sábado, 21 de octubre de 2017

Spain is different

Talvez debería escribir sobre outras cousas e deixar o tema de Cataluña. Pero cando algún perigo ameaza debemos enfrontarnos a el: asubiar e mirar para outro lado non serve de nada. De feito, unha boa parte da gravidade do problema que temos vén diso: de que os primeiros obrigados a atallalo miraron para outro lado demasiado tempo. Agora entramos noutra semana crucial, na que ninguén sabe que vai pasar. Confiemos en que, coma ata agora, nada do que suceda sexa irreparable.
E aínda que case todo está dito, quixera insistir na idea do historiador Álvarez Junco que recollía no meu artigo de hai quince días, porque me parece moi importante:  que esta fase aguda do conflito catalán non nace do pobo de Cataluña, como pensa moita xente, senón dun enfrontamento entre as elites políticas, sinaladamente barcelonesas e madrileñas, que, incapaces de resolvelo nas institucións, acabaron transferíndollo á xente.
Hai uns datos que apenas se manexan e que a min me resultan moi significativos. O Centro d´Estudis d´Opinió (CEO), dependente da Generalitát de Cataluña e polo tanto libre de sospeitas de españolismo, publicaba o último barómetro sobre as opinións políticas dos cataláns en xullo deste ano; é dicir, noutronte. E, que nos dicía ese barómetro? Primeiro: un 35% dos cataláns quería que Cataluña fose un Estado independente, un 31% decantábase por que seguise sendo unha Comunidade Autónoma, un 22% por que fose un Estado dentro dunha España Federal e un 8% non sabía ou non contestaba. Segundo: un 39% das persoas entrevistadas sentíanse tan catalás coma españolas, un 23%  exclusivamente catalás, un 22% máis catalás que españolas, un 7% máis españolas ca catalás e un 5% exclusivamente españolas. En suma, que a maioría dos cataláns non estaba pola independencia e que o sentimento dunha nacionalidade  catalá exclusiva tamén era minoritario. Curiosamente, tan só dous meses despois, está moi estendida a crenza contraria: que os independentistas son maioría en Cataluña.  Non obstante, o certo é que seguirán sendo aproximadamente os mesmos. Porque a xente non cambia os seus sentimentos de identidade dun día para outro. Así o demostran todas as análises históricas deste tipo de cuestións. Cando, por exemplo, estudamos  como evolucionou a maioría parcial dos que se senten tan cataláns coma españois, vemos que o 39% actual era un 39,5% hai dez anos, e un 35% hai vinte e cinco; é dicir, que apenas houbo unha variación significativa de tal sentimento en todo un cuarto de século. O que si parece que medrou nos dous últimos meses, en case vinte puntos, foi a proporción dos que pensaban que se debía realizar un referendo. Pero iso non é un sentimento: é un estado de opinión, e as opinións si que varían, rápida e facilmente: hoxe nun sentido e mañá no contrario.
Reclaman os soberanistas, incansables, ese “dereito a decidir” que tan ben soa a oídos incautos, pero que ningunha democracia recoñece do xeito absoluto que o pretenden. E reclamaría eu, se mo permiten, un dereito que tampouco aparece en ningunha constitución, pero que debería figurar en todas: o dereito dos cidadáns a que os deixen tranquilos. Ós políticos elíxense e págaselle, fundamentalmente, para que resolvan problemas, non para que os creen. E á maioría absoluta da cidadanía xa nos chega ben cos contratempos que nos trae o azar da vida... Eu, se queren que lles diga, o que sinto nestes días é  unha profunda envexa. De quen? Dos cidadáns europeos que se levantan cada día sen temor a que ningún político iluminado poña en perigo o marco político e territorial no que se desenvolve a súa existencia. Pero xa se sabe: Spain is different.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 15 de outubro do 2017.

lunes, 9 de octubre de 2017

Ignorancia letrada

Na toma das rúas de Cataluña fíxome na abundante presenza de estudantes, dos que bastantes semellan ser  aínda alumnos de instituto. Tamén no perfil dos adultos, entre os que parece sobresaír o das persoas con estudos e de clase media. Todo isto conferiríalle certo plus de credibilidade ás demandas do independentismo, pois parecería quedar eliminada a posibilidade de que se trate de multitudes manipuladas; mentres, axudaría a difundir a crenza de que os fins pretendidos serían o froito dunha reflexión libre, meditada e desapaixonada.
Pero claro, as cousas poucas veces son o que parecen. Para comezar quero recordar algo que escribiu o gran intelectual George Steiner arredor da cultura: «Críamos que a educación aseguraría unha permanente mellora na calidade de vida e que onde florecía a cultura a barbarie só era un pesadelo do pasado. Hoxe sabemos que non é así... Porque as bibliotecas, museos, teatros e universidades prosperaron nas proximidades dos campos de concentración.». Por tanto, nin sequera unha educación exquisita nos vacina contra a barbarie, debendo estar sempre vixiantes.
Analicemos agora a cultura dos mobilizados. Dos rapaces, pola miña profesión, creo coñecer bastante ben como son a esas idades. Adoitan ser francos e honestos, pero tamén inocentes e arroutados. Senten, ademais, unha gran necesidade de admirar  e de mitificar: a un profesor, a un actor, a un deportista, a un equipo de fútbol, a un ideal político ou relixioso, ... Por iso adoitan ser carne de canón para os adoutrinadores, que saben o fácil que resulta atraelos a unha causa e, sobre todo, sacalos á rúa. Con respecto ós adultos, coido que, aparte doutras razóns, existe agora unha común “ilusión de saber” e de sentirse “cheos de razón”. Moita xente, por ter estudado algo e dispor de abundante información ó seu alcance, pensa que xa pode opinar con fundamento sobre calquera cousa, esquecendo que o mundo é complexo e que as opinións fundadas precisan dun esforzado estudo e de certo coñecemento da materia de que se trate. Desde logo, o que non basta é a lectura apurada dos twits e dos guasaps que nos mandan os amigos e a visión das fotos e vídeos adxuntos, que é o que agora se practica, sen cavilar en que son as redes o principal instrumento  de manipulación social.  
En suma, contra o que podería parecer, o que estamos é diante dunha enorme ignorancia política, dominada pola opinión irreflexiva manifestada de forma radical, sen termos medios: “me gusta/ no me gusta”. Hai, polo tanto, unha perigosa preponderancia do visceral e un abandono da razón. Entramos así no marco preferido polo populismo, un dos maiores inimigos da democracia representativa: «un perigo que ameaza con destruír a propia democracia», en palabras de Pierre Bordieu. E nesas estamos en Cataluña, coa CUP (8,2% dos votos) marcando o paso.
Na miña función docente sempre trato de aclarar que non tódolos coñecementos teñen a mesma categoría: a lei de Ohm, con ser moi importante, non se pode comparar coas leis de Newton, que son principios fundamentais da Física Clásica. E iso que ocorre coa estrutura da Física ocorre coa de calquera outra materia, incluída a de estrutura do Estado, onde tamén hai leis e principios de categorías diferentes. Entre as leis, a primeira é a Constitución, e entre os principios, o primeiro é o de legalidade. A fortaleza desa lei e dese principio e a necesidade da súa defensa por parte do Estado resultan indiscutibles.
O que sorprende –talvez non tanto- é descubrir a cantidade de políticos, galegos incluídos, que estarían dispostos a deixar pisar tales principios e a permitir o afundimento do Estado con tal de conseguir os seus obxectivos.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de outubro do 2017.

Josep Pla

Ninguén sabe o que vai pasar este xa fatídico 1-O da historia de España e de Cataluña, pero o que desexamos case todos é que pase en paz. Mentres, resulta  case imposible situarse á marxe do gran problema no que nos meteron. Porque, tal como di o historiador Álvarez Junco, isto nace dun conflito entre as elites políticas, basicamente barcelonesas e madrileñas, competindo por apropiarse de competencias e recursos. Foron elas as que encirraron ó pobo, e agora estamos onde estamos. O pobo, en xeral, salvo catro exaltados, o que quere é tranquilidade e benestar, pero as elites son conscientes de que tampouco é tan difícil mobilizalo apelando a sentimentos e paixóns enquistadas. Os políticos responsables, que saben que non todo está permitido para tombar ó contrario, abstéñense de tocar certos rexistros. Pero cando medra a irresponsabilidade da clase política, como ten medrado en España, abandónase ese principio e calquera cousa pode suceder. Dito isto, subliño que a responsabilidade principal do que está pasando correspóndelle ó goberno da Generalitat.
E nestes días de voraxe informativa, cando escoitaba as opinións dalgúns dos  manifestantes que tomaron as rúas de Cataluña, lembreime de Josep Pla (1897-1981), un dos máis grandes escritores que ten dado Cataluña e referencia intelectual permanente para min.
Aparte da admiración mutua por Montaigne, Proust, Baroja ou Machado, comparto moitas das ideas do Pla maduro e experimentado -menos do Pla mozo-, pero a máis importante talvez sexa a do escepticismo respecto dos homes. «Non creo moito nos seres humanos» e  «Este mundo resulta incompatible coas persoas honradas» son dúas sentencias de Pla que subscribo totalmente. E asombroume ver como estudantes universitarios que apenas entraran na primavera da xuventude xa tiñan totalmente claras as raíces e as saídas do irresoluble problema de Cataluña, o mesmo cós adultos consultados. Pla, lembrando a súa xuventude, escribira: «Ós vinte anos tense unha visión moi simplista das cousas»; e sobre Barcelona e os barceloneses apuntara algo que agora resulta común en calquera sitio: «Esta é unha cidade na que todo o mundo o sabe todo». Mal o ten entón a razón traballada (non hai outra) nesta contenda.
Entusiasmados, os entrevistados falaban da república ideal que van crear: democracia perfecta, traballo para todos, servizos sociais inmellorables, corrupción cero, ...: unha Arcadia feliz. E outra vez Pla, nesta ocasión contestando a alguén que lle falaba mal da monarquía: «Se vostede me di que a monarquía é unha merda eu contéstolle con obxectividade total que a república tamén o é. As obras dos homes son o que son, e non poden ser outra cousa».
Tamén saía o tema do inxusto trato económico a Cataluña. E Pla, que coñecía moi ben a historia do seu país, xa tiña resposta para esta vella cuestión e para a asociada en favor da independencia: «A riqueza catalá parte de Joan Güell y Ferrer, impulsor do proteccionismo en España; desde entón Cataluña é un país inmensamente rico, groseiro e espantoso»; «O  catalanismo non debería prescindir de España: os cataláns fabrican moitos calzoncillos, pero non teñen suficientes cus».
Pla sabía moito da política e dos políticos cataláns, pasara polo nacionalismo e incluso polo independentismo, pero despois dos sucesos da II República e da total falta de lealdade de Esquerra con España, acabou repudiando o catalanismo político (que non o cultural) e posicionándose en contra de calquera variante do irredentismo e do vitimismo catalán.
Apunte final: desde 1969 entrégase en Cataluña o Premio de Honor das Letras Catalás. A Josep Pla, o seu escritor máis universal, nunca se lle concedeu.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 1 de outubro do 2107.