite na espiral das débedas e das patoloxías da adición ó xogo. De momento, España xa é o cuarto país do mundo onde máis se xoga, o número de ludópatas pasa do medio millón, e o sector de idades que máis medra está entre 18 e 25 anos. Seguimos progresando. Hagan juego señores!

Artigo publicado no diario La Región o domingo 7 de maio do 2017

martes, 2 de mayo de 2017

Antonio Eiras Roel


No medio dun asombroso silencio do mundo da cultura, máis alá das obrigadas notas oficiais e  dun par de breves periodísticos, vén de deixarnos unha das figuras máis relevantes da intelectualidade galega do último medio século: Antonio Eiras Roel. Baste dicir que boa parte do relato histórico de Galicia que se ensina nos nosos institutos e nas nosas universidades está relacionado, dun xeito ou doutro, co maxisterio deste eminente profesor, catedrático de Historia Moderna. En última instancia, foi el o principal artífice da substitución da vella historia lendaria e narrativa que imperou en Galicia ata mediados do século pasado, pola que viña practicando en Francia a Escola dos Annales, creada por M. Bloch e L. Febvre a finais dos anos vinte. Tal cambio supuxo pasar daquela historia tradicional, onde semellaba que no mundo só houbera reis, papas, militares e guerras, a outra máis centrada en descubrir como vivira a xente nas diferentes épocas; e para iso precisábase da análise científica e rigorosa de fontes ata entón pouco exploradas: censos, libros de contas, protocolos notariais, etc.  Nese senso, a organización por Eiras Roel das I Xornadas de Metodoloxía Histórica Aplicada, celebradas en 1973 en Compostela, coa presenza de E. Labrouse, cabeza visible daquela de Annales e pai da historia cuantitativa e da introdución da estatística neste tipo de investigacións, marcou a definitiva incorporación da historiografía española á “revolución metodolóxica” que se espallaba desde Francia.
Máis alá dos seus traballos sobre a metodoloxía e as fontes –tamén fundou o Arquivo Histórico Universitario de Santiago-, case todo o que sabemos da historia da Galicia moderna, apenas estudada antes dos setenta, a pesar de constituír o fundamento histórico principal da Galicia contemporánea, mana da obra de Eiras Roel e da dos seus discípulos –porque se debe salientar que foi un dos principais creadores de escola dentro da Universidade de Santiago: Ramón Villares, Pegerto Saavedra, Ofelia Rey ou Mª Carmen Saavedra son só algúns dos brillantes historiadores en activo que formou-. A historia rural de Galicia, a demografía histórica, ou a emigración (era fillo de emigrantes galegos e nacera en Bos Aires en 1931) foron algúns dos temas que máis o ocuparon. Mención especial merece o seu interese polo estudo da Galicia institucional do Antigo Réxime, centrándose sobre todo no réxime señorial e nas Xuntas do Reino de Galicia, apartado este último no que dirixiu a edición de quince tomos das súas Actas por parte da Xunta. Un traballo que, por certo, entusiasmaba a Fraga, quen vía nas Xuntas o xerme da autonomía de Galicia. O empeño de Eiras nesta edición talvez explique a súa forzada aceptación en 1999 do cargo honorífico de Cronista Oficial do Reino de Galicia, que lle ofrecera o propio Fraga, pero que na práctica case nunca exerceu, pois o mundo deste home, que consideraba a Facultade de Filosofía e Letras de Santiago a súa verdadeira “patria espiritual”, era o académico.
Sei por alumnos seus que era persoa seria, pouco dada a confundir a ciencia e a docencia co espectáculo –algo que agora se leva tanto-, o que lle deu certa sona de home distante e introvertido; pero todos os que o trataron salientan a súa gran humanidade. Contábame un deses antigos alumnos como nun curso de terceiro ciclo solicitara de “don Antonio” poder retrasar a entrega dun traballo, por estar preparando unha oposición: «- prepare usted la oposición, que ahora es lo primeiro; yo le califico con sobresaliente y después ya me presentará el trabajo cuando pueda; porque estoy seguro que lo hará con el mismo rigor que si no estuviese calificado.». Resposta exemplar, do sabio e do home.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 30 de abril do 2017.

sábado, 29 de abril de 2017

En bicicleta


Hai tempo que desexaba escribir un eloxio da bicicleta, e van alá varios intentos. O último no pasado outono, cando os fríos de novembro recomendaban o inicio do tradicional paréntese invernal do pedaleo. Agora regresou o bo tempo, volveron as bicicletas ás estradas e  retornou a idea do texto pendente.  
Foi Marc Augé, antropólogo francés autor dun libro sobre este tema, quen escribiu que ninguén podía facer un eloxio da bicicleta sen falar de si mesmo. E tiña razón, porque basta pensar niso para que se acugulen na mente centos de imaxes de vivencias nas que a bicicleta foi protagonista das nosas vidas. Talvez nos suceda máis iso ós que temos certa idade, e menos ós novos; porque a bicicleta, por desgraza, perdeu parte da importancia cultural que tivo.
Ninguén esquece como aprendeu a montar en bicicleta, nin as viaxes iniciáticas que fixo montado nela cos seus amigos. Tampouco aquel verán no que  levou sentada no cadro á bonita rapaza que tanto lle gustaba. Son lembranzas comúns que explican o xeral aprecio que sentimos polas bicicletas. Pero se houbera que resumir nunha palabra o que simboliza este velocípede, eu diría liberdade. Non sei no que soñan os rapaces de agora, nin sequera sei se soñan tanto como soñabamos; pero o que sei é que a bicicleta foi para nós unha máxica máquina de soños e de evasións que nos abría a posibilidade de descubrir novos mundos. E en certa medida, pasados os anos, cada vez que un  monta na bicicleta recupera sensacións daquel tempo perdido e feliz que foi o da infancia e da adolescencia.
Como amante do cine, escribindo disto, non me esquezo de Día de Festa de J. Tati nin de Ladrón de bicicletas de V. de Sica, pero hai dúas secuencias noutras dúas películas que, ó meu ver, reflicten coma ningunhas o carácter liberador da bicicleta: a primeira está en A Gran Evasión, cando un protagonista (James Coburn), despois da fuga, atravesa os verdes campos de Francia en bicicleta e consegue ser un dos poucos evadidos que alcanza a liberdade; a segunda, das mellores da historia do cine, está en E.T., cando os rapaces levantan o voo montados nas súas bicis. A primeira simbolizaría a viaxe que todos soñamos algunha vez, pero que poucos teñen o valor de realizar: a do home que para ser libre sae a coñecer o mundo, pedalada a pedalada, lixeiro de equipaxe e montado na bicicleta da mocidade. A segunda remite a algo profundo e alegórico: á ansia do home por voar, tanto física coma espiritual, na que a bicicleta parece ser paso intermedio e necesario: “Yo sé que tiene alas./ Que volando me lleva/ por prados que no acaban/ y mares que no empiezan”, cantáballe o poeta no exilio á súa bicicleta ultramarina.
Eu aprendín a andar en bicicleta nunha de piñón fixo, na desaparecida fábrica de madeira do señor Arsenio; conseguín sosterme costa abaixo durante uns vinte metros para logo espetarme contra a parede do secadeiro das táboas. Despois, a primeira viaxe iniciática fíxena con catro amigos; para iso tivemos que requisar medio parque móbil da parroquia, pois non eran tantos os veciños con bicicleta; teríamos once ou doce anos; subimos polo Carballiño, baixamos por Barbantes e regresamos a San Clodio por Ribadavia: aínda hoxe penso que foi unha das viaxes máis fermosas das nosas vidas.
Pouco se parece a bicicleta de hoxe a aquela vetusta Orbea que mercara meu pai como medio de locomoción familiar; noto a falta, sobre todo, do timbre e da botelliña da dinamo co seu foco. Non obstante, cando me lanzo costa abaixo polas estradas da infancia e xogo a cambiar a posición da cabeza, para experimentar os distintos xeitos que ten de zoar o vento, por veces, non estou seguro se quen vai na bicicleta é este home maduro que agora escribe ou aquel neno no que agora pensa.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 23 de abril do 2017.

domingo, 16 de abril de 2017

O Leboreiro


O domingo 26 de marzo viaxaba do Carballiño a Celanova, pero non por Ourense, senón por Ribadavia e por Cortegada. Antes podía levar medio día este traxecto, pero agora a estrada  é estupenda e en menos dunha hora ponse un en Celanova. E as paisaxes son excepcionais.
Despois de Cortegada, subindo para Ramirás, divísase á dereita todo o val do Deva, coa súa miríade de graciosas aldeíñas  repartidas entre os verdes claros das hortas e os máis escuros dos tupidos piñeirais, sendo coma quen ve un grandioso nacemento. E ó fondo, ordenando e presidindo estas paisaxes, está o impoñente macizo do Leboreiro, que ese día aparecía completamente nevado, co que a beleza da postal resultaba inenarrable.  Para gozar desta regalía parei no Viso, do concello de Gomesende, que resulta ser un perfecto merecedor do topónimo, xa que significa xusto o que é o lugar: un ‘emprazamento elevado con amplas panorámicas’. 
As magníficas e inesquecibles vistas do Leboreiro nevado trouxéronme á cabeza unhas vellas notas que tomara sobre o seu nome. Porque me sorprendera hai anos como se ía impondo a forma “Laboreiro”, fronte a “Leboreiro”, a que sempre lle lera a Otero Pedrayo e a Xoaquín Lorenzo, bos coñecedores destas terras. Agora, a  forma espuria úsase de xeito case unánime; pero non cabe sorprenderse, as malas herbas sempre inzaron mellor cás boas.
A confusión parte do nome que lle acabaron dando os portugueses ó importante castelo de “Castro Laboreiro”, que señorea o “planalto” destes montes, que tanto saben de historia. Pero no caso da cartografía, de onde se toman os nomes a miúdo, foi a decisión de Fontán de chamarlle “Sierra de Laboreiro” no seu famoso mapa a que transmitiu o erro á maior parte da cartografía posterior, mapas da Xunta incluídos. Non obstante, a etimoloxía de “Leboreiro” (do lat. “lepus” ‘lebre’) xa estaba clara para o Padre Sarmiento, aínda que Frei Joaquim de Viterbo, no XVIII, propuxese unha derivación de “lapa” ‘laxa’, ou o Padre Antonio Carvalho, no XIX, de “labor” ‘traballo’, explicacións alternativas que trataban de xustificar a forma portuguesa; pero todas foron desautorizadas por Leite de Vasconcelos, o máis grande filólogo que tivo Portugal,  cando comprobou que o nome do Castro Laboreiro nos documentos antigos era sempre “Crasto Leboreyro” ou “Crasto Liboreiro”, pero nunca “Laboreiro”.
Poden preguntarse algúns se habería no pasado nestes montes a cantidade de lebres necesaria para xustificar tal nome.  Pero teño que dicirlles que non é preciso que as houbera, que basta con saber que foron terras ricas en caza e en pastos. Porque xa o gran polígrafo romano Varrón explicaba no seu Re Rustica que o latín “Leporarium” non significaba exclusivamente lugar poboado de lebres, senón tamén espazos onde había toda clase de animais pacendo, coma corzos, cervos e cabras montesas.
Remato contándolles o que me pasou cando andaba eu con estas cavilacións vocálicas, hai cerca de dez anos. Un domingo fun ata Ponte Barxas e subín pola estrada que vai en dirección a Bande. En Crespos, parei e púxenme a falar cunhas mulleres, co obxectivo de saber se pronunciaban Leboreiro ou Laboreiro. A miña sorpresa foi enorme cando comprobei que nin dicían unha cousa nin outra: dicían “Loboreiro”... Claro, pero esa pronuncia era unha confirmación do “Leboreiro” orixinal. Por semellante motivo “Levada” deu “Lovada” nalgúns casos, “semana” pronúnciase ás veces “somana” e “remedio”, “romedio”. Pero, a que ninguén escoitou nunca “Lavada”, “samana” ou “ramedio”? Verdade que soan  raro? Pois igual me soa a min “Laboreiro” sabendo que a orixe está en “Leboreiro”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 9 de abril do 2017

Fotografía: De Finlaure - Fotos Finalure, 
CC BY-SA 2.0, https://gl.wikipedia.org/w/index.php?curid=65837

lunes, 10 de abril de 2017

Xesús Alonso Montero


O pasado 17 de marzo cesaba Xesús Alonso Montero como presidente da Real Academia Galega. E sorprendeume a pouca relevancia que se lle deu á noticia, desde logo moi inferior á da súa elección no 2013, trala dimisión de Méndez Ferrín, naquel ambiente de confrontación entre académicos.
As academias da lingua están todas inspiradas na francesa, que  fora promovida en 1635 polo astuto e malicioso cardeal Richelieu, para moitos o auténtico creador do Estado moderno centralizado (e dos servizos secretos). Esta academia tiña como fin formal regular e desenvolver a lingua, pero no que pensaba realmente Richelieu era en dispor dunha institución controladora e conservadora, capaz de desarmar a linguaxe perigosa, coñecedor do poder invencible da palabra popular. Para iso pensou en honrar na nova institución ós escritores, pois sabía das súas ansias por recibir honores e distincións. Voltaire, que foi membro da francesa, xa cría que un dos fins principais das academias era o intercambio de discursos laudatorios entre os académicos. E esa idea da “Laudatio”, por moito que se diga, segue presidindo o sentido das academias e institucións semellantes. Por todo iso, aínda respectando o seu significado e valorando os seus traballos, non estou eu moi atento ós avatares da Academia Galega. Pero, neste caso, interésame a institución polo home. Por Xesús Alonso Montero, amigo meu e ribeirau coma min.
Resultou polémica a súa elección no 2013. Non obstante, sabido que os principais obxectivos da academia son a defensa, o estudo e a promoción da lingua e da cultura de Galicia, resulta obvio que ningún outro académico da galega podía presentar no 2013 –tampouco agora- unha folla de servizos comparable á súa. De feito, o que realmente sorprende é que Alonso Montero non fose elixido antes presidente da institución. Porque, cando moitos dos seus críticos aínda non aprenderan as catro regras, e a maioría deles nin sequera dixeran as primeiras palabras en galego, xa andaba el defendendo a nosa lingua co maxisterio, a lucidez e a valentía que sempre o caracterizaron.
Eu souben del hai agora cincuenta anos, por un tío meu que se fixera cun libro daquela prohibido en España: o agora mítico Galicia Hoy, impreso na Arxentina e editado por Ruedo Ibérico en 1966. O libro incluía un atrevido traballo sobre o estado do galego que Alonso Montero asinaba con nome e apelidos, a diferenza da maioría dos colaboradores, que preferiran agochar os seus nomes detrás de pseudónimos, por temor ás represalias do franquismo. E cando iso, xa levaba o profesor máis dunha década defendendo a causa do idioma.
Pero hai algúns sectores do nacionalismo –talvez escasos, pero con gran predicamento- que non aturan a ninguén que se atreva a levantar a bandeira da lingua desde fóra das súas filas. E moito menos se o atrevido é de esquerdas e ousa criticar as políticas que defenden. Por iso nunca aturaron a Alonso Montero. Todos lembramos como se puxeron cando dixo, no contexto dunha moderada crítica a tódolos partidos en relación co idioma, que o BNG era coma esas nais que queren moito ós seus nenos, pero tanto os apertan que os abafan. Unha idea que, por certo, compartimos moitos dos que cremos máis na persuasión ca na férrea imposición normativa do idioma.
Cumpriu de sobra Alonso Montero co seu cometido, e hai que felicitalo, pero non lle puxeron fácil o mandato. “O noso non é a espada. O noso é a palabra”, repetiu a miúdo. Esqueceuse de algo que xa apuntara o resabido cardeal Richelieu: “as feridas de espada curan facilmente, pero non así as de palabra”. E, dado o caso, non hai palabras que máis firan cás verdadeiras.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 2 de abril do 2017

sábado, 1 de abril de 2017

O Coto de Novelle


Permítanme que lles escriba hoxe dun coto: do Coto de Novelle. Antes quixera lembrarlles que “coto”, ‘prominencia pétrea, monte pequeno de forma cónica, parte máis alta e aguzada dun monte’,  é palabra de orixe prerromano que sobreviviu no latín galaico e no galego, pero nada ten que ver co castelán “coto”, ‘terreo acoutado’, que en galego é “couto”. Sinalar tamén, para os que non o coñezan, que o Coto de Novelle é un monte de 712 metros de altitude, coa característica cima aguzada da definición, situado xusto ó sur do embalse de Castrelo, coincidindo no seu cume a estrema dos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.
Por que escribir hoxe do Coto de Novelle? Pois, seguramente, porque a primavera é un dos tempos que máis convida a gozar das paisaxes. E o Coto de Novelle é un dos elementos paisaxísticos máis importantes e fermosos do Miño centroso ourensán, é dicir, dos ribeiros. Curiosamente, a literatura galega, tan chea de paisaxes, apenas se fixa nos montes con nome propio; talvez porque a tendencia á esfericidade da matriz granítica e gnéisica do noso chan fixo raras as cumes singulares, levando ós nosos escritores a fixarse máis nas serras ó describir horizontes. Tan só Otero Pedrayo, que eu saiba, situou o Coto de Novelle na súa narrativa. Pero claro, que outro mestre das paisaxes galegas tivemos aparte de don Ramón?
Ademais, don Ramón sentía debilidade polo Coto de Novelle, como a sentimos todos os que fomos aprendendo estas paisaxes dos ribeiros. El, que definía as harmónicas composicións destes vales como «o meirande avencellamento da historia coa natureza na nosa Terra»,  pensaba que era o Novelle, «fermoso e rexo», coa súa «xeitosa e grave figura», quen mandaba no conxunto, erixíndose en «expresión rematada de coto ordenador dun tempo de vales e encostas», e no verdadeiro «mestre na composición das paisaxes do Miño ribadaviense».
Outro namorado do Coto de Novelle foi Cuevillas, quen apuntaba: «Pásalle ó Coto de Novelle o que lle pasa ó Pico Sacro, un dos montes máis ilustres de Galicia, i é que se ve desde moi lonxe e desde moitas partes, pese ó modesto das alturas». Algo que calquera pode comprobar cando se achega a Ourense desde Vigo, Pontevedra ou Santiago, pois sempre lle será doado descubrir ó lonxe a figura xeitosa do Coto de Novelle. Aínda así, as mellores vistas do coto son: a que hai desde os fondais de Beade, a de Ventosela e as que se poden ver desde calquera das estradas que soben do val do Miño ás terras do antigo Chao de Castela, por exemplo, desde a que vai de Razamonde ó San Amaro por Eiras.
Impresionaba tanto o Coto do Novelle a Cuevillas que ata lle sorprendía que ningunha fonte literaria grega nin latina falase del nin de ningunha divindade asociada, porque na «figura dun coto tan forte, tan impoñente, ca súa cabeza ergueita e ennegrecida, cuberta ás veces por un veo de néboa, é gustoso matinar nun numen moi antigo e de moito poder». E houbéralle compracido a Cuevillas saber que a súa intuición acertaba; que detrás do nome do Novelle non está o latín “novus”, ‘novo’, como se adoita pensar, senón “Navia”, a deusa precéltica de orixe indoeuropeo vinculada ós ríos e ós vales, de cuxo culto no noroeste hispano e na Europa céltica dan testemuña as fontes epigráficas e toponímicas. Concretamente de Ourense son tres aras votivas dedicadas á deusa e diversos topónimos, coma o do río Navéa ou o da freguesía de Navío. Do Novelle, sabemos por documento de Celanova que o seu nome aínda era “Navia” a finais do século X, o que desvela a verdadeira etimoloxía do topónimo e proba o carácter sagrado do monte  para os antigos habitantes destes vales. Como intuíra Cuevillas.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de marzo do 2017

sábado, 25 de marzo de 2017

A esquerda no labirinto

Son moitos os que se preguntan que lle pasa á esquerda e como explicar os seus pobres resultados. Pensemos que en 2016 os partidos socialdemócratas perderon 12 das 18 eleccións que se celebraron en Europa. E está o trunfo de Trump en EE UU, culminando a continua perda de peso do Partido Demócrata –versión “light” de socialdemocracia- en favor do Republicano, que xa controla tódalas institucións importantes do país. Esta semana mesmo, en Holanda, o Partido Socialdemócrata, primeiro ata 2002 e segundo desde entón, acaba de caer a un irrelevante sétimo posto.
Na prensa resulta habitual atopar análises locais e simplistas deste complexo proceso, cando debería saberse que ningún asunto complicado admite explicacións fáciles. Poderíamos dicir que nos atopamos diante dun problema “de libro” en sentido estrito, e dicir, dos que, para saber algo, un debe tomarse a molestia de ler algún libro: non basta con asimilar a opinión do columnista afín. Como consecuencia diso, e da miña ignorancia, non esperen descubrir aquí as causas da entrada, nin moito menos as vías de saída do labirinto no que se atopa a esquerda neste momento. Tan só pretendo, se mo permiten, indagar na raíz do problema, coa idea de que das ramas e das follas xa sabemos bastante.
E sobre a natureza desa raíz estou cos que apuntan a algo fundamental: ó cambio no paradigma socio-político producido nos últimos corenta anos.  Porque ata os anos setenta ese paradigma –entendido como conxunto de ideas dominantes- estivo do lado da esquerda: na universidade todo o mundo falaba do marxismo e do socialismo, a loita obreira apoiada nuns sindicatos fortes conseguía grandes avances nas condicións dos traballadores, a sociedade progresaba na igualdade e as institucións occidentais crían que a estratexia de potenciar o benestar era a apropiada para conter a utopía comunista. Mentres, a dereita estaba temerosa e recluída, agardando unha nova oportunidade. E esta presentóuselle trala crise do petróleo dos setenta e os problemas que tiveron os países avanzados para manter o estado de benestar. Foron Thatcher e Reagan os que emprenderon a revolución conservadora: decretaron a sobredimensión do Estado e, fronte a utopía fracasada da economía planificada, promoveron a simétrica dos mercados desregulados e o abandono do benestar como estratexia, pois xa era evidente a descomposición da Unión Soviética. Pero ese primeiro contraataque resultou rudo, e por iso tivo un alcance limitado. Non obstante, desde entón ata agora, a dereita soubo suavizar o discurso e adaptalo ó novo paradigma, consistente na crenza absoluta no progreso persoal ilimitado e en deixar de lado calquera interese pola liberación política, a xustiza social ou a acción colectiva. Para iso, a “neodereita” preséntase cunha faciana amable e moderna, e a través do consumo opulento, da diversión das masas e das novas tecnoloxías promete benestar e felicidade para todos, aínda que os seus intereses sexan os mesmos; é o que Rafaelle Simone denomina o “Monstro Amable”. E fronte a iso, os ideais da esquerda tradicional, nun mundo gastador e consumista, semellan trasnoitados e carentes de atractivo. Esa é a verdadeira raíz do problema, e o resto –fragmentacións, divisións internas, liderados febles, ...- son complicacións provocadas pola debilidade do paciente.

Non obstante, unha socialdemocracia honesta é contrapeso necesario do liberalismo. Porque, como dicía Tony Judt, “co tempo, o libre mercado convértese no seu peor inimigo”. Así o demostra esta crise que non rematou e os  seus violentos efectos en forma de inestabilidade, desigualdade crecente, populismo, nacionalismo e xenofobia.  


Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de marzo do 2017

sábado, 18 de marzo de 2017

Pontes do Avia


Ponte de Pazos
De entre os exercicios da escola hai un que lembro especialmente. Tratábase da realización dun debuxo artístico da Ponte San Clodio. Antes de iso, don Lucio, o noso mestre, acostumaba amosarnos algúns que fixeran alumnos de antano. E sempre recordo o fermosos que me parecían aqueles debuxos. Talvez desa experiencia veña o meu especial interese polas pontes. De feito, entre as investigacións históricas que máis satisfacción me levan dado están as das pontes, sobre todo as relacionadas coas do Avia: as miñas pontes da infancia.
Tres son as grandes pontes do Avia: a de Ribadavia, a de San Clodio e a de Pazos; e a todas lles teño dedicado bastante do meu “ocio estudoso”, dito isto no sentido “erasmián”  da expresión. A de Ribadavia é a máis antiga: temos noticias dela desde principios do século XII, cando aparece referida como “Ponte do Burgo”; e a pesar das reformas posteriores, incluídas as desafortunadas do século XX, é un exemplo precioso de gran ponte medieval: a súa vista desde augas arriba, co barrio xudeu ó fondo e a torre de San Francisco á esquerda, continua sendo a postal máis típica de Ribadavia. A de San Clodio, cos seus tres grandes arcos, foi obra do mosteiro homónimo promovida polo abade Rodrigo de San Xes, bispo de Laodicea, a finais do século XV, e segue a considerarse marabilla artística da época. A de Pazos, que se supoñía medieval, é na realidade unha ponte do século XVIII, impulsada e pagada polos veciños de Lebosende, que tivo como mestre de obras a Carlos de Rivas, natural de San Salvador de Xirazga, na Terra de Montes; o seu arco maior, o único que perdura, é unha das ruínas máis fermosas e evocadoras de Galicia. Estas tres grandes pontes monumentais, todas anteriores a 1800 e repartidas en pouco máis de dez quilómetros de conca, constitúen un caso único en Galicia e unha das leccións máis claras sobre a importancia que acadou o Ribeiro de Avia no Antigo Réxime.

Ponte de Ribadavia
Pero hai outras dúas pontes importantes no Avia, as dúas do último cuarto do XIX: a ponte de ferro de Ribadavia, de estilo Eiffel, na liña de ferrocarril Ourense-Vigo, e a magnífica ponte de pedra da Esperela, construída cando se modificou o trazado orixinal da estrada Ribadavia-O Carballiño para facilitar o paso desta vía por Leiro, na que foron mestres canteiros os irmáns Cerviño, José e Pedro, de Aguasantas (Cotobade), primos do famoso escultor José Cerviño, artífice de obras tan admiradas como o cruceiro de Hío, a torre da igrexa de Beariz ou algúns pasos da Semana Santa de Cangas.
Tampouco podo esquecerme de dúas pontes máis sinxelas pero non exentas de encanto: a Ponte das Poldras e a Pasarela, as dúas en Leiro. A primeira é unha monumental ponte de poldras de trece piares que une o Campo da Feira de Leiro co Salgueiral de San Clodio, nunha paisaxe bucólica de gran beleza; foi construída arredor de 1850 para enlazar Leiro coa daquela nova estrada Ribadavia-O Carballiño, que cruzaba o Avia pola Ponte San Clodio e non pasaba por Leiro. A segunda é unha ponte peonil colgante que foi construída pouco despois do Cámping, a mediados dos sesenta, para facilitar o paso do centro de Leiro ó propio Cámping e zona de baños do Misieiro.

Desde os anos setenta ata agora construíronse seis pontes máis  sobre o Avia, aproveitando o invento do formigón pretensado, pero esquecendo algo fundamental: que nas pontes a dimensión estética resulta esencial, non basta con atender á funcionalidade. Como consecuencia, eses novos viaductos resultan vulgares. Tamén hai un par de pasarelas novas... Pero só as vellas pontes do Avia merecen a dedicatoria dun dos versos máis sublimes de J. Keats: «A thing of beauty is a joy for ever». Unha cousa fermosa é un gozo para sempre.

Ponte San Clodio

Artigo publicado no diario La Región o domingo 12 de marzo do 2017

domingo, 12 de marzo de 2017

Pontes


Comezou bravo o mes de febreiro que vén de rematar. Pero logo chegaron eses “barruntos de primavera”, que tanto lle gustaban a Delibes, cargados coa súa luz madura e doce. E a xente, coma cada ano, saíu ós camiños soleados, ó paseo apracible e á parola amigable.
Neses anuncios da primavera é cando máis me comprace achegarme ós ríos para contemplar o paso das augas desde as pontes. Porque non existen augas máis puras, nin máis claras, nin máis cristalinas cás primaverais. A observación do seu curso tamén pode realizarse en paisaxes exentas de pontes, pero non é o mesmo: as pontes introducen un elemento cultural coase imprescindible na boa contemplación.
Temos a sorte inmensa de vivir nun país de fermosos ríos e con fermosas pontes. Cunqueiro, que bautizara a Galicia como o “país dos mil ríos” e que tiña entre as súas aspiracións máis firmes a de ser “pastor de ríos”, tamén era un gran admirador das pontes: «Habrá que hacer en su día el catálogo y elogio de las puentes de nuestros ríos [...] Bajo ellas pasan aprendiendo mesura y geometría»... E eu adoro esta lección cunqueirana das pontes: non basta coa fermosura enxebre do natural, tamén o natural precisa modelarse mediante a aprendizaxe da mesura e da xeometría!  Si; “nuestra vida son los ríos...”, pero a cultura póñena as pontes.
Sabían da importancia das pontes os nosos devanceiros. Na Idade Media, as pontes eran consideradas obras boas e meritorias, sendo moitas as persoas que incluían mandas nos seus testamentos para contribuír con tan loables empresas: «Mando aa ponte de Poul se se fezer, e V aa do Arinteyro, se se fezer [...]. Mando aa ponte d´Ourense XX soldos», rezaba, por exemplo, o testamento dun tal Pedro Peláez de Vilar do ano 1292. E aquí hai que destacar o importante papel que xogou a Igrexa, demostrado tamén polas obras de santos coma Santo Domingo da Calzada ou San Xoán de Ortega, promotores de pontes fundamentais do Camiño de Santiago, ou, máis relacionado con nós, San Pedro Telmo, patrón de Tui, que habitou por un tempo en Ribadavia, a quen a tradición atribúe a construción das pontes de Ribadavia e de Castrelo, o mesmo que, talvez con máis fundamento, a da Ramallosa, sobre o Miñor.
En todo caso, non cabe dúbida do impulso civilizador das pontes: Pontevedra, Ponteareas, Ponteceso, Pontedeume, Pontedeva, Ponterriza, Ponte Barxas, Ponte Mandrás, Ponte Navea, ..., Ponte San Clodio. Medio país naceu a carón delas. Incluso podemos dicir o mesmo da cidade de Ourense, porque, con independencia da existencia de poboamentos anteriores, a cidade como tal, segundo defendía a miúdo Ferro Couselo, debe a súa existencia e posterior crecemento á construción romana da Ponte. Por algo as pontes seguen considerándose paradigma da obra pública. Ás veces ata penso que se alguén quere coñecer un país, pode comezar pola observación e estudo das súas pontes. Nelas atopará  un compendio da súa historia e da evolución do gusto artístico das súas xentes, gusto que, como resulta evidente, non sempre foi a mellor...
 «Habrá que hacer en su día el catálogo y elogio de las puentes de nuestros ríos». E o catálogo pódese dicir que está feito, pero o eloxio non tanto: basta ver o estado de moitas delas. Otero Espasandín, o poeta de Cerdedo que nunca volveu do exilio,  fixo o eloxio poético das pontes do seu Lerez nativo; un eloxio fermosísimo, cargado da lírica melancolía do desterrado: «¡Quezáis un día, pontes da miña infancia,// volva a escoitar o merlo á vosa veira!..».
Case todos en Galicia, país de longos exilios, externos e internos, levamos as pontes da infancia prendidas na memoria... As miñas son as do Avia, pero delas escribirei outro día. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de marzo do 2017

domingo, 5 de marzo de 2017

O Estado Cultural


O Estado Cultural” é o título dun controvertido libro do intelectual francés Marc Fumaroli publicado en 1991 (ed. en castelán, 2007), pero que mantén a día de hoxe o mesmo interese ca cando saíu do prelo. Comeza lembrando algo bastante ignorado: que o primeiro Ministerio de Cultura do mundo democrático non apareceu ata 1959, na Francia de De Gaulle. A carteira fora para André Malraux, figura mítica da cultura francesa do segundo terzo do século XX e gran escritor, quen estableceu por decreto a obriga do Estado de facer a Cultura accesible para todos. A iniciativa resultaba encomiable, pero escondía algúns perigos para a cultura democrática.
Fíxase Fumaroli en que cando o Estado se converte no principal administrador da Cultura prodúcese a súa uniformización –á baixa- e queda sometida ó control público, que aproveita para cargala da ideoloxía oficial e volvela inocua para o poder. A Cultura, di Fumaroli, pasa así a ser «outro nome da propaganda».  En sintonía, deuse unha ampliación do campo semántico da palabra, que foi pasando daquel orixinal da “cultura animi” de Cicerón, referido ás actividades do espírito que procuran a elevación da natureza humana, a outro onde “todo é cultura”, mesmo a barbarie. Mentres, as preferencias do Estado, nese todo cultural, fóronse centrando nas actividades de ocio: na diversión das masas, moito máis rendible politicamente cá promoción do estudo e do traballo serios. Facilitouse así o establecemento do que Adorno e Horkheimer chamaron a “pseudocultura”, que crea a ilusión de ser culto sen apenas esforzo. De aí o neoburgués paradigmático, ó que Fumaroli denomina ironicamente “Homo otiosus et peregrinator”, definíndoo como aquel que «entra docilmente nos itinerarios marcados polas Arcadias do Ocio sabiamente organizadas». «É para eses zombies para quen traballan as máquinas culturais»: imaxinen a que montaron os que vivían de alimentar tales máquinas ó ler estas cousas! Porque outra das características do “Estado Cultural” é a de ser subvencionado: «Fálase da democratización da cultura, pero o que realmente sucede é que privilexia e protexe a un pequeno sector subvencionado no que se confunden funcionarios e artistas».
Todo o ensaio de Fumaroli está referido a Francia, pero o modelo, como calquera pode comprender, resulta plenamente aplicable a outros países, entre eles a España, que sempre seguiu os modelos culturais do país veciño con certo retraso. Aquí, o primeiro Ministerio de Cultura é de 1977, de cando Suárez; e foi o resultado da mutación da antiga “Secretaría General del Movimiento” da ditadura, ministerio do que Suárez fora titular, incorporando funcións de “Educación y Descanso”, a organización do sindicato vertical franquista que se ocupaba da distracción dos traballadores. Ata niso se observa coincidencia co modelo de Fumaroli, que sitúa a raíz do “Estado Cultural”, tan defendido e impulsado logo pola esquerda, na mesmísima “Kulturkampf” da Prusia de Bismarck, precursora dos departamentos de cultura popular da Italia de Mussolini e da Alemaña de Hitler, e tamén da Francia de Petain.
Fumaroli céntrase na política de Estado, pero sinalando que «do mesmo xeito que Galileo postulara a pluralidade de mundos, non hai vila nin rexión de Francia que non teña hoxe o seu propio sistema solar cultural»... Tampouco aquí queda autonomía, nin deputación nin concello, por pequeno que sexa, que non teña o seu sistema cultural administrando a mesma medicina anestesiante... E ningún tempo mellor ca este do Entroido para comprobalo.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 26 de febreiro do 2017

viernes, 24 de febrero de 2017

Mimosas


Ata hai corenta ou cincuenta anos, a maioría pensaba que todos os hábitos culturais nos que se desenvolvía a súa vida eran moi antigos. O motivo fundamental era que case ninguén tiña memoria do comezo de tales tradicións, e daquela os eruditos andaban escasos. Pasaba algo parecido coas paisaxes: un nacía entre viñas, socalcos e piñeirais e pensaba que alí sempre houbera viñas, socalcos e piñeirais; e o mesmo lle pasaba ó que nacera noutro tipo de paisaxe. Ata sucedía o mesmo coas institucións, pois raramente se cavilaba en que noutro tempo foran diferentes. Agora o mundo é máis cambiante e hai internet; en consecuencia, esta forma de pensar mudou algo.
En liña con isto, cría eu de rapaz que as mimosas sempre habitaran no Ribeiro: que nos outonos os ribeiraos sempre foran ós mimosais para facer a madeira das viñas; que as rosquilleiras sempre engarzaran as rosquillas que levaban ás festas en pauciños de mimosa; que as uvas do tostado sempre se colgaran do fallado en gallas de mimosa,  e que os mozos e as mozas sempre adornaran os seus sombreiros de entroido cos ramos amarelos e recendentes das flores das mimosas.
Pero lembro ben o día no que, sendo rapazote, descubrín a falsidade de todas esas crenzas: as mimosas viñeran de fóra e levaban pouco máis de medio século no Ribeiro. Foi un veciño, ó señor Luís ‘O Abeledo’ -que morreu  con cerca de cen anos haberá quince-,  quen me contou o  que seu pai lle dixera: que cando era mozo –no último cuarto do XIX- aínda non había mimosas na contorna de Leiro, e que as primeiras plantáranse en Berán, a onde ían a mercalas os dos pobos veciños. Pouco despois plantáronse por todo o Ribeiro. Contoume tamén que as estacas de antes das mimosas eran case todas de castaño, e que se lles queimaba a punta para que durasen máis, por iso lles chamaban “latizas”; pero que a enfermidade da “tinta” trouxera moita escaseza desta madeira. Sospeito que un relato semellante se escoitou por tódolos vales de Ourense, pois en todos se cultivaba o viño e se precisaban estacas.
Esa historia fixo que sempre estivese eu atento ós datos sobre as  mimosas. E se algún estudo retrasa a súa chegada ata despois de 1930, a maioría coinciden en que foron plantadas por primeira vez cando a chegada do tren a Galicia, nos terrapléns da vía férrea, para aseguralos. Para demostrar a falsidade da primeira data basta un verso dun poema de Samuel Eiján dedicado ó pombal da súa casa de San Clodio, publicado en 1913. Di: «Tiña por detrás mimosas para lle formar cortexo»; e alí continúan, o pombal e as mimosas. E con respecto á segunda data, vexan o que dicía esta cantiga popular: «Na túa horta, meniña, hai un pé de malva rosa; dáme del unha poliña, que eu cha darei de mimosa». Foi recollida por Marcial Valladares en 1867, cando aínda non asubiara ningún tren en Galicia... Si, por veces, a poesía tamén é unha arma cargada de pasado!
Estamos en tempo de mimosas. Tamén de desmemorias e desagradecementos. A mimosa, que en Francia ou en Italia é cultivada e a súa flor constitúe un bo negocio,  pasou aquí de ser cantada a ser aldraxada. Con frecuencia é tratada de inimiga e de invasora, e ata no dicionario da RAG figura este exemplo de uso: «as mismosas inzan tanto que constitúen unha verdadeira praga». Mentres, ninguén se acorda dos servizos que prestou nin da nota de alegría paisaxística e cultural que lle puxo ó  tempo do entroido. É certo que ultimamente se expandiu nalgúns lugares de xeito descontrolado. Pero non é culpa dela. Pensar iso é confundir os síntomas coa enfermidade. Porque a verdadeira enfermidade, sabémolo ben, é o abandono do campo e a extinción da sociedade rural galega.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 19 de febreiro do 2017

martes, 21 de febrero de 2017

Preocupación



Apenas houbo que esperar. A primeira declaración de guerra de Donald Trump como presidente dos EE UU produciuse tan só un día despois da investidura, e foi contra os medios de comunicación. Bastou a publicación dun par de fotografías constatando que a asistencia á súa toma de posesión fora inferior á de Obama do 2009 para que dixese que estaba en guerra cos medios e que entre os periodistas estaban «algunhas  das persoas máis deshonestas do planeta». Logo, o seu secretario de prensa Sean Spicer,  emulando ó Groucho Marx de «a quen vai vostede crer, a min ou ós seus ollos?», afirmaba que a cerimonia fora «a de maior audiencia nunca vista nunha toma de posesión. Tanto en asistentes ó acto coma a distancia.». Pero o máis comentado foi o dito pola conselleira Kellyanne Conway cando saíu en defensa de Spicer: «El o que fixo foi presentar feitos alternativos». Un concepto, este dos “feitos alternativos”, que trouxo á memoria de moitos a totalitaria e represiva sociedade orwelliana de “1984”, a súa “neolingua” e aquel sinistro  “Ministerio da Verdade” encargado da difusión masiva de mentiras. De feito, “1984”, a novela publicada por Orwell en 1949, que sempre fora lectura minoritaria, excepto cando a adaptación ó cine por Michael Radford, pasou nestas últimas semanas  a situarse entre os libros máis vendidos por Amazon. E xa acontecera algo parecido en Francia despois dos atentados do 2015 contra a redacción de Charlie Hebdo, cando ós poucos días se  esgotaran tódolos exemplares do “Tratado sobre a tolerancia” de Voltaire.
Este refuxio literario fronte ás ameazas totalitarias fíxome recordar un ensaio de Paul Valery: “A liberdade de espírito”, publicado en 1939 –atención á data-. Nese magnífico ensaio, apunta Valerý que é moi raro que pensemos en que somos libres cando nada nos demostra que non o somos ou que poderíamos non selo. Para el, a consciencia da liberdade só aparece por efecto dun contraste. Sería algo similar ó que ocorre coa saúde, que pouco pensamos nela cando a gozamos, pero que se converte en preocupación permanente cando a perdemos ou a vemos en perigo, momento ese no que todas as nosas forzas se concentran en tentar restablecela.
Pero se a sensibilidade diante dos males do corpo é bastante parecida en tódolos individuos, a sensibilidade fronte ós males que impiden o desenvolvemento das liberdades do espírito aparece moi diversa. E non resulta nada estraño que a imposición de obstáculos ó tránsito desas liberdades produza moita menos resistencias das que nun principio prevén os homes cultivados. Velaí unha das causas do frecuente trunfo dos tiranos na historia da humanidade. «Vostedes saben o que está pasando moi cerca de nós: observen os efectos desta presión sobre o espírito e observen ó mesmo tempo a pouca reacción que provoca», escribía  Valery referíndose ó que daquela estaba pasando en Alemaña, sen citala. A preocupación de Valery estaba ben xustificada: ós poucos meses de escribir iso xa sabemos o que pasou.
Non se trata de situacións comparables, é certo. Por sorte, se EE UU perdura como a democracia contemporánea máis antiga do mundo é porque non só conta con mecanismos de control e contrapeso suficientes para resistir ameazas totalitarias, conta ademais cunha opinión pública e cuns medios de comunicación que, como estamos vendo, non permanecen calados diante das arremetidas do novo presidente. 
O que talvez se bote en falta é unha maior reacción de Europa, unha das principais damnificadas polo discurso de Trump. Din moitos que convén esperar, que de momento case todo foron palabras. Pero eu quixeralles recordar algo: que no principio sempre foi o verbo.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de febreiro do 2017.