sábado, 23 de diciembre de 2017

Unha noticia boa

Non se fagan ilusións: cando isto escribo (xoves 26), non teño ningunha boa nova que ofrecerlles, nin de Cataluña nin dos incendios; a este respecto, máis ben todas son malas. O único que se me ocorre é unha reflexión: metemos  a un paisano no cárcere polo incendio imprudente dunha hectárea de monte, e mentres, ós que decidiron incendiar todo o país desde Cataluña mantémoslle soldo, coche oficial e escolta. Alguén pode explicar isto? Eu non.
Penso, xa que logo, en escribir algo en positivo. Así que me poño a revisar apuntes das últimas semanas, e, aínda que poucas, algunhas cousas eloxiables atopo.  Talvez a máis importante, a relacionada cun problema medioambiental global que xa vén de lonxe: o burato de ozono.
O problema evidenciouse a principios dos setenta, cando se detectou un anormal adelgazamento da chamada capa de ozono (O3), unha barreira protectora formada por moléculas desta substancia alótropa do osíxeno, causante da absorción na estratosfera de máis do 90% da radiación solar ultravioleta de alta frecuencia, capaz de producir un enorme incremento nas taxas de cancro de pel en humanos e animais, mentres deixa pasar  a de baixa, fundamental para a fotosíntese. As reaccións fotoquímicas de síntese e descomposición do O3 que se dan na estratosfera deben manter un equilibrio moi delicado, e nos setenta constatouse que tal equilibrio se rachara, ó detectar un importante incremento da radiación ultravioleta que chegaba á Terra, sobre todo no hemisferio Sur. E foron dous químicos de California, Molina e Rowland, os que descubriron que a causa principal do problema estaba no uso masivo dos gases clorofluorocarbonados (CFC), utilizados daquela en aerosois e refrixerantes. Tales compostos, unha vez liberados na atmosfera, producen radicais cloro na estratosfera, que son os que eliminan o ozono, transformándoo en osíxeno molecular (O2) e privándonos de paso deste beneficioso e natural escudo protector. Por ese traballo recibiron os citados químicos o premio Nobel en 1995. O descubrimento mobilizou á comunidade internacional nos anos oitenta, asustada ó ver como o burato de ozono continuaba medrando. Así, en 1985, 197 estados asinaron o Convenio de Viena para a protección da capa de ozono. Ó seu abeiro  confeccionouse o Protocolo de Montreal de 1987, documento no que se establecían os prazos de redución e eliminación dos CFC e dalgunhas outras substancias (caso dos HCFC) que se descubriron prexudiciais para a capa de ozono.
Hai aproximadamente un mes, en Bogotá, Megumi Seki, do secretariado da ONU para o tema do ozono, anunciou que o burato sobre a Antártida rexistrara este ano o menor tamaño desde 1988, o que se considerou un gran éxito da política medioambiental global, aínda que tamén avisou que non se pode baixar a garda, xa que aparecen novos desafíos.
O Protocolo de Montreal é utilizado en numerosas ocasións como exemplo do que pode lograr a comunidade internacional cando actúa unida. Os grandes problemas da humanidade son agora globais, e as solucións tamén. Para eles non existen fronteiras. Por iso non pode causar máis ca unha inmensa pena ver  a todos eses cataláns emperrados, en pleno século XXI, en levantar unha fronteira onde ata agora non a  había; e como, cegos por lograr ese fin, non reparan nos inmensos danos que tal conduta  vai traer, para os cataláns mesmos e para o resto dos españois.
Os independentistas cataláns ignoran unha advertencia central que fixera o gran Keynes: non basta con prometer algo teoricamente mellor có que temos, a mellora debe compensar os males que inevitablemente traerá a transición ata o estado prometido.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de outubro do 2017.

No hay comentarios: